sábado, 16 de maio de 2026

"CONTOS PARA CONTAR CARTOS" con AVELINO GONZÁLEZ na III FESTA DOS NOSOS MAIORES en Pazos de Borbén

 

Ola seguidores da Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos.

Informámosvos que o vindeiro Sábado 23 de Maio de 2026, ás 17:00 horas, na Praza do Concello teremos con nós ao actor, contador e monologuista AVELINO GONZÁLEZ co seu espectáculo "CONTOS PARA CONTAR CARTOS" que ofrecerá a súa actuación na III FESTA DOS NOSOS MAIORES cun feixe de contos e historias que garantirán moitas risas e diversión para os asistentes a este evento.

"Os cartos andan nas mans de todo o mundo (máis ou menos!), témolos todo o mundo na cabeza (tamén máis ou menos) peeero… case non os tocamos!

Hai quen di que, en realidade, non existen.

Hai quen di que os cartos só deberan estar na man de quen sabe usalos, debera estar avisados os seus efectos, como se fai no tabaco, e debera recomendarse lavar as mans sempre despois de tocalos.

Os contos que falan dos cartos, en realidade falan de como somos e de que nos importa. E da cantidade de estupideces que chegamos a facer por eles!

Se cadra estes contos axudan a botar contas.

Son contos que contan cartos: Canto nos importan, canto os gardamos, canta falta fan, e canto os queremos.

A economía é: Tes ou non tes. Os problemas económicos son: cantos queres ter.

E a solución está en: Ah, carallo! Quen a soubera!"

Sempre cun ollo posto no local, na tradición e na actualidade, Avelino González intenta incorporar historias do sitio onde fai as actuacións.

As historias conviven con nós. A tradición é unha peneira que non deixa de peneirar, neste caso contos.

E os que chegaron aos nosos días, chegaron porque son bos, porque teñen sentido, e porque cumpren ca función para o que foron creados pola xente, descoñecida pero con nome, que os creou e os contou. Para rir e facer rir.

Xosé Avelino González Fernández, coñecido como AVELINO GONZÁLEZ (Comesaña, Vigo, Pontevedra, Galicia, España; 1962) é un actor, contador, monologuista, tradutor, director de teatro é... o que faga falta.

Disto de actuar gústalle todo, ata picar entradas. Ó ultimo que fixo en teatro é: “Apaga o Candil” de Contraproducións Teatro, dirixido e escrito por Cándido Pazó. “O mel non caduca” de Ibuprofeno Teatro, dirixido por Sante Cortegoso, onde fai de todo e ademáis actúa en “Guerra de Identidade” de DeUve, que dirixíu. “Commedia, un xoguete para Goldoni” dirixido por Cándido Pazó para Contraproducións, onde fai de Brighella. Fai cine e sae na tele en “Cuñados” de Portocabo; “Padre Casares” e "Serramoura" da TVG, “Seis Hermanas” da TVE1... E conta contos, historias, monologuea, de Polonia a Cuba, de Inglaterra a Cádiz, dende o ano 99 e ata a fin dos tempos. Polo camiño fai obradoiros de teatro, radioteatro, podcasts, etc. Todo é contar cousas bonitas. (E si, gústanlle as abellas, de sempre son unhas máis da familia) Para máis cousas: https://avelinogonzalez.gal/

Este espectáculo forma parte do programa de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega organizado pola Biblioteca Pública Municipal dependente da Concellería de Cultura do Concello, e conta coa axuda económica da Deputación Provincial de Pontevedra a través do circuito de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia "+ESCÉNICAS 2026".

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

venres, 15 de maio de 2026

"VIAXA COS LIBROS" un espectáculo de artes escénicas para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Continuamos coas actividades do Programa de Animación á Lectura e de Dinamización da Lingua Galega de 2026 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - BiblioPazos neste mes de Maio para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS.

E para iso contaremos coa presencia de MANUEL SOLLA BARRAGÁNS de EXPRESIÓN PRODUCIÓNS que nos traerá ao Auditorio do Concello o seu espectáculo de artes escénicas "VIAXA COS LIBROS" o próximo Venres día 22 de Maiio a partir das 13:00 horas.

VIAXA COS LIBROS é un espectáculo de artes escénicas cheo de ilusión que combina, teatro, contacontos, monicreques, cancións e maxia.

Un espectáculo interactivo, dinámico e divertido

Esta actividade forma parte tamén do programa de dinamización da lectura "LER CONTA MOITO" que promove a Direción Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaboración cos concellos que teñan as súas bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Convidamos a asistir a este evento a todo o alumnado de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; aos usuarios da Asociación ASPAVI e a todas aquelas veciñas e veciños que se inscriban previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.

Desde a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén animamos a toda a veciñanza a conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS e a participar en calquera das actividades que levamos e cabo e tamén nas que se realizan noutras bibliotecas, escolas e outras institucións da nosa comarca; animando aos mais novos a que lean polo menos 20 minutos cada día, e mellor si o fan na nosa lingua galega.

A entrada é de balde ata completar o aforo do local.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

mércores, 13 de maio de 2026

LUPUS DESDE O PUPITRE, OBRADOIRO "LÚA FALA DO LUPUS" impartido pola Asociación Galega de Lupus (AGAL)

Continuamos co Programa de Animación á Lectura e de Dinamización do uso da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos” neste mes de maio cun interesantísimo obradoiro de divulgación co que conmemoraremos o DÍA MUNDIAL DO LUPUS e co que queremos aportar o noso gran de area para dar visibilidade e concienciar á cidadanía sobre a esta enfermidade que afecta a moitas persoas en Galicia.

O obradoiro “LUPUS DESDE O PUPITRE - LÚA FALA DO LUPUS” terá lugar o próximo Mércores 20 de Maio de 2026 a partir das 10:20 horas na Biblioteca do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e está dirixido ao alumnado de 6º de Educación Infantil e de 1º de Primaria deste centro educativo.

O día 10 de Maio de 2026 (Domingo) é a data de conmemoración do DÍA MUNDIAL DO LUPUS; una data establecida en 2004 durante o VII Congreso Internacional de Lupus Eritematoso Sistémico. Impulsada pola Federación Mundial do Lupus (World Lupus Federation), esta xornada ten como obxectivo sensibilizar á poboación sobre esta enfermidade autoinmunitaria crónica, promover a investigación e mellorar a atención médica para quen a padece.

Un obradoiro arredor do conto “LÚA FALA DO LUPUS” da colección Os Bolechas Guías editado por Bolanda Edicións e Marketing, pensado para achegar ao alumnado unha realidade pouco coñecida dun xeito próximo e adaptado á infancia. A través dun caderno de actividades, invítase á infancia a reflexionar sobre a diversidade, a empatía e o respecto ás persoas que conviven cunha enfermidade.

A proposta favorece a comprensión lectora e a educación en valores, ao tempo que promove o uso da lingua galega nunha xornada distendida e lúdica. Desde a Asociación Galega de Lupus (AGAL) quérese contribuír a crear aulas máis inclusivas e sensibles ás distintas realidades das persoas.

A Asociación galega de Lupus (AGAL) naceu en 1997 na provincia da Coruña. É unha entidade sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, que desempeña un papel fundamental na mellora das condicións de vida das persoas con Lupus e a súa contorna en Galicia.

O Lupus é unha enfermidade sistémica, autoinmune, crónica e inflamatoria, cunha gran variedade de expresión clínica e caracterizada pola posible afectación de múltiples órganos e sistemas, para a cal non existe cura e que se estima que afecta a máis de 5.500 persoas en Galicia.


Esta actividade é totalmente gratuita e desde a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos queremos agradecer á Asociación Galega de Lupus (AGAL) as facilidades que nos deu para poder desenrolar esta actividade e que a nosa rapazada coñeza esta enfermidade dun xeito lúdico e divertido.

Por certo, todas aquelas persoas que queiran colaborar coa Asociación Galega de Lupus (AGAL) poden facelo a través de Bizum ou Transferencia Bancaria facendo clic no seguinte enlace:


Indicar tamén que a Asociación Galega de Lupus (AGAL) está considerada de utilidade pública, e regulada pola Lei 49/2002, do 23 de decembro, do réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

Polo cal parte do importe da doazón que realices para axudar ao lupus poderase deducir na declaración da Renda nas seguintes cantidades (Exemplos):
  • Opcional 1: Dedución do 40% se a achega é igual ou superior á dos dous exercicios anteriores.
  • Opcional 2: Dedución do 35% da achega. Ademais, os primeiros 150 euros no exercicio xeran un dereito á dedución do 80% co límite de 120 euros.
Desde Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén - BiblioPazos facemos un chamamento para que os que poidades contribuír o fagades para poder axudar aos fins desta asociación.

Para saber máis sobre a Asociación Galega de Lupus (AGAL) accede ao seguinte enlace:


Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

xoves, 23 de abril de 2026

OBRADOIRO CREATIVO "CIENCIA SONORA" impartido polo artista sonoro MATEO MENA CALAVIA para conmemorar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR


Continuamos na Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén "BiblioPazos" coas actividades do Programa de Animación á Lectura e de Dinamización do uso da Lingua Galega de 2026 para continuar neste MES DO LIBRO conmemorando o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR.

Para este día programamos unha actividade distinta das habituais de contacontos e similares e, nesta ocasión, vainos a acompañar o artista sonoro MATEO MENA CALAVIA que impartirá o Obradoiro Creativo "CIENCIA SONORA" ao alumnado de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos o próximo Mércores 29 de Abril de 2026 a partir das 10:30 horas nas instalacións do CPI “Curros Enríquez” de Pazos en dúas sesións dunha duración de 1:30h cada unha delas.
O Obradoiro Creativo “CIENCIA SONORA” é un proxecto plenamente práctico orientado a traballar as aptitudes lóxico-matemática, interpersoal e musical do alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria, e que combina conceptos científicos e sonoros nun ambiente de traballo baseado na experimentación.

A través da construción de diversos dispositivos musicais electrónicos, o alumnado irá adquirindo coñecementos prácticos sobre varios principios científicos (electromagnetismo, resistividade, frecuencia, vibración...) e a súa aplicación práctica, enfocándonos en áreas específicas como a creatividade, a educación ambiental, o método científico ou a aprendizaxe colaborativa.

Os diferentes proxectos nos que se divide o obradoiro lévanse a cabo con materiais cotiáns e de refugallo, favorecendo así que as experiencias poidan ser recreadas posteriormente con facilidade, tanto na aula coma noutros contextos.

Os contidos tratados no obradoiro son dun nivel básico de electricidade, química e son, podéndose adaptar en función da experiencia do grupo.
MATEO MENA CALAVIA
(Santiago de Compostela, 1983). Artista sonoro. Cursou estudos de enxeñería electrónica na Universidade de Vigo. Paralelamente, entre 2005 e 2012 obtivo o título de Grao en Composición Musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo, estudando ademais no Conservatorio «Santa Cecilia» de Roma durante 2008.

Especializado en música electroacústica, realizou cursos e masterclasses con compositores e artistas sonoros como Nicolas Collins («hardware hacking»), Juan Matos Capote («circuitbending»), Peter Bosch (deseño e creación de esculturas sonoras) ou Alberto Bernal, entre outros. Ao mesmo tempo impartiu charlas acerca da historia da música electrónica en España e Portugal, e talleres de creación de instrumentos electrónicos e outros dispositivos sonoros en museos e institutos de educación secundaria.

O seu catálogo de música académica inclúe obras para orquestra, grupos de cámara e mixtos, sendo estreadas en España, Italia, Portugal, Alemaña ou Suecia. Desde 2012 o seu traballo céntrase na arte sonora, vertente na que realizou obras interactivas, instalacións site specific e outros traballos en colaboración con diversos artistas. Como artista nesta disciplina pode observarse nos seus proxectos unha estreita relación entre arte e ciencia, buscando sempre vías de comunicación entre ambas as e tratando de aproximalas dalgún xeito ao público. 

Foi bolseiro polos programas «Sound-In para mozos creadores» (Madrid, 2012), as residencias «Sierra, centro de arte» (Huelva, 2013), «ARNA i Fågelriket» (Harlösa, Suecia, 2013), «Musibéria – Centro internacional de músicas e danças do mundo ibérico» (Serpa, Portugal, 2013-2014), «Cátedra Manuel de Falla» (Sevilla, 2014), e elixido como expositor na feira europea anual de inventores «Maker Faire 2014», (Roma) polo seu instrumento electrónico «The Hypercubes».

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número de teléfono 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 20 de abril de 2026

Espectáculo de narración oral "SERES MÁXICOS DO REINO DE GALICIA" de SOLE FELLOZA para celebrar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR


O pasado venres 17 de Abril iniciabamos as actividades do MES DO LIBRO co contacontos “AS AVENTURAS DE JOE & FONTE. Joe & Fonte múdanse a Mondariz Balneario” baseado no conto do mesmo nome escrito pola autora AURORA CORBACHO, ilustrado por CHIMAY e editado por Medulia editorial.

E imos continuar coas actividades do Programa de Animación á Lectura e de Dinamización da Lingua Galega de 2026 da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén - BiblioPazos coas que queremos conmemorar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR, que se celebra en todo o mundo o día 23 de Abril de cada ano desde o 15 de novembro de 1995 en que tivo a sua orixe como unha maneira de render unha homenaxe a grandes escritores universais como Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega, William Shakespeare, Vladimir Nabokov, Josep Pla e Manuel Mejías Vallejo, entre moitos outros; e foi a través da UNESCO que se decretou ese día co obxectivo de fomentar a lectura entre todos os públicos, a cultura e as letras no mundo, ademais de protexer a propiedade do dereito de autor, a iniciativa da Unión Internacional de Editores.

E é que ler axúdanos a coñecer culturas, a viaxar no tempo e a cultivar a nosa mente.

Para conmemorar esta importante data contamos coa actriz, contacontos, fotógrafa e xestora cultural SOLEDAD FELLOZA que nos traerá ao Auditorio do Concello o seu espectáculo de narración oral "SERES MÁXICOS DO REINO DE GALICIA" o próximo Venres día 24 de Abril a partir das 13:00 horas.
Houbo un tempo no que coñecer os seres máxicos era imprescindible para entender o mundo. Saber onde vivía o nubeiro, que monte habitaba un xigante ou en que fonte podía aparecer unha moura axudaba a orientarse no territorio, pero tamén na vida. Estes seres formaban parte dun saber compartido, ligado á terra, aos camiños e á memoria do país.

Hoxe moitos destes personaxes convertéronse en nomes alleos para a rapazada, figuras borrosas ou esquecidas. E cando esquecemos os seres que nos explicaban o mundo, empobrecemos o imaxinario colectivo e rompemos un fío esencial coa memoria do Reino de Galicia, coa súa xeografía simbólica e coa tradición oral que a sostivo durante séculos.

Este espectáculo de narración oral propón volver poñerlles voz, corpo e historia a esas criaturas. A partir do Mapa dos Seres Máxicos do Reino de Galicia, creado por Manuel Gago e ilustrado por Leandro Lamas, a palabra falada convértese nun mapa vivo: un espazo escénico onde pousar o dedo e abrir unha historia, onde cada lugar garda unha voz.

Trasnos, meigas, xacias, nubeiros, seres desaparecidos e outros vencellados a illas, montes, fontes ou camiños regresan á oralidade para ser contados de novo, reinventados e compartidos. Porque a tradición oral tamén é unha forma de ecoloxía cultural: o que non se conta, desaparece.

Seres Máxicos do Reino de Galicia é unha invitación a recuperar un imaxinario propio, rico e poderoso, e a facelo dialogar co presente, para que estas figuras deixen de ser reliquias do pasado e volvan acompañarnos no camiño cara ao futuro, como parte viva da identidade e da memoria do país.

Esta actividade forma parte tamén do programa de dinamización da lectura "LER CONTA MOITO" que promove a Direción Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en colaborción cos concellos que teñan as súas bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Convidamos a asistir a este evento ao alumnado de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; aos usuarios da Asociación ASPAVI e a todas aquelas veciñas e veciños que se inscriban previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.

A entrada é de balde ata completar o aforo do local.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 13 de abril de 2026

Conmemoramos o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL co contacontos "AS AVENTURAS DE JOE e FONTE. Joe e Fonte múdanse a Mondariz Balneario" aus nos trae a autora Aurora Corbacho e o ilustrador Chimay

Iniciamos as actividades do Programa de Animación á Lectura e de Dinamización do uso da Lingua Galega de 2026 da Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén “BiblioPazos” neste mes de abril cun interesantísimo contacontos baseado no libro “AS AVENTURAS DE JOE & FONTE. Joe & Fonte múdanse a Mondariz Balneario” de Aurora Corbacho, ilustrado por Chimay e editado por Medulia editorial.


O contacontos terá lugar o próximo Venres 17 de Abril de 2026 a partir das 13:00 horas na Biblioteca do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e está dirixido ao alumnado de 1º e 2º de Primaria deste centro educativo.

Nesta actividade a autora AURORA CORBACHO e o ilustrador CHIMAY interactuarán coa cativada comentando o contido das páxinas, cantarán con eles un rap composto por Chimay e finalizarán cuns recortes dos deseños para que os asistentes o leven de lembranza para as súas casas.

“O contacontos é unha historia baseada nas vivencias reais da autora por mor da súa mudanza a Mondariz Balneario dende unha grande cidade xunto aos seus gatiños Joe e Fonte. Como consecuencia desta vivencia e de todo o que ven vivindo dende entón nese lugar marabilloso, xurdiu o texto e, grazas a Chimay, as preciosas imaxes que ilustran o libro. Neste pequeno conto os elementos que lle dan sentido son, co marco máxico da vila de Mondariz Balneario, a natureza que conforman os ríos, a vexetación e a fauna do val, o patrimonio arquitectónico e o coidado e respecto aos animais, co obxectivo final e de fondo de divulgar e tomar coñecemento da importancia do seu coidado e protección pola cativada, que será a que collerá o relevo das persoas adultas nun futuro”.           

AURORA CORBACHO (Vigo, 1971) é funcionaria de carreira na Administración Local, é Doutora en Dereito Público Pola Universidade de Vigo, e grao en Ciencias Xurídicas das Administracións Públicas con posgrao en Experta Universitaria en Administración Local pola UNED. Tamén ten o título de Xestora Administrativa. Conta con publicacións en revistas xurídicas sobre a temática da organización territorial. No ámbito literario, esta é a súa segunda incursión tras a participación cun poema na publicación de 2024 da Asociación sevillana “Cuadernos de Roldán”, dedicada a Mondariz Balneario. 

CHIMAY (Alfonso J. Rodríguez – Pontevedra, 1951) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Traballou en diferentes estudios de arquitectura. E tamén na Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo ata a súa xubilación. A súa chegada ao mundo da ilustración foi casual. Fixo ilustracións para uns artigos dun amigo no Faro de Vigo que despois foron recompilados nun libro. 

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

mércores, 18 de marzo de 2026

20 DE MARZO - DÍA INTERNACIONAL DA NARRACIÓN ORAL

Dende hai uns anos, o Festival Atlántica e o Festival Sete Falares, organizan a celebración do 20 de marzo, Día Internacional da Narración Oral.

Tamén dende hai uns anos, NOGA, o colectivo de narración oral galega, sumouse a esta festa da palabra e logramos así situar o galego no mapa mundial das celebracións, incorporando a nosa lingua, os nosos artistas e tamén os nosos pensadores, investigadores e escritores que nutren e enriquecen o noso traballo.

Nesta ocasión contan con Camiño Noia, gran investigadora galega e autora das antoloxías máis importantes da narración oral galega, quen será a encargada do pregón.

Desde a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén queremos sumarnos a esta celebración mediante a difusión do Cartel e o Pregón deste ano.

Grazas ao colectivo NOGA, ao Festival Atlántica e ao Festival Sete Falares por conmemorar esta celebración e por facernos partícipes da súa difusión.

mércores, 14 de xaneiro de 2026

ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DO VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN (II)


Continuamos coa información do acontecido o pasado Xoves 18 de decembro de 2025 ás 13:15 horas na segunda fase da entrega de premios do VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN no que participaron 149 escolares do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, da EEI "A Galeriña" de Nespereira e usuarios da Asociación ASPAVI.

O acto estivo presidido polo Alcalde do Concello Xosé Luciano Otero Camiña e nel estiveron presentes a Concelleira de Cultura Mª Victoria Couñago Corujeira e os membros do xurado Mª Eugenia Porritt Lueiro, Manuel González Pastoriza, Andrea Barreira Freije, Miguel Angel Alonso Diz e José Manuel Soto Virulegio, incorporándose en representación da Asociación ASPAVI Carolina Fernández Cabaleiro, traballadora social desta institución que actuou en nome da súa directora e membro do xurado ao non poder asistir aquela por motivos laborais.

Deu comezo á segunda parte deste acto cos usuarios das categorías A: Persoas con Diversidade Funcional; E: alumnado de 5º e 6º de Primaria; F: Alumnado de 1º/2º de ESO; e G: alumnado de 3º/4º de ESO.

O Alcalde Xosé Luciano Otero Camiña abrindo a segunda fase de entrega de premios

Iniciado o acto o Sr. Alcalde deulle a benvida aos asistentes felicitándoos por participar neste certame e polos traballos presentados, unha vez rematada a súa intervención, procedeuse á lectura da relación dos galardoados nas categorías seguintes para facerlles entrega dos premios aos seleccionados polo xurado:

CATEGORÍA A: PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL:

Participantes da Categoría A: Persoas con Diversidade Funcional
cos monitores, xurado e autoridades

O PRIMEIRO premio outorgouse ao traballo titulado UN BARCO CHAMADO ESPERANZA e o pseudónimo de “SAGITARIO” presentado por JOSÉ MANUEL BOULLOSA GARCÍA da Asociación ASPAVI.

O 1º Premio da Categoría A outorgado a José Manuel Boullosa García
recolleuno a súa compañeira Mª Rita Ribeiro Durán

O SEGUNDO premio corrspondeu ao traballo titulado “O MELLOR AMIGO DE XOSÉ” e o pseudónimo de “ANDALUZ” presentado por FRANCISCO MARTÍN MUÑOZ da Asociación ASPAVI.

Francisco Martín Muñoz recolle o 2º Premio que lle entregou
a escritora Andrea Barreira Freije

O xurado considerou premiar con accésit nesta categoría ao traballo titulado “A GRANXA PARLANTE” e o pseudónimo de “TIGRE” presentado por RAMÓN ÁNGEL FREAZA FARO da Asociación ASPAVI.

Entrega do accésit a Ramón Angel Freaza Faro
pola concelleira Mª Victoria Couñago Corujeira

Deseguido chamouse un por un ao resto de participantes non premiados desta categoría para entregarlles a cada un deles o Diploma acreditativo da súa participación e un libro de agasallo e entregouse un lote de libros para o centro ao que pertencen as persoas participantes no certame.

Entrega Lote libros á Asociación ASPAVI

CATEGORÍA E: ALUMNADO DE 5º E 6º DE PRIMARIA:

Participantes da categoría E: 5º/6º Primaria co xurado, profesorado e autoridades

PRIMEIRO premio correspondeu ao traballo presentado baixo o título “A FORZA DOS MUÍÑOS” e o pseudónimo de “PANTUFLAS 73” que presentou MARTÍN BAO GARRIDO, estudante de 6º de Educación Primaria.

A concelleira Mª Victoria Couñago Corujeira entrega o
1º PREMIO a Martín Bao Garrido

SEGUNDO premio concedeuse ao traballo titulado “O IMPORTANTE É SER FELIZ” e o pseudónimo de “BERNY ARAUJO” presentado por ROSA VEIGA ARAÚJO, estudante de 5º de Educación Primaria.

Rosa Veiga Araújo recibe o 2º PREMIO que lle entrega
o escritor Miguel Angel Alonso Diz

O xurado considerou premiar con accésit nesta categoría aos traballos seguintes:

Traballo titulado “O SILENCIO DA HACHE” e o pseudónimo de “MANGANTE” presetnado por JOEL GIL RODRÍGUEZ, estudante de 5º de Educación Primaria.

Traballo titulado “A FORMIGA SOLITARIA” e o pseudónimo de “PANTASMA” que presentou XOÁN QUINTANA FERNÁNDEZ, estudante de 5º de Educación Primaria.

Traballo titulado “OS SEGREDOS DE VILAVERZA” e o pseudónimo de “ABIÑO” que presentou ABEL FERREIRA MARTÍNEZ, estudante de 6º de Educación Primaria.

Traballo titulado “A AVENTURA DA MEDUSA MARUXA” e o pseudónimo de “EL PEPE” que presentou XOÁN PINTOS MERINO, estudante de 6º de Educación Primaria.

Entrega accésits da categoría E: Alumnado de 5º/6º de Primaria

Finalizada a lectura dos premiados chamouse ao resto de participantes para facerlles entrega dos seus diplomas e libros de agasallo; e entregáronse uns lotes de libros para as aulas que recolleron as súas respectiva mestras.

Entrega lotes libros para as aulas de 5º e 6º de Primaria

CATEGORÍA F: ALUMNADO DE 1º E 2º DE ESO:

Participantes da categoría F: 1º e 2º ESO co profesorado, autoridades e xurado

PRIMEIRO premio otorgouse ao traballo titulado “O SOLDADIÑO DE CHUMBO” e o pseudónimo de “NOSE” presentado por XIÁN BOUBETA COMESAÑA, estudante de 1º de ESO.

Xián Boubeta Comesaña recolle o 1º PREMIO que lle entrega
a mestra do CPI Mª Eugenia Porritt Lueiro

SEGUNDO premio correspondeu ao traballo titulado “RECORDOS DE GUERRA” e o pseudónimo de “RENATA” presentado por DANIELA COUÑAGO RODRÍGUEZ, estudante de 1º de ESO.

Daniela Couñago Rodríguez recolle o 2º PREMIO
que lle entrega a escritora Andrea Barreira Freije

O xurado considerou premiar con accésit nesta categoría aos traballos seguintes:

Traballo titulado “A GAITA MALDITA” e o pseudónimo de “ELVISTEK” que presentou ROI RIVAS RODRÍGUEZ, estudante de 2º de ESO.

Traballo titulado “LUNA” e o pseudónimo de “MOKA” que presentou ANTÍA FREIRE FERNÁNDEZ, estudante de 2º de ESO.

Traballo titulado “CHAMADA PERDIDA” e o pseudónimo de “MIMI” presentado por MIREIA LAGO OTERO, estudante de 1º de ESO.

Traballo titulado “O SANTO APARECIDO” e o pseudónimo de “GABRSTE” presentado por GABRIEL CASTRO GARRIDO, estudante de 2º de ESO.

Traballo titulado “A DESAPARICIÓN DE NORA” e o pseudónimo de “CELTIÑA12” que presentou DANIELA COUÑAGO AMOEDO, estudante de 2º de ESO.

Entrega accésits da categoría F: 1º/2º de ESO

Posteriormente entregáronse ao resto de participantes non premiados os seus correspondentes diplomas e agasallos e un lote de libros para as aulas.

Entrega lote libros para as aulas de 1º/2º de ESO

CATEGORÍA G: ALUMNADO DE 3º E 4º DE ESO:

Participantes da categoría G: Alumnado de 3º/4º de ESO
co profesorado, xurado e autoridades.

PRIMEIRO premio foi para o traballo titulado “A PEDRA DA MULLER” e o pseudónimo de “XELA” que presentou ÁNXELA DOMÍNGUEZ ÁLVAREZ, estudante de 4º de ESO.

Ánxela Domínguez Álvares recibe o 1º PREMIO de mans do
Alcalde Xosé Luciano Otero Camiña

SEGUNDO premio correspondeu ao traballo titulado “CARTA ÁS AMÉRICAS” e o pseudónimo de “BAHÍA BRANCA” presentado por IRIS GONZÁLEZ RODRÍGUEZ, estudante de 4º de ESO.

Iris González Rodríguez recibe o 2º PREMIO que lle entrega
a concelleira Mª Victoria Couñago Corujeira

O xurado considerou premiar con accésit nesta categoría ao traballo titulado “AS PASAXES PROHIBIDAS DO XADREZ” e o pseudónimo de “INDEFINIDA” que foi presentado por MAIA OTERO GONZÁLEZ, estudante de 4º de ESO.

Maia Otero González recibe o seu accésit entregado
pola escritora Andrea Barreira Freije

Deseguido chamouse un por un ao resto de participantes non premiados para entregarlles o diploma acreditativo da súa participación no certame e un libro de agasallo; así como un lote de libros para as aulas.

O Alcalde Xosé Luciano Otero Camiña entrega un lote de libros
para as aulas de 3º/4º de ESO que recibe o mestre José Penedo

Rematada a entrega de premios o Sr. Alcalde tomou a palabra para agradecer ao responsable da biblioteca o seu traballo para levar adiante esta nova edición do Certame e a todos os presentes pola súa asistencia a este acto e pola participación no certame desexándolles que gozaran das vacacións escolares e felicitándolles o Nadal e un vindeiro ano 2026 cheo de ledicia, paz, amor e moitas lecturas.

Este evento enmárcase no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" organizado pola Biblioteca Pública Municipal e que conta coa financiación do Concello de Pazos de Borbén e do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger