luns, 19 de maio de 2014

O PAÍS ADORMENTADO - Literatura Xuvenil

O país adormentado 
Colección Fóra de Xogo

Recuperación dun clásico da literatura infantil e xuvenil galega.

No país de Glearim, onde reina Ambulasac o Vixiante, todos os seus habitantes dormen deseguido.

No pasado concedéraselles o don de non morrer mentres durmían, por iso teñen medo a estar espertos e foron durmindo cada vez durante máis tempo coa intención de ser eternos.

Aurora, unha afouta rapaza que coñece un segredo que moi poucos saben, baixará até o fondo da Fraga Mesta e emprenderá un camiño novo para reunirse con Val e as súas xentes, que pretenden liberar o país daquela pasividade que fixo da bendición de non morrer a maldición de non vivir.

Aurora e Val non renunciarán a vivir e non queren que ninguén escriba por eles o seu destino nin a súa historia. As duras batallas que librarán terán como obxectivo a recuperación da memoria e da identidade de Glearim como pobo. 
 
13 x 21 cm 
Rústica cosido a fío
144 Páxinas
ISBN: 978-84-9914-104-6 

domingo, 18 de maio de 2014

"O MISTERIO DO PIRATA BENITO SOTO" en Bibliopazos

O pasado Xoves 15 de Maio ás 13:00 horas na Sala de Lectura de BIBLIOPAZOS celebramos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, coa sesión de contacontos “O misterio do pirata Benito Soto” a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento. 

Unha historia de misterios que mestura a oralidade coa ilustración e que rematou cun obradoiro de debuxo de temática pirata

Este foi o resultado.














Tamén vos deixamos unha selección de videos: 




Visítanos tamén no Blog de LER CONTA MOITO.

"aQuelando3" - PROXECTO DE INSERCIÓN SOCIOLABORAL da Deputación Provincial de Pontevedra

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA OFERTA 40 PRAZAS PARA A REALIZACIÓN DE 300 HORAS DE FORMACIÓN PRÁCTICA NO MARCO DO PROXECTO "aQuelando3"


A Deputación de Pontevedra, a través do proxecto de inserción sociolaboral aQuelando3 cofinanciado polo FSE, oferta 40 prazas para a realización de 300 horas de formación práctica nas seguintes especialidades formativas:

  • Atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
  • Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
  • Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais.
  • Dinamización de actividades de tempo libre infantil e xuvenil.

As prácticas terán unha duración de 300 h, a participación é gratuíta e as persoas participantes poderán ter dereito a percibir unha bolsa de formación. 

Requisitos para participar:

  • Estar inscrito como demandante de emprego nas oficinas do SPEG (Servizo Público de Emprego de Galicia)
  • Estar empadroado nalgún concello da provincia de Pontevedra (a excepción das persoas empadroadas nos de Vigo e Pontevedra, por teren estes concellos proxectos propios)
  • Ter formación regrada ou ocupacional, de polo menos 300 h teóricas relacionadas coas especialidades formativas nas que se queren realizar as prácticas, no caso de "Atención sociosanitaria a persoas no domicilio", "Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais" e "Dinamización de actividades de tempo libre infantil e xuvenil"
  • Ter formación regrada ou ocupacional, de polo menos 200 h teóricas relacionadas coas especialidades formativas nas que se queren realizar as prácticas, no caso de "Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais"

As persoas interesadas que cumpran os requisitos pasarán por un proceso de selección realizado polo persoal técnico do proxecto aQuelando3.

As persoas participantes poderán ter dereito a percibir unha bolsa de formación.

Inscrición:
  • A través do formulario
  • Prazo: do 12 ó 30 de maio de 2014
Máis información:
    • Número de teléfono: 986 804 100, ext. 41252
    • Enderezo electrónico: aquelando@depo.es


    O TESOURO DOS MOUROS - Literatura Infantil


    O tesouro dos mouros
    As aventuras do Apalpador 1
    Autor: Fernando M. Cimadevila
    Ilustracións de José Ángel Ares 
    Contos Estraños Editora. Santiago de Compostela, 2012
    Colección "Contos estraños para nenos friquis" 

    Idade recomendada: + 9 anos 

    A valente Noa, o elfo Din-Don e mais o seu amigo carboeiro o Apalpador emprenden unha nova aventura nas fragas do Courel, desta vez na procura do mítico tesouro dos mouros, que está agochado nalgures.

    Para descubrir deberán superar as máis variadas probas e coñecerán toda clase de personaxes. 

    O texto compleméntase con cinco xogos ilustrados que conteñen a solución para os enigmas que os personaxes teñen que resolver.

    64 páxinas
    20 x 13 cm.
    ISBN: 978-84-939712-9-8

    sábado, 17 de maio de 2014

    A PUNTA DE PISTOLA - Literatura Xuvenil

    A punta de pistola
    Autor:Fran Alonso 
    Colección Fóra de Xogo

    XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia

    A punta de pistola ábrese cunha escena de ritmo trepidante: un delincuente de pouca monta, coñecido como O Varas, e a súa muller, Rica, acoden a un Centro de Acollida Familiar para ver os seus fillos, baixo a tutela dos servizos sociais. Unha vez alí, secuéstranos e lévanos a punta de pistola. Así comeza unha frenética fuxida.

    Ao tempo, outra historia transcorre en paralelo: a dunha camioneira emprendedora, culta e licenciada, que conduce e escribe nun blog. A camioneira, admiradora da vida da fisterrá Celia Rivas, a primeira muller en conducir un camión, en 1932, supón un contrapunto máis intimista á desenfreada fuxida que protagoniza a parella de secuestradores.

    Moita acción, planos cinematográficos, novas tecnoloxías, o papel da muller e a desestruturación social, familiar e educativa son algúns dos eixos que vertebran esta novela que está baseada nun feito real e logra atrapar os lectores e lectoras.

    13,5 x 21 cm
    Rústica cosido a fío
    144 Páxinas
    ISBN: 978-84-9914-451-1

    NIMBOS - Poesía Galega


    Editorial La Voz de Galicia S.A.
    Colección Biblioteca Galega

    Obra reveladora da extraordinaria forza expresiva do seu autor, que ilumina a carga que o poema leva dentro. 

    Nimbos viu a luz en 1961 e, desde aquela, figura entre os poemarios considerados xa clásicos da literatura galega do século XX. Poemas como "Penélope", son referencia capital da nosa literatura. Tal significación mereceu que a Real Academia Galega determinase dedicarlle o Día das Letras Galegas do ano 2014. 


    O Homenaxeado do Día das Letras Galegas 2014 é Xosé María Díaz Castro (1914 - 1989), poeta orixinario de Os Vilares de Parga, Guitiriz (Lugo). 

    Para saber máis sobre Xosé María Díaz Castro fai clic AQUÍ. 

    ISBN: 84-9757-017-0
    Nº de páxinas: 91

    MALOS TEMPOS PARA OS FANTASMAS - Literatura Infantil

    Malos tempos para os fantasmas 
    Colección Merlín Verde

    Idade recomendada: De 9 anos en diante

    Cando Marta fai once anos, a súa familia abandona a vila onde residían e trasládase a vivir na cidade. Alugan unha casa antiga e espazosa, sobre a que circulan rumores inquietantes. Unha vez instalados na nova vivenda, comezan a se producir misteriosos sucesos, que afectan sobre todo á vida de Marta. A nena acabará descubrindo que na casa habita un fantasma invisible, co que se pode comunicar a través do ordenador. Un fantasma con raros poderes, condenado a permanecer na mansión ata que esta sexa destruída.

    Malos tempos para os fantasmas é unha novela de misterio que, axudándose do humor, nos achega ás dificultades que supón enfrontarse a múltiples cambios nos anos en que se abandona a infancia e comeza a adolescencia.

    13,5 x 19 cm 
    Rústica cosido a fío
    176 Páxinas
    ISBN: 978-84-9914-437-5

    ROGOS DUN GALEGO CONTRA A INQUISICIÓN E OUTROS VERSOS LIBERAIS (1813-14)

    Rogos dun galego contra a Inquisición e outros versos liberais (1813-14)
    Manuel Pardo de Andrade
    Sección de historia

    Manuel Pardo de Andrade (1860-1832), o príncipe dos xornalistas galegos, foi un activista da causa liberal. Para a Academia teñen especial importancia os seus textos en galego. Deles, o máis relevante é o manifesto anti-inquisitorial titulado Os rogos dun gallego establecido en Londres.

    A primeira edición, impresa na Coruña no ano 1813, apareceu como anónima, igual que as seguintes. A cuberta da edición de 1841 contén este eficaz título: Rogos dun escolar gallego á Virxe do Bo Acerto pra que libre a terra da inquisición.

    O folleto de Pardo de Andrade foi lido e declamado en cidades, vilas e aldeas de Galicia e constituíu un extraordinario suceso editorial.

    Descarga o libro en formato PDF AQUÍ.

    ISBN: 978-84-87987-90-8
    Nº de páxinas: 55

    CUNTIS - GUÍAS OS BOLECHAS - Literatura Infantil


    Cuntis
    Guías "OS BOLECHAS"
    Ilustracións e textos: Pepe Carreiro / Estudio Carreiro
    Bolanda Ediciones y Marketing

    Idade recomendada: + 5 anos

    Os Bolechas van á Festa da Belle Époque de Cuntis con dúas amigas cuntienses.

    A esta festa vaise vestido á moda antiga.

    Carlos, para impresionar a unha das amigas, encárgalle a un xastre o traxe máis antigo de todos. Pero tan antigo o quere que parece un troglodita.

    ISBN: 978-84-616-5998-2
    Nº de páxinas: 32

    venres, 16 de maio de 2014

    X FESTA DO OVO EN NESPEREIRA

     

    X FESTA DO OVO EN NESPEREIRA 


    Os próximos días 17 e 18 de maio terá lugar a X FESTA DO OVO na parroquia de NESPEREIRA do noso concello. 

    O Sábado 17 de Maio:
    • A partir das 21:00 horas o VI SERÁN EN NESPEREIRA organizado por NOVAS AMISTADES.
    O Domingo 18 de Maio:
    • A partir das 11,00 da mañán serviranse diferentes pratos elaborados con ovos caseiros. 
    • Ás 13:00 horas o ciclista Oscar Pereiro lerá o Pregón. 
    A festa estará amenizada pola Agrupación Musical RIAS BAIXAS e o Dúa ESTELAR.

    Así que xa sabedes, como cada ano no mes de Maio... 

    FESTA GASTRONÓMICA DO OVO DE NESPEREIRA 

    Todos os pratos están feitos a base de ovos caseiros.

    Entre todos os pratos que se poden degustar temos: 



    PATACAS FRITAS CON OVOS E CHOURIZO
    (Prato estrela)
     

    GRELOS CON PATACAS, OVOS E CHOURIZO
    (Gran éxito das últimas edicións) 

    Se aínda así os vosos gustos non están satisfeitos, podedes degustar outros pratos como tortilla de patacas, tortilla francesa, empanada...

    Destacar os prezos anticrise, onde por so 5 ou 6 euros degustarás estes pratos acompañados de viño e pan. 


    ¡ANIMARVOS E ACUDIR A NESPEREIRA!

    BO PROVEITO

    ANDEIS BALEIROS - Literatura Infantil


    Andeis baleiros
    Autor: Susana Lamela
    Ilustracións: María Lires
    Editorial Luis Vives
    Tambre, 2012
    Colección Ala Delta. Serie Vermella

    Idade recomendada: + 5 anos

    Ani, o libro de Contos dos cinco continentes que Mar colleu na biblioteca de Lemoito, por fin vai viaxar.

    Vai con Mar á casa dos avós, na vila de Lerentrenós.

    No faiado da casa coñece un semellante seu, un volume sobre Exipto, que lle conta a historia dos libros que aló vivían.

    Cando regrese á biblioteca, Ani vai deixar pampos, con relatos dese tipo, aos seus compañeiros de andeis.


    ISBN: 978-84-15165-69-9
    Nº de páxinas: 41
    Tamaño: 20 x 13 cm

    xoves, 15 de maio de 2014

    "O MISTERIO DO PIRATA BENITO SOTO" - Contacontos en BIBLIOPAZOS


    Hoxe, Xoves 15 de Maio, ás 13:00 horas na Sala de Lectura da biblioteca celebraremos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, coa sesión de contacontos "O misterio do pirata Benito Soto" a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento. 

    Unha historia de misterios, homenaxe a Conan Doyle e ao patrimonio galego, mestura a oralidade coa ilustración que rematará cun obradoiro de debuxo de temática pirata. 

    ¡Esperamosvos en BIBLIOPAZOS!

     

    EXCURSIÓN AO BALNEARIO AGUAS SANTAS (RIBEIRA SACRA)

    Dende o Concello nos envía a seguinte información que, seguramente, será do voso interese.



    A saída será o día 16 de Xullo de 2014 ás 09,00 dende a praza do Concello.

    O Concello de Pazos de Borbén subvenciona o transporte en autobús.

    O prezo por persoa é de 20,00 €uros e inclúe os seguintes servizos:

    Comida, circuito da auga no balneario e visita a unha bodega.

    É necesario levar bañador, gorro de baño e chanclas.

    Prazas limitadas: 50.

    O prazo para inscribirse finaliza o día 1 de xullo de 2014 no teléfono do Concello 986 498 934 en horario de 09:00 a 14:00 horas de Luns a Venres.


    A excursión a organiza o Concello de Pazos de Borbén e a patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.


    BUSCAR NO BLOG


    gadgets para blogger