martes, 4 de outubro de 2016

LOBISHOME

 
 LOBISHOME
Autor:Jacobo Paz Limia
Ilustración: Olaya Naveira 
Ediciones Bolanda S.L, 2016                            

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Contos

Idade recomendada: +6 anos
 
Unha acampada no bosque
Unha noite de lúa chea
E un estraño suceso que cambiará para sempre a túa vida...

Nesta historia ti es o protagonista e, por tanto, ti tomarás as decisións que creas convenientes ao final de cada páxina. Cada elección, levarate a un destino diferente.

Atréveste a vivir unha emocionante aventura?
ISBN: 978-84-608-7446-1
Nº de páxinas: 64
Encuardernación:Tapa dura

AMOR DE TANGO


AMOR DE TANGO
Autora: Mª Xosé Queizán
Edicións Xerais de Galicia S.A., 1992
Colección: Narrativa

Xénero: Literatura Galega - Narrativa

En Amor de tango María Xosé Queizán constrúe unha novela que reconstrúe o Vigo da república e da represión franquista a través dos recordos de Margot, unha das protagonistas.

É a novela das mulleres que durante os esperanzados anos 20 e 30 foron rapazas activas, ilusionadas e decididas a descubrir o mundo.

É a novela das traballadoras que espertaron á vida naquela urbe pioneira, atlántica e liberal que era o Vigo de preguerra.

É a novela das obreiras das fábricas de sardiñas que están estreitamente ligadas están ao desenvolvemento industrial da cidade e da ría.

É a novela dos trasatlánticos, das fábricas de salazón, do Cable Inglés, das grandes Navieiras, da emigración, do Berbés. Memoria viguesa, intimismo, historia miúda e persoal e retratos construídos desde un eficaz realismo constitúen os eixos sobre os que gravita este fermoso e inesquecible canto a Vigo e as mulleres que a poboaron. 

"Ás obreiras dábanlles por lei unha hora para a lactancia que podían repartila en media hora cada descanso, para que as criaturas puidesen mamar dúas veces durante o horario de traballo das nais.

Viñan á fábrica a avoa ou a filla máis vella co envurullo da cría chorando de fame e sen perda de tempo, alí, nun canto calquera da nave, sentadas sobre caixas salgadas e húmidas, púñana á teta.

O leite brota como o destino e marca xa os pequenos beizos chuchóns. Un leite de saín; un leite con corpo de escamas e cor de ardora; un leite para amamantar a xente de mar."

ISBN: 978-84-7507-662-9
Nº de páxinas: 168
Encadernación: Tapa branda


luns, 3 de outubro de 2016

OBRADOIROS DE MÁSCARAS E DE MONICREQUES DE LUVA - ANO CASTELAO 2016

A Deputación Provincial de Pontevedra para conmemorar o Ano Castelao, desenrolou un programa de exposicións, concertos e obradoiros culturais que se levan realizado polos 62 concellos da provincia ao longo deste ano 2016.

As actividades programadas centráronse nas disciplinas artísticas que desenrolou Castelao, como son o humor gráfico, o patrimonio, a tradición oral e o mundo da infancia e da emigración, e conmemora tres efemérides relacionadas co polifacético autor, artista e intelectual Alfonso Daniel Rodríguez Castelao:

  • O centenario da súa chegada á cidade de Pontevedra.
  • O 75 aniversario da estrea de "Os vellos non deben de namorarse".
  • O Día das Artes Galegas, que este ano se adicou a este autor pola Real Academia Galega de Belas Artes.

A Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS" únese á celebración do Ano Castelao, e presenta unhas actividades nas que se relacionan as artes plásticas co escénico do mundo dos títeres e das marionetas a través duns obradoiros que terán lugar o próximo Luns, 24 de outubro, na Sala de lectura da Biblioteca Pública Municipal "BiblioPazos" e que serán realizados pola compañía Viravolta Títeres, e patrocinados pola Deputación Provincial de Pontevedra.




Obradoiro de MÁSCARAS con materiais alternativos

Descrición: Cada un dos participantes elaborará unha máscara empregando materiais que non se adoitan empregar para facer manualidades, deste xeito tratarase de estimular a imaxinación dos cativos/as para que analicen as posibilidades de materiais de uso común e de refugallo para empregalos de xeito creativo noutros contextos que non son os habituais.
Duración: 90 minutos.
Destinatarios: Nenos e nenas de entre 5 e 12 anos.
Máximo por grupo: 15 nenos/as.

Obradoiro de MONICREQUES DE LUVA con material de refugallo

Descrición: Cada participante elaborará un monicreque de luva, con materiais moi sinxelos, moitos dos cales estarían destinados a rematar o lixo. Unha vez feitas as marionetas os/as nenos/as aprenderán técnicas básicas de manipulación para poder darlle vida ao seu boneco, para logo en pequenos grupos tratar de crear pequenas pezas relacionadas coas obras de Castelao que poderán ser representadas ante os compañeiros/as.
Duración: 120 minutos.
Destinatarios: Nenos e nenas de entre 5 e 12 anos.
Máximo por grupo: 15 nenos/as.

INSCRICIÓNS:
Biblioteca Pública Municipal "BIBLIOPAZOS"
Teléfono: 986 497 273
Horario: 09:00 a 14:00 horas

O DEPORTE É DIVERTIDO. ESCOLLE O TEU PREFERIDO!


O DEPORTE É DIVERTIDO. ESCOLLE O TEU PREFERIDO 
Autora: Carmen Gil 
Ilustracións: Teresa Ramos
Tradución: Elvira Ribeiro Tobío 
Edicións do Cumio S.A.
1ª edición, outubro 2015 

Xénero: Literatura Infantil - Contos

Idade recomendada: + 4 anos 

Despois das clases, na fin de semana, nas vacacións... Que divertido é sempre xogar!

Hai tantos xogos como poidas imaxinar.

Cal che gusta máis?

Idioma: Galego 
ISBN: 978-84-8289-506-2
Nº de páxinas: 24
Formato: 20 x 21 cm
Encadernación: Rústica

A SEREÍÑA


A SEREÍÑA
Tradución e adaptación: Ramón Álvarez Losada
Ilustracións: Julian Jordán e Eva López
Edicións Sálvora
Colección: Os meus contos clasicos favoritos
 
Xénero: Literatura Infantil en Galego - Contos infantís
 
Idade recomendada: + 5 anos
 
Alá no medio do mar, onde a auga é azul e transparente, e onde hai moita fondura, alá, no fondo, vive un pobo do mar.
 
Nese mundo, entre marabillosas plantas e peixes de tódalas cores, atópase o pazo do Rei dos Mares.
 
O rei, que levaba viúvo desde había moito tempo, tiña seis fillas, todas elas moi fermosas. Sen embargo, a máis nove era a máis bonita de todas.
 
Tiña a pel moi suave e os ollos moi azuis, pero non tiña pés. Igual cás súas irmás e ca todo o pobo do mar, o corpo dela acababa no rabo dun peixe.
 
E esta sereíña encantáballe escoitar historias sobre o mundo dos homes...
 
Así comeza este conto, para seguir léndoo ven a buscalo a BIBLIOPAZOS.
 
ISBN: 84-88724-9-8
Nº de páxinas: 44
Encadernación: Tapa dura

domingo, 2 de outubro de 2016

CANTA XENTE VAI E VÉN! A VILA NON SE DETÉN


CANTA XENTE VAI E VÉN! A VILA NON SE DETÉN
Autora: Carmen Gil 
Ilustracións: Óscar T. Pérez
Tradución: Elvira Ribeiro Tobío
Edicións do Cumio S.A.
1ª edición, outubro 2015 

Xénero: Literatura Infantil - Contos

Idade recomendada: + 4 anos 

A cidade está sempre esperta.

De día, sempre axitada, todos de acá para alá, e de noite, aínda que máis tranquila, hai quen non dorme para que todo volva comezar.

Idioma: Galego
ISBN: 978-84-8289-505-5
Nº de páxinas: 24
Formato: 20 x 21 cm
Encadernación: Rústica

MAZURCA PARA DOUS MORTOS


MAZURCA PARA DOUS MORTOS
Autor: Camilo José Cele Trulock
Tradución ao galego: Xesús Rábade Paredes
Xunta de Galicia.
Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, 1999

Xénero: Literatura en Galego - Narrativa 

Premio Nacional de Literatura - Narrativa 1.984 

"Mazurca para dous mortos" toma o seu título dun asasinato e unha vinganza, sucesos que non son senón dous puntos de referencia no vasto fío condutor da obra, que se erixe nun extenso retablo dunhas vidas sinaladas pola sexualidade, a barbarie e a violencia física, baixo a recurrencia cíclica de temas que, como a choiva ou o eixo de carro, aluden á continuidade inmutable do tempo.

O soporte principal da novela é o finísimo e infalible oído de Camilo José Cela, o seu sentido da sonoridad (no armonioso tanto como no estridente e terrible) e da rotunda música verbal, que impón cada pasaxe como unha realidade irrefutable en virtude da súa contundencia expresiva.

A guerra civil, irrompendo en primeiro plano no centro do libro, sitúa nunha perspectiva histórica este recitativo dunha mestría técnica e expresiva indeclinable, que chega ao máximo refinamiento e á maxia tribal desde unha estética que non elude enfrontarse ao fatal ou bárbaro.

"Mazurca para dous mortos", que obtivo o Premio Nacional de Literatura 1984, é unha das obras mestras do seu autor e xa actualmente un clásico maior da literatura de todos os tempos na nosa lingua.

Camilo José Cela recibiu, entre outros, os seguintes premios:


ISBN: 978-84-453-2584-1
Nº de páxinas: 306
Encadernación: Tapa dura


sábado, 1 de outubro de 2016

OBSERVADE O MUNDO ATENTOS, POIS HAI INVENTOS A CENTOS


OBSERVADE O MUNDO ATENTOS, POIS HAI INVENTOS A CENTOS
Autora: Carmen Gil 
Ilustracións: Álex Herrerías 
Tradución: Elvira Ribeiro Tobío
Edicións do Cumio S.A.
1ª edición, outubro 2015 

Xénero: Literatura Infantil - Contos

Idade recomendada: + 4 anos 

Quizais aínda non o sabes pero vivimos rodeados de inventos.

De onde veñen logo o móbil, a lavadora ou o televisor?

Todos nos fan a vida tan fácil que case son coma da familia! 

Idioma: Galego 
ISBN: 978-84-8289-504-8
Nº de páxinas: 24
Formato: 20 x 21 cm
Encadernación: Rústica

ROBERTO DI QUE...


ROBERTO DI QUE...
Autor texto e ilustracións: Kessler
Traducción ao galego: Henrique Harguindey
Kalandraka Editora, 1999
Colección: Demademora

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Contos - Narrativa

Idade recomendada: + 4 anos

ROBERTO DI QUE:
Se eu atopo
peixes vermellos,
é que estou a pasear
nun acuario.
ROBERTO DI QUE: 
Cando un peixe vermello
ten catro patas,
bigote e rabo,
non é un peixe vermello...
 Para seguir léndoo ven a buscalo a BIBLIOPAZOS.

ISBN: 978-84-95123-47-9
Nº de páxinas: 36
Encadernación: Tapa dura


venres, 30 de setembro de 2016

NECESITAS O GRADUADO EN E.S.O.?

Publicamos esta información que nos acaban de enviar da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Pazos de Borben. 

Si estás interesado en conseguir o 
Título Oficial
de
 GRADUADO EN EDUCACIÓN SECUNDARIA (E.S.O.)


 


INFÓRMATE!!!

Oficina de Información Xuvenil (OMIX)
 Concello de Pazos de Borbén
986 497 035 (Isabel)
Luns a  Venres de 9:00 a 14:00 horas

EXPOSICIÓN BIBLIOGRÁFICA "MAURICE SENDAK"


Exposición Bibliográfica
Maurice Sendak
3 - Outubro / 9 - Decembro - 2016

A Fundación Filomena Rivero Alonso xunto coa Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS", co fin de promover o hábito da lectura, inauguran o vindeiro luns día 3 de outubro unha Exposición bibliográfica sobre o autor Maurice Sendak, encadrada dentro do convenio asinado entre ámbalas dúas institucións.

Esta actividade que ten como fin incentivar a lectura entre os nenos independentemente dos recursos familiares, e así contribuír á formación integral da persoa, durará ata o venres 9 de decembro, e componse dunha exposición e de lecturas complementarias a través de material que a propia Fundación por medio da Biblioteca Pública de Pazos de Borbén pon a disposición dos educadores.

A partir da atractiva obra de diferentes autores, os nenos poderán iniciarse no mundo da lectura collendo así hábitos saudables e deste modo desenvolver o potencial cognitivo e o sentido crítico, principais beneficios da lectura. 

O calendario de exposicións entre as dúas institucións comeza coa obra de Maurice Sendak, soada por “Onde viven os monstros”, libro editado en USA con gran éxito e que marcou unha traxectoria chea de premios e recoñecementos a nivel mundial.

A mostra componse de paneis explicativos, tratando a vida e obra do autor, así como vitrinas nas que se exhiben edicións dos libros publicados e obxectos relacionados coas historias que se contan nos mesmos. 

O autor:
MAURICE SENDAK 
Brooklyn, Nova York (EEUU), 1928; Connecticut (EEUU), 2012 

Dende 1951 produciu máis de 90 libros infantís, unha traxectoria que o levou a recibir en 1970 o Premio Andersen e o Premio Laura Ingalls Wilder en 1983. 

En 1996 o Goberno dos Estados Unidos entregoulle a Medalla Nacional das Artes e en 2003 concedéronlle o Premio Internacional Astrid Lindgren de Literatura Infantil, xunto coa autora austríaca Christine Nöstlinger. 

Fillo de inmigrantes xudeus de orixe polaca, Sendak estudou pintura e debuxo no Art Students League de Nova York. Conseguiu o seu primeiro emprego como ilustrador para All América Comics e en 1951 comezou a traballar como ilustrador para a editorial Harper and Brothers. 

Impulsou unha auténtica revolución no panorama literario infantil polas ideas, a forma e o contido dos seus libros. A crítica especializada calificábao como "un dos homes máis influíntes dos Estados Unidos, porque darlle forma á fantasía de millóns de nenos é unha terrible responsabilidade”.

A ESTRAMBÓTICA ILLA DO TESOURO


A ESTRAMBÓTICA ILLA DO TESOURO
Autor: Carlos López (Pinto & Chinto)
Ilustracións: David Pintor                              
Editorial Bululú, 2015
Colección: Carambola

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Contos

Idade recomendada: +10 anos

Nunha das nosas viaxes por mar topámonos cun barco pirata pantasma. O barco pirata fantasma atravesaba os icebergs, e levaba unha gran bola de ferro en lugar de áncora. As velas eran sabas brancas, e divertíase asustando os pequenos. A bordo ía un pirata pantasma, que levaba no seu ombro un papagaio pantasmo. O papagaio pantasma só sabía dicir ¡Uhhhh! ¡Uhhhh!, á vez que levantaba as ás. O papagaio pantasma comía pipas pantasmas...

"A estrambótica Illa do Tesouro" é un álbum de personaxes, animais, é cousas fóra do común, divertidos e aloucados como non poden ser doutra maneira aqueles que buscan un tesouro pirata moi particular.

Pinto & Chinto son unha parella clásica e consolidada no panorama do humor gráfico e a ilustración do noso país. Os seus máís de 20 anos de experiencia, ademais de premios e recoñecementos, deron como froito multitude de álbums e libros para editoriais de todo o mundo.  

ISBN: 978-84-942917-7-7
Nº de páxinas:32
Encuadernación: Tapa dura

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger