BIBLIOPAZOS súmase un novo ano aos actos para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL que se celebra en todo o mundo cada 2 de abril e que, en España, promove a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española do IBBY (Internacional Board on Books for Young People) xunto coas súas catro seccións: Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil (ClijCAT), Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) e a Asociación de Literatura Infantil e Juvenil Galtzagorri Elkartea.
Dende 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL co fin de promocionar e fomentar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do DÍA DO LIBRO INFANTIL. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.
Neste ano 2020, o país encargado foi Eslovenia; a mensaxe é unha creación do escritor, poeta, traductor e historiador literario Peter Svetina e o cartaz é autoría do pintor e ilustrador Damijan Stepancic.
Se queres descargar o cartaz e o díptico coa mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil e coa información dos autores dos mesmos fai clic nos seguintes enlaces:
MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2020
FAME DE PALABRAS
A finais do mes de abril, ou a comezos de maio, no meu país reverdecen os arbustos. Ao pouco tempo, as crisálidas das bolboretas prenden neles. Locen coma boliñas de algodón, mais as eirugas devoran folla tras folla ata que os arbustos perden o seu verde por completo. Cando as bolboretas saen das súas crisálidas botan a voar; pero malia todo, os arbustos non quedan arruinados: dentro dun ano volverán agromar, e así unha e outra vez.
Esta é a imaxe dunha escritora, a imaxe dun poeta: os contos e os poemas aliméntanse deles, ríllanos, esgótanos... E cando xa están escritos, saen voando para acabaren nos libros, para aterraren nos oídos daqueles que os escoitan. E isto non deixa de repetirse nunca...
E que ocorre cos poemas e cos contos?
Coñezo un rapaz ao que operaron dos ollos. Logo da intervención tivo que estar dúas semanas deitado sobre o seu costado dereito; e despois, durante un mes máis, non puido ler. Non puido ler nada. Cando, tras un mes e medio de repouso, volveu coller un libro, tivo a sensación de estar arramplando coas palabras a eito dunha tarteira. Como se as comese, como se as comese de verdade.
E coñezo unha rapaza que agora é mestra, e que dixo: “Pobres daqueles nenos aos que os seus pais non lles lían libros!”
As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma.
Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto.
Pero a fame de palabras non se presenta deste xeito, senón que toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma reina o frío, non se decata de que está a pasar a carón de si mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen sequera notalo.
Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos.
Se nunca o fixemos, existe a esperanza de que poidamos acalmar este tipo de fame?
Si. Aquel mozo le, raro é o día en que non o fai. E a moza que é mestra le contos para o seu alumnado. Cada venres. Cada semana.
E se algunha vez lle esquece, son as nenas e os nenos quen llo lembran.
E a escritora? E o poeta? Ao ano seguinte, reverdecerán. E volverán roelos os contos e os poemas que logo, transformados en bolboretas, botarán a voar. Unha e outra vez.
Escrito por Peter SvetinaIlustrado por Damijan StepancicTraducido por Héctor Cajaraville
Este ano debido á situación que estamos vivindo por mor da pandemia do COVID-19 non podemos realizar ningunha actividade presencial para conmemorar este día, pero desde aquí pedimos e animamos a todos os veciños e veciñas de Pazos de Borbén sexan ou non usuarios da biblioteca, que no entorno do día 2 de abril en que se conmemora o DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL, lle LEAN EN VOZ ALTA aos cativos e tamén aos non tan cativos esta mensaxe, un poema en galego ou calquera outra lectura que poida saciar esa FAME DAS PALABRAS que, como nos dí o seu autor Peter Svetina "son alimento para o espírito e para a alma".
Podedes gravar en audio ou en video a lectura da mensaxe, do poema ou das lecturas e subilas ás redes sociais co hastag #BiblioPazosDILI2020.
Esperamos os vosos audios e videos.
Podedes gravar en audio ou en video a lectura da mensaxe, do poema ou das lecturas e subilas ás redes sociais co hastag #BiblioPazosDILI2020.
Esperamos os vosos audios e videos.
ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR E A CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.