xoves, 26 de outubro de 2017

BIBLIOPAZOS RECIBE UN DOS PREMIOS MARIA MOLINER 2017

O pasado día 24 de outubro foi un día MOI ESPECIAL para a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos e para o persoal que traballamos na mesma.

Ese día coincidindo coa celebración do DÍA DA BIBLIOTECA déronse a coñecer os 300 proxectos premiados na XVIII Campaña de animación á lectura María Moliner 2017, convocada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a Federación Española de Municipios e Provincias e a Fundación Coca-Cola.

Entre os premiados atópanse 14 bibliotecas galegas, e entre esas 14 bibliotecas galegas está a de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS".

É o primeiro ano que nos presentamos a estes premios e estamos moi ledos de ter recibido este recoñecemento á labor bibliotecaria no noso concello polo proxecto presentado: "Conta, canta, le e aprende na natureza".

Este recoñecemento non sería posible sen a colaboración de moitas entidades e persoas coas que queremos compartir e facer extensivo o mesmo pola súa axuda na realización e organización das actividades e/ou o patrocinio das mesmas:


O noso especial agradecemento para:

  • Uxía Porrit Lueiro, mestra do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.
  • Alvaro Martínez Leiro, Presidente da Comunidade de Montes de Moscoso.
  • Antonio Fernández Costas, Presidente da Comunidade de Montes de Borbén.
  • Jorge Alvarez García, veciño de Amoedo.
  • Isabel Comesaña Fernández, veciña de Nespereira.
  • Ruth Galindo, bibliotecaria de Híjar - Las Gabias (Granada).
  • Mª Elena Becerra e Mª José Villar de Bibliotecas de Redondela.
  • Ledicia Costas, escritora.

E, por último, agradecer tamén a todos os profesionais que participaron nas actividades de BiblioPazos.

Esta concurso de carácter estatal ten por obxecto premiar a aquelas bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo proxectos de animación á lectura, especialmente entre nenos e xóvenes, así como actividades de integración social con poboación en risco de exclusión social ou con algún tipo de discapacidade, e proxectos de boas prácticas na labor bibliotecaria.

Presentáronse 604 proxectos este ano, e a comisión de valoración seleccionou aos 300 mellores, tendo en conta criterios como a claridade e o interese do proxecto para a animación lectora, a boa planificación e a viabilidade do proxecto, así como a orixinalidade e a inmersión en novas tecnoloxías que conteña a proposta. A estas 300 bibliotecas outorgaselle un premio metálico de 1706,66 euros para a compra de libros.

Ademais, a comisión de valoración concede tres premios especiais dotados con 12.000,00 euros, un para bibliotecas de municipios de menos de 5.000 habitantes, outro para bibliotecas de municipios entre 5.001 e 20.000 habitantes e outro para bibliotecas de municipios entre 20.001 e 50.000 habitantes.

Este ano o premio especial para bibliotecas de municipios entre 5001 e 20000 habitantes foille concedido á Biblioteca Pública Municipal de Verín polo seu proxecto Voluntariado cultural con chic@s para el fomento de la lectura, do cal a comisión de valoración destaca a súa consolidación como un referente cultural na súa localidade, e o seu carácter transfronteirizo levando as actividades da biblioteca a aldeas cercanas de Portugal.

Desde BIBLIOPAZOS queremos felicitar ás 14 bibliotecas galegas seleccionadas, en especial á Biblioteca Pública Municipal de Verín, polo seu bo traballo de dinamización e animación á lectura, e ás bibliotecas veciñas de O Porriño e Redondela.

MÁIS INFORMACIÓN:
 

2 comentarios:

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger