venres, 4 de novembro de 2016

VISITA A EXPOSICIÓN BIBLIOGRÁFICA "MAURICE SENDAK" EN BIBLIOPAZOS ata o día 9 de decembro de 2016

Segue aberta ao público a Exposición Bibliográfica "Maurice Sendak" que a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén (BiblioPazos) ten organizado en colaboración coa Fundación Filomena Rivero Alonso de Redondela.

O día 9 de novembro, Mércores, ás 11:00 horas da mañá está prevista a visita de escolares á Exposición bibliográfica “Maurice Sendak”, que realizarán os alumnos de 1º de primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos cos que se levará a cabo un obradoiro dedicado á obra do autor homenaxeado na exposición.

VEN VISITALA!
Horario de visitas:
Luns a venres de 09:00 a 14:00 horas
Sábados de 09:00 a 13:00 horas


Exposición Bibliográfica
Maurice Sendak
3 - Outubro / 9 - Decembro - 2016

A Fundación Filomena Rivero Alonso xunto coa Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS", co fin de promover o hábito da lectura, inauguran o vindeiro luns día 3 de outubro unha Exposición bibliográfica sobre o autor Maurice Sendak, encadrada dentro do convenio asinado entre ámbalas dúas institucións.

Esta actividade que ten como fin incentivar a lectura entre os nenos independentemente dos recursos familiares, e así contribuír á formación integral da persoa, durará ata o venres 9 de decembro, e componse dunha exposición e de lecturas complementarias a través de material que a propia Fundación por medio da Biblioteca Pública de Pazos de Borbén pon a disposición dos educadores.

A partir da atractiva obra de diferentes autores, os nenos poderán iniciarse no mundo da lectura collendo así hábitos saudables e deste modo desenvolver o potencial cognitivo e o sentido crítico, principais beneficios da lectura. 

O calendario de exposicións entre as dúas institucións comeza coa obra de Maurice Sendak, soada por “Onde viven os monstros”, libro editado en USA con gran éxito e que marcou unha traxectoria chea de premios e recoñecementos a nivel mundial.

A mostra componse de paneis explicativos, tratando a vida e obra do autor, así como vitrinas nas que se exhiben edicións dos libros publicados e obxectos relacionados coas historias que se contan nos mesmos. 

O autor:
MAURICE SENDAK 
Brooklyn, Nova York (EEUU), 1928; Connecticut (EEUU), 2012 

Dende 1951 produciu máis de 90 libros infantís, unha traxectoria que o levou a recibir en 1970 o Premio Andersen e o Premio Laura Ingalls Wilder en 1983. 

En 1996 o Goberno dos Estados Unidos entregoulle a Medalla Nacional das Artes e en 2003 concedéronlle o Premio Internacional Astrid Lindgren de Literatura Infantil, xunto coa autora austríaca Christine Nöstlinger. 

Fillo de inmigrantes xudeus de orixe polaca, Sendak estudou pintura e debuxo no Art Students League de Nova York. Conseguiu o seu primeiro emprego como ilustrador para All América Comics e en 1951 comezou a traballar como ilustrador para a editorial Harper and Brothers. 

Impulsou unha auténtica revolución no panorama literario infantil polas ideas, a forma e o contido dos seus libros. A crítica especializada calificábao como "un dos homes máis influíntes dos Estados Unidos, porque darlle forma á fantasía de millóns de nenos é unha terrible responsabilidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger