mércores, 2 de abril de 2014

Dia Internacional do Libro Infantil 2014

 
 
O Día Internacional do Libro Infantil (International Children's Book Day)  celébrase todos os anos o 2 de Abril. É unha oportunidade especial para ver ou ler un libro cos nosos fillos, unha actividade estimulante e divertida onde as haxa.

Conmemórase neste día porque é o aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen (1805-1875), escritor danés de contos tan famosos como "A sereíña" ou "O patiño feo".

Este día é promovido polo IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) desde o ano 1967. Con este motivo, en moitos lugares do globo terráqueo lévanse a cabo distintas celebracións destinadas a promover a lectura entre os máis pequenos da casa e tamén co ánimo de inspirar amor polos libros e a lectura e para chamar a atención da comunidade internacional sobre a literatura infantil e xuvenil.

Cada ano unha Sección Nacional deste Organismo Internacional patrocina o día e invita a un escritor do país a escribir unha mensaxe para os nenos do mundo e a un ilustrador a deseñar un póster, materiais que se utilizan en todo o mundo para promocionar os libros e a lectura.

Para o 2014 a sección irlandesa difunde o cartel de Niamh Sharkey e a mensaxe de Siobhán Parkinson.

A OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil), sección española do IBBY promove a celebración en todo o Estado a través das súas Seccións e pide a colaboración das bibliotecas e librerías de España para que organicen unha actividade.

En Galicia encargase da súa difusión e organización dos eventos a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), que forma parte da OEPLI xunto coas seccións do Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, do Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil "ClijCAT" e a Asociación de Literatura Infantil y Juvenil en lengua vasca "Galtzagorri Elkartea".

MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2014  

CARTA AOS NENOS DO MUNDO

OS LECTORES, a miúdo lle preguntan aos escritores como escriben as súas historias - De onde saen as ideas? Veñen da miña imaxinación, contéstalles o escritor. Ah, claro, adoita responder o lector. Pero, onde está a túa imaxinación, de que está feita e é certo que todo o mundo ten unha?

Ben, responde o escritor, está na miña cabeza, por suposto, e está composta de imaxes e palabras e recordos e rastros doutras historias e palabras e fragmentos de cousas e melodías e pensamentos e rostros e monstros e formas e palabras e movementos e palabras, ondas e arabescos e paisaxes e palabras e perfumes e sentimentos e cores e rimas e pequenos estalos e asubíos e sabores e explosións de enerxía e adiviñas e brisas e palabras. Todo iso xirando aí dentro e cantando e comportándose como un calidoscopio e aboiando e sentándose e pensando e rañando a cabeza.

Por suposto que todo o mundo ten imaxinación: sen ela, non seriamos capaces de soñar. Porén, non toda imaxinación ten as mesmas cousas dentro dela. Probablemente, a imaxinación dos cociñeiros conteña na súa maioría sabores, da mesma maneira que a imaxinación dos artistas conterá sobre todo cores e formas. A imaxinación dos escritores está principalmente chea de palabras.

Para os lectores oíntes de historias, as súas imaxinacións tamén se nutren de palabras. A imaxinación dun escritor traballa, dá voltas e dá forma ás ideas, aos sons, ás voces, aos personaxes e aos acontecementos ata convertelos nunha historia; esta historia non está composta doutra cousa que non sexan palabras, batallóns de garabatos desfilando polas páxinas. Entón ocorre que, de pronto, chega un lector e eses garabatos cobran vida. Seguen estando na páxina, seguen parecendo garabatos pero tamén están choutando na imaxinación do lector, e este dá forma e fía as palabras para que a historia agora teña lugar na súa cabeza, como tivo lugar na cabeza do escritor.

Este é o motivo polo que o lector é tan importante para unha historia como o é o escritor. Só hai un escritor para cada unha delas, pero hai centos ou miles ou incluso ás veces millóns de lectores de historias, que len no mesmo idioma que o do escritor ou que quizais ata lean traducións en moitos outros idiomas diferentes. Sen o escritor, non nace o conto; sen todos os miles de lectores arredor do mundo, o conto non chegará nunca a vivir todas as vidas que pode vivir.

Todo lector dunha historia ten algo en común cos outros lectores desa mesma historia. Separadamente, aínda que tamén dalgunha maneira xuntos, eles recrearon a historia na súa propia imaxinación: unha acción que é tanto privada como pública, individual como común, íntima como internacional.

É, posiblemente, o que os humanos fan mellor.

Seguide lendo!
 
Siobhán Parkinson
Autora, editora, tradutora e gañadora do Premio na nÓg
Traducción: Concha Blanco

 
 
En BIBLIOPAZOS celebraremos o Día Internacional do Libro Infantil coas  actividades que se indican a continuación e que terán lugar a partir das 13:00 horas na Sala de Lectura:
  1. Lectura polos asistentes da mensaxe da escritora Siobhán Parkinson para o 2014.
  2. Lectura dun conto de Hans Christian Andersen.
  3. Obradoiro Creativo "Xogando coas letras" a cargo de Patricia Martínez de EDUVIA.
Fonte: OEPLI e GALIX

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger