mércores, 12 de xuño de 2013

Os mil brancos dos Esquimós - LITERATURA INFANTIL

Os mil brancos dos esquimós
Texto de Isabel Minhós Martins
Ilustracións de Madalena Matoso
Tradución do portugués de Antón Fortes
OQO Editora, Colección O
Novembro 2009
+ de 4 anos 
 
Ás veces para viaxar lonxe, o único que se necesita é un xesto. Coma neste caso, en que só hai que abrir esta pequena xoia e pasear polas súas páxinas. No interior agárdannos chairas inmensas, baleiras e brancas, polas que vagan os osos…
 
Nese lugar tan afastado, vive un pequeno neno esquimó que nos vai deixar ver o mundo a través dos seus ollos. E cal será a nosa sorpresa, cando descubramos que os esquimós son capaces de distinguir mil tons de brancos, tan diferentes uns doutros, como o amarelo e o azul. Branco pinga, branco folerpa, branco nube…
 
Dunha maneira sinxela, a autora lusa Isabel Minhós Martins achégase con este álbum ao pobo esquimó. Preséntao na súa faceta máis cotiá: no interior dos iglús, percorrendo as paisaxes xeadas ou navegando en kaiak. Mais non só descubriremos a este gran descoñecido, como adoita pasar con todas as minorías, ademais sentiremos o frío e o vento, as folerpas de neve que se apegan á cara… grazas á maxia das súas palabras.
 
Claro que este álbum non só nos envolve coas palabras, tamén nos acariña coas imaxes. Madalena Matoso, nesta segunda colaboración con OQO, retrata este pobo que habita latitudes tan distantes, cos ollos da inocencia. Nas composicións, recorre á técnica da colaxe, mediante a que ensambla recortes de xornais, papeis e distintos materiais, que para o noso asombro, se transforman en icebergs, en tormenta, en neno…
 
Difícil non identificarse con estes esquimós. Todo neles esperta simpatía (as roupas de cores vivas e luminosas), ou tenrura, ao descubrir o modo en que se relacionan coa natureza. E a provocar estes sentimentos, contribúen sobre todo as escenas da ilustradora portuguesa: o xeo que estrala baixo os pés; as nubes, tan altas, tan frías; as folerpas que caen como plumas…
 
Velaquí un álbum que mira con naturalidade cara ao outro lado do mundo e que conclúe cunha pregunta: Os esquimós ven mil brancos. E ti, cantos brancos podes ver? A través del, os máis cativos comprobarán dunha maneira espontánea e divertida, que hai de certo niso de que as coordenadas xeográficas e culturais condicionan a nosa forma de ver o mundo.
 
TERCEIRO PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO 2009, na categoría INFANTIL E XUVENIL, polo Ministerio de Cultura.
 
987-84-9871-216-2
36 páxs.
Cartoné
25 x 23 cm
 
Faite socio de BIBLIOPAZOS e lévao para ler na túa casa
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger