Jella Lepman fundadora do IBBY (INTERNATIONAL BOARD ON BOOKS FOR YOUNG PEOPLE), organización internacional integrada por unhas 80 seccións nacionais) foi a pioneira de moitas iniciativas para a promoción da lectura e da literatura infantil, e entre elas, a súa proposta en 1966 de celebrar un DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL e que fose o 2 de abril, data que se conmemora o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.
Así desde 1967, o 2 de abril, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
Cada ano, unha sección nacional do IBBY ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil e selecciona un/ha escritor/a representativo/a e a un/ha recoñecido/a ilustrador/a do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida a todos os nenos do mundo e o cartel que se distribúe por todo o mundo, e promóvase a celebración nas bibliotecas, centros escolares, librerías, etc.
En 2024 correspóndelle á sección xaponesa que difunde a mensaxe da escritora Eiko Kadono (baixo o lema “Suca os mares coas ás da túa imaxinación”), e o cartel de Nana Furiya. Kadono (Tokyo, 1935) é unha destacada escritora xaponesa que en 2018 gañou o Premio Hans Christian Andersen e ata a data publicou máis de 250 libros, e Furiya (Tokyo, 1961) é unha ilustradora xaponesa afincada en Eslovaquia desde 1992 que gañou o Golden Pen na bienal de Belgrado de 1999 e foi seleccionada nos White Ravens 2021.
A OEPLI, como sección española de IBBY e coa colaboración do Ministerio de Cultura, encárgase de difundir e promocionar o Día internacional e de editar o cartel e a mensaxe nas catro linguas oficiais de España.
* Para descargar o cartel e o díptico en castelán:
* Para descargar o cartel e o díptico en catalán:
* Para descargar o cartel e o díptico en eúscaro:
* Para descargar o cartel e o díptico en galego:
A continuación ofrecémosvos a tradución da mensaxe en lingua galega:
Sobre as alas, os contos viaxan.
Desexando sentir o latexo do teu corazón.
Son o Conto Viaxeiro. Vou voando a calquera sitio.
Ás veces vou nas alas do vento. Outras, nas alas das ondas.
E outras nas aliñas dun gran de area.
Por suposto, tamén subo nas alas das aves migratorias.
E, de cando en vez, incluso nas dos avións.
Despois, sento ao teu carón, abro as miñas páxinas e cóntoche a historia
que queiras.
Quizais unha historia fantástica?
Ou prefires unha historia triste? De medo?
Unha para rir ás gargalladas?
E se polo de agora non queres escoitar ningunha, non pasa nada.
Seguro que algunha vez terás ganas. Daquela, chámasme. Non tes máis
que dicir:
«Conto Viaxeiro, ven aquí!», e irei voando ao teu lado.
Teño historias a moreas.
A historia dunha illa que, farta de estar soa e aburrida, aprendeu a nadar
para facer amizades...
Ou a dunha misteriosa noite en que apareceron dúas lúas...
E aquela de cando Papá Noel se perdeu...
A ver? Si, si, seica estou oíndo latexar o teu corazón!
Bom, bom! Bum, bum! Pumba, pumba!
Iso é que o Conto Viaxeiro está dentro de ti e fai soar as campás do teu
corazón.
Seguro que a próxima vez es ti o Conto Viaxeiro e desexarás ir de viaxe!
E deste xeito, no mundo nacerá un novo Conto Viaxeiro.
Eiko Kadono
Animádevos
a conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL, participando en
calquera das actividades que se realizan en bibliotecas, escolas e outras
institucións do país e, sobre todo, animando aos mais novos a que lean polo
menos 20 minutos cada día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.