venres, 15 de abril de 2022

"CONTOS NO PAÍS DA CHOIVA" con MIGUEL ANXO ALONSO DIZ para conmemorar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR

E para conmemorar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR que se celebra en todo o mundo o día 23 de abril, teremos con nós ao escritor MIGUEL ANXO ALONSO DIZ (fillo de Carmen da Carballeira) nacido en Madrid, residente na cidade de Vigo, e con raíces na parroquia de Moscoso (Pazos de Borbén).

O noso "veciños" traerános o seu contacontos "CONTOS NO PAÍS DA CHOIVA" baseado no seu libro "O país da choiva" publicado por Antela Editorial.

Esta actividade terá lugar o Venres día 22 de Abril a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén, e están convidados para asistir á mesma o alumnado de 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI, ademáis de todo o público en xeral que se inscriba previamente na Biblioteca chamando ao teléfono 986 497 273.

O nome da contada ven dun libro escrito polo autor no que as personaxes vense sometidas a unha situación estraña: "A xente da súa vila esqueceu a súa lingua. A choiva levou as palabras dos seus beizos". É un libro para que o lectorado reflexione sobre a situación da lingua galega.

Neste contacontos o narrador emprega contos e poemas escritos por él mesmo como elemento de recuperación de palabras propias (que levou a choiva). Coa participación dos asistentes nas diferentes historias a través de xestos, movementos e verbalizacións, trabállase tamén aspectos de educación emocional, sempre tendo en conta a igualdade e o respecto á diferencia como un elemento transversal. Trabállase vocabulario en lingua galega, o amor pola poesía, os contos e a propia lingua.

Os obxectivos desta contada son os de fomentar a creatividade na rapazada; xerar relacións baseadas no bo trato e respecto mutuo; asociar aspectos positivos, e divertidos, á lingua galega. A lingua como elemento de xogo; traballar vocabulario na lingua galega; pór en valor o conto e a poesía como ferramenta transformadora da realidade e elemento moi válido para a aprendizaxe; e fomentar a lectura e o uso da imaxinación.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger