PAPIROFLEXIA iniciación
Vicente Palacios
Baía Edicións, 2009
Tódalas idades.
A papiroflexia é a arte e, polo mesmo, a creación de figuras cunha
recoñecible significación, mediante a pregadura –preferentemente fixa-
dunha folla de papel. Esta arte inspira as súas normas en Occidente, na
idea de creación do nada. Non podemos crear –evidentemente- do nada,
pero si de case nada.
Partimos da forma plana, por ser a máis
parecida ao nada no mundo das formas; do papel, por ser algo accesible a
todas e todos e de escaso valor; da súa forma cadrada preferentemente,
por ser a máis simple. Servímonos só das mans para evitar o uso de
instrumentos, agás en casos moi especiais. Consideramos o uso das mans
como o recurso mínimo necesario.
Partindo dun mínimo de recursos,
tratamos de inventar as formas máis ambiciosas: figuras con movemento,
con gran realismo, con incrible complicación e perfección etc. Ao estar
feitas preferentemente mediante pregaduras fixas, podemos reter os seus
procesos na memoria; ou tomalos como referencias para superalos ou
perfeccionalos. Desta forma podemos dicir que a arte “avanza”
obxectivamente.
O proceso de pregadura de cada figura móstrase
mediante unha sucesión de debuxos paso a paso, os símbolos admitidos
internacionalmente en papiroflexia e un texto, claro e concreto,
acompañando os debuxos en cada paso. Esta exposición gráfica constitúe
un idioma internacional que todas e todos podemos entender facilmente.
A
papiroflexia ofrece a posibilidade de gozar da imaxinación creadora, e
tamén a de reproducir e contemplar figuras que foron inventadas por
outras persoas. E isto no medio de moi variados lugares ou
circunstancias: no tren, na montaña, nunha sobremesa etc. Permite así
mesmo a posibilidade de regalar obxectos normalmente de pouco custo, a
quen poden aprecialos como obras do enxeño e da habilidade.
En
Oriente, xa desde antigo, fascinaba a contemplación dunha folla de papel
coa súa perfección; e aplicaban a imaxinación e a habilidade para
engadirlle novo encanto. Na actualidade, chegamos practicamente a unha
arte común a todos.
O principiante precisará saber como obter un
papel cadrado a partir doutras formas. Ou o de formas xeométricas
regulares. Ou de diferentes proporcións, para o que poderá necesitar de
regra, escuadras, tesoira, círculo ou semicírculo graduado... Aquí
empezaremos mostrando o máis necesario.
Precisará tamén observar como se prega ben ou mal unha folla, para poder así depurar a súa propia forma de pregar.
Dentro do libro veremos 28 modelos de figuras ordenados polo seu grao de dificultade, moi aptas para o principiante.
Nº de páxinas: 60
Língua: GALEGO
Encadernación: Tapa dura
ISBN: 978-84-92630-08-0
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.