xoves, 22 de setembro de 2022

CONVOCATORIA DO "IV CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN" E "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA"

En datas pasadas informamos sobre varias actividades de animación á lectura que comezaron o día 16 de setembro pasado coa actuación de Paco Cerdeira “PAKOLAS” e continuamos o próximo día 26 de setembro con OLGA CUERVO, nas que participarán os alumnos de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Sacamos agora á luz outras novas actividades para seguir animando á lectura e dinamizar o uso da lingua galega entre os escolares do concello e para elo convocamos outro ano máis o CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN que, nesta ocasión, acada a súa cuarta edición.

Neste IV CERTAME DE RELATO CURTO DE PAZOS DE BORBÉN poderá participar todo o alumnado residente no Concello de Pazos de Borbén que estivera ou estea cursando estudos de Educación Primaria e/ou Secundaria nos colexios públicos do municipio durante os cursos 2021/2022 ou 2022/2023; e que presenten os orixinais escritos en lingua galega. Haberá 5 categorías para participar:

- A: 1º e 2º de primaria
- B: 3º e 4º de primaria
- C: 5º e 6º de primaria
- D: 1º e 2º de ESO
- E: 3º e 4º de ESO

Os relatos poderán presentarse entre os días 3 de outubro e o 15 de novembro, ambos inclusive, deste ano 2022.

Coa convocatoria desta cuarta edición do certame pretendemos seguir animando á creación literaria, á escrita e á lectura en lingua galega; fomentar a creatividade e potenciar a expresión e a comprensión escritas estimulando o uso da lingua galega entre os escolares e os mais mozos, particularmente no ámbito da narrativa/relato breve, facilitándolles unha motivación para facelo como é a de participar nun certame literario.

Este ano ademais hai uns pequenos cambios nas bases que son os seguintes:

1) Os traballos deberán presentarse en papel formato A4 manuscritos en letra clara ou ben impresos en tipo de letra Arial, tamaño 14 puntos e entreliñado 1,5 liñas. (Nas anteriores edicións era de 12 puntos).

2) A temática dos relatos deberá incidir, preferentemente, nas seguintes materias:
  • A prevención da violencia de xénero, a igualdade, a diversidade, a tolerancia e o respecto como valores esenciais para a convivencia entre homes e mulleres.
  • A recollida de historias e lendas locais transmitidas oralmente de avós/avoas a pais/nais, a fillos/as e a netos/as que favorezan o coñecemento do patrimonio inmaterial de Pazos de Borbén.
  • A recollida de toponimia e microtoponimia dos lugares, barrios e parroquias do concello.
3) Para fomentar a lectura en lingua galega e o traballo cooperativo na aula entregaranse tamén un lote de libros a cada unha das aulas do colexio que presenten máis de catro participantes ao certame.

Desde a Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS" animamos a todo o profesorado do centro, aos pais, nais e demais familiares do alumnado para que os estimulen a escribir e a participar nesta nova edición na que esperamos superar a participación da celebrada no ano 2021.

Ademais para animar á escrita a todo o alumnado temos organizado tamén varios "OBRADOIROS DE CREACIÓN LITERARIA".

O primeiro deles titulado “ESCRIBIR PARA CONTAR” será impartido polo escritor, poeta, docente e contacontos MIGUEL ANXO ALONSO DIZ e nel participará todo o alumnado de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Terá lugar nas instalacións do colexio en seis sesións dunha duración de hora e media cada unha e se levarán a cabo nos seguintes horarios:
 
Martes, 27 de setembro:
12:30 a 14:00 - 1º Primaria
Mércores, 28 de setembro
12:30 a 14:00 - 2º Primaria
Xoves, 29 de setembro
09:30 a 11:00 - 3º Primaria
11:00 a 12:30 - 4º Primaria
Venres, 30 de setembro
09:30 a 11:00 - 5º Primaria
11:00 a 12:30 - 6º Primaria

O obradoiro está concibido coma un xeito de estruturar e dar forma aos procesos de creación que teñen lugar na forma de afrontar o proceso da escrita do escritor que os imparte.

A múltiple condición de escritor-poeta, conta contos e docente fai que xogue con diversas variables: o uso da palabra, a inclusión de elementos (que da en chamar de contada), as imaxes e as actividades asociadas ao libro dirixidas a reforzar a mensaxe que se desexa transmitir á rapazada. Na maioría das veces actividades que buscan fomentar a creatividade, o amor pola arte en xeral e pola lingua galega.

Todas estas variables xogan un papel relevante no intre de pórse diante da folla en branco.

O obradoiro que está pensado para os escolares e cada sesión está adaptada non só a idade senón tamén ao grupo, persegue os obxectivos que se indican a continuación e estrutúrase en tres niveis que se detallan de seguido:

  • Incentivar a creatividade.
  • Estimular a creación de historias vencelladas co noso contorno.
  • Dar a coñecer diferentes propostas narrativas: narrativa breve, relato curto, microrrelato, prosa poética ou conto.
  • Asociar a escrita ao xogo.
  • Enlazar elementos escritos e de narración visual.
  • Conectar a escrita e a narración oral.
  • Incentivar a lectura como motor da escrita.
  • Iniciar no xogo das palabras.
  • Escribir como ferramenta de expresión dun mesmo.
  • Fomentar o uso da lingua galega.

Primeiro nivel: 1º e 2º de Primaria
  • Pequenas historias.
  • Narrar a través da imaxe.
  • O cómic. A idea.
  • Un pequeno guión.
  • A palabra e a imaxe.
Segundo nivel: 3º e 4º de Primaria
  • Xogo da escrita.
  • Cazadores de ideas.
  • O nacemento dos personaxes.
  • Un mundo en menos de 200 palabras.
  • O título.
  • Unha pequena gran historia.
Terceiro nivel: 5º e 6º de Primaria
  • Ser creativos? Exercicio da "pedra".
  • Técnicas de escrita.
  • O binomio fantástico.
  • Comezamos a contar.
O segundo obradoiro denominado “RELATO EXPRÉS-A PERSONAXE DA AULA” o impartirá a escritora, xornalista e docente ANDREA BARREIRA FREIJE e nel participará todo o alumnado de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Terá lugar tamén nas instalacións do colexio en
catro sesións dunha duración de hora e media cada unha e se realizarán nas seguintes datas e horarios:

Xoves, 6 de outubro
10:20 a 11:50 - 1º ESO
12:20 a 13:50 - 4º ESO
Venres, 7 de outubro
10:20 a 11:50 - 2º ESO
12:20 a 13:50 - 3º ESO

Es quen de escribir un relato nunha hora e media? Atréveste a enfrontarte á folla en branco? 

Este é un obradoiro de narrativa onde se aprende a usar as ferramentas básicas para escribir un relato. A través do xogo, quen participe descubrirá que hai detrás do principio, nó e desenlace.

Para escribir un relato precisamos imaxinación, atención e coñecer o manexo dunhas ferramentas básicas. “Relato-exprés” é un obradoiro de escrita que funciona como unha receita. A través de varios pasos, que van desde a inspiración á lectura, pasando pola escrita, descubriremos tanto o traballo que hai detrás dun texto como os elementos narrativos para poder conxugalo todo e así contar unha historia.

“A personaxe da aula” vén contar a súa historia: Quen e como é? Desde onde apareceu? Cales serán as súas aventuras? A que terá que enfrontarse? Vai soa ou ten compaña?

Neste obradoiro o alumnado aprenderá a construír un relato a través da creación dunha personaxe, xa que nos permitirá non só saber como é, senón tamén a manexar os distintos elementos narrativos como o espazo, o tempo, os narradores, diálogos, monólogos... a un tempo que aprenden a elaborar unha trama a partir da súa viaxe.

Un obradoiro para traballar en conxunto, de xeito que se construirá un relato entre toda a aula. Unha maneira doada de aprender a estruturar as historias.

Cada participante escribirá un relato xogando con narradores e estruturas algo máis complexas.

Estas actividades enmárcanse no programa de "Obradoiros e Certame de Creación Literaria" do Proxecto de Actividades de Dinamización da Lingua Galega da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra.

Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger