venres, 19 de decembro de 2025

A GRAMOLA GOMINOLA visita Pazos de Borbén co seu espectáculo "ESPECIAL NADAL" - Programa "NADAL EN REDE" da Rede de Dinamización Lingüística

Rematamos a programación de actividades organizadas pola Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén-BiblioPazos neste ano 2025 cunha nova actividade en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística enmarcada no programa "NADAL EN REDE" da Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. 

Esta nova actividade é "ESPECIAL NADAL" que nos traerá a banda "A GRAMOLA GOMINOLA" a Pazos de Borbén o próximo Sábado 27 de Decembro a partir das 19:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén, con entrada de balde ata completar o aforo.

"ESPECIAL NADAL" é un espectáculo do Nadal de "A GRAMOLA GOMINOLA" o grupo de música infantil máis famoso do momento que chega a Nadal en rede cargado de panxoliñas a ritmo de rock e ofrece un espectáculo onde soarán cancións do seu cuarto disco, "O Nadal coa avoa Fina": "Apalpador", "O rap metal do Nadal", "A Noiteboa sempre é boa coa miña avoa"..., temas para recuperar valores e tradicións e, sobre todo para bailar e para cantar en galego a todo pulmón.

Un Nadal para compartir coas persoas que queremos, para sentir, vivir, reciclar, plantar un piñeiro e, sobre de todo, un Nadal para cantar e bailar ben forte a ritmo de rock&roll, poñendo a todo o público en pe e cornos na man.

A GRAMOLA GOMINOLA é unha banda de auténtico Rock&Roll en galego para público cativo. Eles son Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). O grupo naceu no ano 2015 e dende entón deron centos de concertos poñendo ao público en pé cos cornos en man!

Premio Martin Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil. Teñen catro libros-CD no mercado publicados pola Editorial Galaxia.

Informamos que na Biblioteca temos todos os Libros-Cd publicados por "A Gramola Gominola" a disposición de quen solicite o seu préstamo para lelos e escoitar as cancións na súa casa ou onde queiran. Os títulos son "A Gramola Gominola", "Cancións para desafinar", "Bravas, o rexurdir da luz!" e "O Nadal coa avoa Fina".

ENTRADA DE BALDE ATA COMPLETAR O AFORO DO LOCAL

ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 15 de decembro de 2025

A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DE PAZOS DE BORBÉN - BIBLIOPAZOS recibe un novo premio da Campaña de animación á lectura "MARÍA MOLINER" do ano 2025

¡Boas novas para a biblioteca!

O pasado día 1 de decembro foi un día MOI ESPECIAL para a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén-BiblioPazos, para todos os que traballamos na mesma ao longo destes anos, e tamén para todos aqueles usuarios, persoas, entidades, asociacións e fundacións que colaboran coa mesma habitualmente.

Ese día publicouse na páxina web do Ministerio de Cultura a Resolución definitiva da concesión dos premios Maria Moliner deste ano 2025; e a Biblioteca de Pazos de Borbén foi outro ano mais premiada neste concurso de proxectos de animación á lectura que convoca anualmente o Ministerio de Cultura polo seu proxecto "CONTOS, MAXIA, MÚSICA E LITERATURA: CULTURA E SABIDURÍA”.


O Concurso de proxectos de animación á lectura “MARÍA MOLINER” realizase anualmente grazas ao convenio subscrito entre o Ministerio de Cultura e a Federación Española de Municipios e Provincias, vai dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes, e ata un máximo de 370 proxectos son seleccionados para recibir un premio en metálico para adquirir, principalmente, lotes de libros.

Dos 370 proxectos seleccionados os dez proxectos que obteñan mellor puntuación reciben un premio por un importe individual de 10.000 euros; mentres que os 360 proxectos seguintes por orde de puntuación recibirán un premio por un importe individual de 2.777,77 euros.

O premio obtido pola Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén-BiblioPazos consiste na concesión dunha subvención en metálico por importe de 2.777,77 euros destinados á compra de libros para mellora das súas coleccións bibliográficas.

En total 14 bibliotecas da Comunidade Autónoma de Galicia foron premiadas.

Entre as catro bibliotecas premiadas da provincia de Pontevedra, ademais da de Pazos de Borbén, recibiron o premio as bibliotecas dos concellos de O Grove, Mos e Pontecesures.

Na provincia de A Coruña foron premiadas as bibliotecas dos concellos de Ares. Cee e Betanzos; na provincia de Lugo as dos concellos de Sarria Sober, Barreiros, Ribadeo e Antas de Ulla; e na provincia de Ourense as de Verín e Ribadavia.

A todas queremos enviarlles os nosos parabéns pola consecución deses premios e polo traballo realizado.

O certo é que en Pazos de Borbén estamos contentísimos pois das seis veces que nos presentamos ata agora a este concurso, nos anos 2017, 2018, 2021 e 2022, 2024 e 2025 fomos premiados en todas as ocasións.

No proxecto levado a cabo entre os meses de xuño de 2024 a o 8 de maio de 2025 realizáronse un total de 28 actividades (Contacontos, obradoiros literarios, certames literarios, conferencias, etc.) nas que participaron Raquel Queizás, Pablísimo, Fernando Saldaña, Leo Leíño, Fran Campos e Fran Ameixeiras (Bandullo Azul), Miguel Alonso Diz, Andrea Barreira Freije, Xavier Alcalá e Manel Cráneo, Iván Davila, Vero Rilo, Peter Punk Pallaso e Brais das Hortas, Samuel Ferro, Juan Duran Alonso e Soledad Felloza. A todas e todos eles grazas polo seu traballo e profesionalidade e por axudarnos a acadar este premio.

O ter conseguido este novo premio e este recoñecemento pola realización deste proxecto non sería posible sen a aportación económica do Concello de Pazos de Borbén; a Deputación Provincial de Pontevedra e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia; e da imprescindible colaboración da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Vigo (ASPAVI); da directiva, persoal docente e persoal non docente do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira.

Grazas a todos e todas pola súa colaboración; aos socios e usuarios da biblioteca, persoal do concello, e todas aquelas persoas e institucións que de algunha forma participaron e colaboraron para levar adiante este proxecto premiado.

GRAZAS, GRAZAS, MOITÍSIMAS GRAZAS.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

venres, 12 de decembro de 2025

Celebramos o NADAL co espectáculo "O CASTIÑEIRO DO APALPADOR" de "Fantoches Baj" - Programa +ESCÉNICAS da Deputación Provincial de Pontevedra


Rematamos coas actividades de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal; financiadas polo Concello de Pazos de Borbén e pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do programa +ÉSCÉNICAS de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia de Pontevedra, co espectáculo "O CASTIÑEIRO DO APALPADOR" que nos traerá a Compañía FANTOCHES BAJ o Sábado 20 de Decembro a partir das 17:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén.
Neste espectáculo, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba únicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chaman O Apalpador, conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas.

O Apalpador é un carboeiro pobre cuxas únicas propiedades son un castiñeiro e un magosteiro. A súa grande preocupación é conseguir que os cativos non lle rouben as castañas. Ata que un día, se lle presenta na carboaría unha velliña aterecida de frío e de fame. El, compadecido, ofrécelle teito e castañas do seu magosto. A velliña que é unha meiga, ante a súa bondade, ofrece cumprirlle tres desexos e o apalpador, movido pola súa teima máis inmediata, pide que quen toque o seu castiñeiro quede pegado para sempre nel, que quen colla as castañas do chao o engula a terra e quen meta na man no seu magosteiro quede dentro encarcerado. Con estes tres desexos conseguirá sen embargo vencer a Morte. O Gobernador do mundo ao ver os efectos devastadores da desaparición da Morte obrigará ao Apalpador a ceibala. E o Apalpador ceibaraa pero antes asegurarase de que a el non lle toque xamais.

Convetido nun ser inmortal, liberado da necesidade de comer, e vendo que as castañas se lle estragan todos os anos, decide repartirllelas os nenos que pasan fame. Por iso, desde aquela, percorre o mundo apalpando as barrigas dos nenos e deixándolle unha presiña das castañas do seu castiñeiro a aqueles que a teñen valeira.
FANTOCHES BAJ é unha compañía creada inicialmente en Portugal por IGNACIO VILARIÑO no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo "Tío Miseria" (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo "O Asombro" (2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en "As Pombas de Carboeiro". Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Co seu espectáculo "Os Golfiños e o xigante" obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil.

A ENTRADA É DE BALDE ATA COMPLETAR O AFORO DO LOCAL

ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

mércores, 10 de decembro de 2025

ENTREGA DE PREMIOS DO "VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN"

O día 21 de Setembro pasado informábamos da convocatoria do "VII CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" no que podía participar todo o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria residente no municipio que estivera ou estea cursando estudos nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2024/2025 e 2025/2026; e tamén os usuarios dos Centros de Atención a Persoas con Diversidade Funcional con sede e actividade no Concello de Pazos de Borbén.

Como en edicións anteriores coa convocatoria desta 7ª edición do certame o Concello pretende seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas, estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, así como tamén entre o colectivo de persoas con diversidade funcional.

Igual que nos últimos anos o número de categorías para participar foron sete (7) e o prazo para presentar os traballos estableceuse entre os días 1 de outubro e o 14 de novembro de 2025.

Presentáronse un total de 149 traballos, co que seguimos contando cunha moi alta participación desde a existencia deste pequeno certame literario:

  • Ano 2025:    149 participantes.
  • Ano 2024:    160 participantes.
  • Ano 2023:    149 participantes.
  • Ano 2022:      58 participantes.
  • Ano 2021:      67 participantes.
  • Ano 2019:      77 participantes.
  • Ano 2018:      64 participantes.
Os participantes podían presentar un único debuxo ou relato que tiña que ser orixinal, inédito, escrito en lingua galega e non premiado dentro do prazo estipulado nas bases do certame e entregalo na Biblioteca.

Na Categoría A: Persoas con diversidade funcional presentáronse 5 traballos, todos eles pertencentes a usuarios da Asociación ASPAVI que entregaron cada un o seu relato.

Na Categoría B: Alumnado de Educación Infantil, coa presentación dun debuxo cada un, participaron 30 criaturas do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI A Galeriña de Nespereira.

Na Categoría C: Alumnado de 1º e 2º de Primaria foron 28 rapazas e rapaces do CPI "Curros Enríquez" os que participaron cun debuxo cada un con algunha frase alusiva aos traballos presentados.

Na Categoría C: Alumnado de 3º e 4º de Primaria presentáronse 27 traballos doutros tantos alumnos e alumnas deses cursos do CPI "Curros Enríquez".

Na Categoría D: Alumnado de 5º e 6º de Primaria foron presentados 23 traballos participando o 100% do alumnado destes cursos que estuda no CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Nas categorías de Educación Secundaria Obrigatoria presentáronse un total de 28 trabalos na Categoría F: Alumnado de 1º e 2º de ESO e na Categoría G: Alumnado de 3º e 4º de ESO foron 8 os participantes no certame.


Nas Bases do certame establecérase que a temática dos traballos era libre valorándose que incidiran preferentemente nas materias de igualdade, a diversidade, a tolerancia, o respecto e a prevención da violencia de xénero como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres; na recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén; e na recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.

Desde que convocamos esta 7ª edición do certame, animamos ao profesorado, pais, nais e demais familiares do alumnado e á dirección e persoal dos centros educativos e de atención a persoas con diversidade funcional para que estimularan a participar nesta nova edición a todo o alumnado e usuarios destes centros; e parece que, de novo, o resultado foi moi satisfactorio.

Para motivar a participación foron realizados 13 sesións de dous Obradoiros de Creación Literaria denominados "ESCRIBIR PARA SOÑAR" e "OS FÍOS DA HISTORIA. COMO CONSTRUÍR UN RELATO" que foron impartidos, respectivamente, polos escritores Miguel Anxo Alonso Diz e Andrea Barreira Freije; e aos que asistiron os usuarios da Asociación ASPAVI e todo o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI "A Galeriña" de Nespereira; un total de 193 escolares e uns 40 usuarios da Asociación ASPAVI.

O xurado do Certame reuniuse o día 1 de Decembro e xa ten decidido ás premiadas e premiados desta 7ª edición do certame que daránse a coñecer o próximo Xoves 18 de Decembro nun acto que se celebrará no Auditorio do Concello ás 11:00 horas e ás 13:00 horas, e nos que participarán tamén as mestras e mestres, monitoras e monitores, etc., o Alcalde do Concello e outros membros da Corporación, e representación da Deputación Provincial de Pontevedra.

Por último comentar que estes eventos enmárcanse no programa de actividades de dinamización da Lingua Galega do ano 2025 "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA E CERTAME DE RELATO CURTO" organizado pola Biblioteca Pública Municipal e que conta coa financiación do Concello de Pazos de Borbén e do Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos da Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar co a Biblioteca por Teléfono chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborbén.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

luns, 1 de decembro de 2025

Nadal con Contos en BiblioPazos

Festexa o Nadal coa nosa selección de contos e panxoliñas:



Fai Clic nas imaxes


           

           

   


Achégate a BiblioPazos para descubrir moitos máis.


















 




luns, 3 de novembro de 2025

NOVEMBRO - MES DA TRADICIÓN ORAL

Celebra o MES DA TRADICIÓN ORAL coa nosa selección de libros:

Fai clic nas imaxes

Infantil e Xuvenil





Adultos

        
    
Achégate á BiblioPazos, temos moitos máis!!!

mércores, 29 de outubro de 2025

Novembro Mes da CIENCIA en BiblioPazos

    Descobre a nosa selección de libros para conmemorar o MES DA CIENCIA:

Fai clic nas imaxes





Ahégate a Biblioteca para descubrir moitos máis¡

venres, 17 de outubro de 2025

venres, 10 de outubro de 2025

TARABELA CREATIVA achega a Pazos de Borbén o seu espectáculo "BOA SORTE, MALA FAMA" para contar a historia máis "incómoda" da emigración galega - Programa +ESCÉNICAS da Deputación de Pontevedra

Informámosvos da próxima actividade incluida no programa de animación á lectura e dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal; unha actividade financiada polo Concello de Pazos de Borbén e pola Deputación Provincial de Pontevedra a través do programa +ÉSCÉNICAS de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos da provincia de Pontevedra.

TARABELA CREATIVA SC ofrecerános o seu espectáculo "BOA SORTE, MALA FAMA" o Sábado 18 de Outubro a partir das 19:00 horas na CASA DA CULTURA DE NESPEREIRA con entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo do local.

Sempre se soubo, claro está, que as anduriñas son aves de bo agoiro, que alí onde aniñan traen fortuna, que anuncian a primavera e que os mariñeiros as tatuaban na pel por cada travesía da que lograban retornar. Pouco se fala, en cambio, do molestas que se lle fan a moita xente co seu canto agudo e de que enchen todo de excrementos. Por iso estas aves dan boa sorte, pero teñen mala fama. Ningún outro animal se parece tanto aos emigrantes galegos: estamos en cada continente, vivimos facendo colonias, temos na cabeza o camiño de volta a casa e marchamos por necesidade. E, igual que as anduriñas, gañamos mala fama, aló onde fomos buscar a nosa boa sorte.
Este espectáculo nace da necesidade de contar, precisamente, aquelo do que pouco se fala.
Trátase dunha traxicomedia en tres actos: Acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos e acto terceiro, os retratos. Nos que facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas se contará a historia máis “incómoda” da nosa emigración.
Empregando para isto tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se ubique naquelas outras realidades e sensacións que atravesamos) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras e coa que se traballará na metáfora do espello e do reflexo como leit motiv.) Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega.

Tarabela Creativa
Carmen Conde - Diego Gallego
 é unha compañía asentada en Lugo e fundada por Diego Gallego e por Carmen Conde que reúne sendas traxectorias profesionais en distintos ámbitos: Diego, procedente do mundo da produción e da xestión comercial; Carmen, guionista, narradora e dramaturga.

Perseguen dúas vocacións: a primeira, contar historias a través das artes escénicas e do audiovisual...A segunda, un fundamental labor de plantar a semente dos futuros contadores e contadoras en diverso formato a través da formación.

Baixo o seu selo teñen escrito e producido varios espectáculos de narración oral para público adulto e infantil, con grande presencia tanto en teatros e auditorios de Galicia, coma en festivais de diverso corte: “Elas Son Artistas”, “Agrocuir”, “Deperto”, “A boca chea”, "Sete falares", "Oikonomos", “Festival Escena Muller”... A base de todo o traballo de Tarabela Creativa fundaméntase nas recollidas, que despois supoñen un arquivo e un repositorio dos que parten toda a escrita e a posta en escena.

Crearon a miniserie web “Premios Darwin”, así como a serie dixital sobre a historia da música en Galicia "Quéreme soar!" para a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así mesmo, ocupáronse da dirección artística, guión e presentación dos IX Premios Martín Códax da Música Galega.

Teñen como eixos fundamentais a ruralidade, o silenciado e as disidencias.Deste xeito, Tarabela Creativa completa a súa filosofía de achegar relatos que, tendo a súa orixe no común e corrente, alcanzan altas cotas de extraordinario.

ESPERÁMOSVOS!!! NON FALTEDES!!!

Para calquera información sobre esta programación poden contactar coa Biblioteca chamando por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.gal no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger