venres, 18 de outubro de 2019

A ESTRADA DA VIDA


A ESTRADA DA VIDA
Autores: Manoele de Felisa e Xosé Luna
Edita: Arteson Producións

Xénero: Literatura Galega - Poesía - Música - Libro CD


Coñecer, transmitir e amar, tres verbas nun remuiño centrípeto en magnánima inspiración, que se mecen harmoniosas no vizoso berce poético de Xosé Luna.

Un barrelo que navega na ondada oceánica, abalando e devalando acada a nosa terriña para bambear, mentre maxina ás para dende o aire compartir. Desexando acougar preto da Lúa e ollar o firmamento na procura dun ronsel de amoríos.

Soñado pentagrama poético impregnado de profunda e intensa admiración pola vida e a nai natura, suxestivas composicións para ser musicadas e interpretadas baixo o coruscar de fuxidíos luceiros do amencer.

Manoele de Felisa e Xosé Luna logran neste traballo conxunto unha inseparable dualidade, forman o binomio ideal do que gurgulla unha insaciable fontela de acordes excelsos e universais con mérito de ondas.

A voz de Manoele acada o máis íntimo, agarimosa emerxe enraizada na mesma terra, nas cousiñas sinxelas e cotiás. O resultado é unha acompasada sonoridade que consegue mergullarnos nunha entropía de sensacións no Aquén. mentres entre brancas sabas feiticeiras nos leva ata o Alén.

Estamos ante unha obra de dous grandes, Manoele de Felisa e Xosé Luna, unha alfaia rítmica, para escoitar e gozar dunha fantasía que consegue unha auréola de soños e realidades estimulantes de ilusións que visualizan un pórtico de felicidade. Sons profundos de poemas interpretados pola voz única e sofisticada que repenica identidade ennobrecendo a orixinalidade dun poetizar arraigado á vida.

Vitalidade na intensidade e na fermosura das letras de cada un dos poemas, suxestivos brincan e gozan inmersos na interpretación; luzada, ronsel, belida, pereiriños, pandeirada, fuxidíos, oasis, amorodo, música, amor, aperta, terra...

Que acolle no seu doce murmurio o trazo lene e onírico de Amalia López Brea, percorrendo imaxe a imaxe unha estrada de traballo e ilusión para moldear ese camiño que nos traslade dende a diminuta loaira ata o resplandor do intenso estralampo.

Dende o absorbente encanto da noite estrelada e as efémeras pombiñas de escuma acuosa que foxen dunha pétrea furna, conquistando esmorecer no ar na procura da luarada. Parabéns mergullados na intensa luminosidade do Ilicinio por tan exquisita obra a Xosé, Manoele e Amalia, así como a todos os que dalgunha forma colaboraron.

ISBN: 978-84-16456-77-2
Nº de páxinas: 55
Encadernación: Tapa dura
Formato: 17,5 x 24,5 cm






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger