xoves, 9 de maio de 2019

ACTIVIDADES DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS EN BIBLIOPAZOS

BiblioPazos, a Biblioteca Pública Municipal do concello de Pazos de Borbén ten organizado dúas actividades para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS que este ano está adicado ao escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS.

As actividades que levaremos a cabo son as seguintes:


-Do 10 ao 31 de maio realizaremos na aula de informática da biblioteca cos usuarios da Asociación ASPAVI un Obradoiro literario sobre Antonio Fraguas Fraguas no que utilizaremos as novas tecnoloxías e os recursos -tanto en liña como para imprimir- proporcionados polo Seminario Galán na súa páxina web, co obxectivo de dar a coñecer a figura e a obra do autor homenaxeado este ano no DIA DAS LETRAS GALEGAS.


-Exposición de cartelería do Día das Letras Galegas 2019, da proposta "Insuela", realizada polo IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo (Pontevedra), que resultou gañadora no Concurso das Letras Galegas 2019 na categoría de secundaria, bacharelato e outras ensinanzas convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, co desexo de afondar no coñecemento do autor homenaxeado, Antonio Fraguas Fraguas, e de lle achegar a súa obra á sociedade galega.

Coa difusión desta exposición, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende dar a coñecer a figura e a obra de Antonio Fraguas Fraguas e, así mesmo, salientar a súa participación, como escritor ou como impulsor, en todas aquelas manifestacións culturais de transcendental importancia que ao longo do século XX contribuíron ao proceso de fixación da nosa lingua e de valoración da nosa cultura.

A exposición se caracteriza pola perfección técnica, que se conxuga coa modernidade nunha serie de carteis que mostran a traxectoria vital e o legado intelectual de Antonio Fraguas -unha obra dignificadora de cultura popular e das tradicións galegas a través de disciplinas diversas como a etnografía, a xeografía ou a historia- de forma parella ás circunstancias que condicionaron o devir histórico da Galicia do século XX.

Esta exposición poderá visitarse do 10 ao 31 de maio no vestíbulo da Casa do Concello.


Nas mesmas datas poderá visitarse tamén, nesta ocasión nas instalacións da Biblioteca Pública Municipal, a cartelería en pequeno formato (A4) desta mesma exposición; e tamén a da exposición gañadora na categoría de centros de educación infantil e primaria "Antonio Fraguas, con A de agarimo e F de folclore" do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña). Esta última trátase dun harmonioso conxunto de carteis que combinan o coidado estético co emprego das tecnoloxías da información e comunicación para plasmar a vida e a obra do intelectual galeguista. A través deles, ofrécese unha imaxe de Fraguas como docente e estudoso e destácanse na súa traxectoria os valores de bondade, xenerosidade e, sobre todo, amor pola cultura e polas tradicións galegas.

VEN VISITARNOS E PARTICIPA NAS ACTIVIDADES DE BIBLIOPAZOS.

2 comentarios:

  1. Hola gustariame participar nalgunha das actividades do dia das letras galegas cos meus usuarios da casa do maior

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Na biblioteca estaríamos encantados de que participedes. Podes contactar con nós o luns no teléfono 986 497 273. Grazas polo teu comentario.

      Eliminar

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger