Dende fai moito anos no mes de Febreiro conmemoramos o nacemento de ROSALÍA DE CASTRO, unha das grandes escritoras da literatura española do século XIX; unha das figuras emblemáticas do rexurdimento galego; unha das precursoras do feminismo en Galicia; e a nosa poeta nacional por excelencia.
Este ano a Fundación Rosalía de Castro reuniu a representantes de institucións culturais e educativas para tomaren a decisión de cambiar a celebración do anivesario do nacemento de DÍA DE ROSALÍA logo do recente descubrimento pola investigadora Sagrario Abelleira que corrixe a data de nacemento da autora.
Así que a partir do 2022 o DÍA DE ROSALÍA celebrarase o día 23 de Febreiro e non o día 24 como ata de agora.
MARÍA ROSALÍA RITA DE CASTRO naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. A súa vida é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual.
O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou orixinando a Galicia dos nosos días.
Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.
Máis información sobre a vida e obra de ROSALÍA DE CASTRO facendo click AQUÍ.
BIBLIOPAZOS adhírese a esta homenaxe á autora a través desta nova no blog e da actividade "A MIÑA HISTORIA", un espectáculo que busca reivindicar o dereito ao galego a través da vida e obra da autora e coñecer segredos da homenaxeada Rosalía de Castro.
"Andrea é unha periodista saída do Século XIX que sabe todo sobre Rosalía de Castro. Serás capaz de axudala para que todo o mundo se lembre dela?"
Será levada a cabo pola actriz titulada superior de Arte Dramática na especialidade de Interpretacion Textual pola ESAD de Galicia Irene Lorenzo Rey de "TRÉMOLA TEATRO" o próximo mércores 23 de Febreiro en dúas sesións a partir das 10:00 horas no Auditorio do Concello e nas que participarán os escolares de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.
Este ano a Fundación Rosalía de Castro quere conmemorar o DÍA DE ROSALÍA lembrando o poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da sua épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra (broa e leña), consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote...
Aquí vos deixo a imaxe do "CALDO DE GLORIA" con esta fermosa historia e co poema "Miña casiña, meu lar" que podedes descargar facendo clicando na imaxe:
De seguido deixámosvos tamén unhas imaxes coas portadas dalgunhas das obras de/e sobre a autora das que dispoñemos en BiblioPazos a disposición dos e das nosos/as usuarios e usuarias e que podedes localizar no catálogo da biblioteca ou preguntar ao persoal da mesma.
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2022
"Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino."
Rosalía de Castro.
Alimentamos a realidade do noso País a través da nosa lingua e das palabras que envolven a nosa diversidade social e cultural. Pensármonos na lingua de nosoutras é manter, transmitir e dignificar quen somos. E esta é a forza que atopamos en Rosalía de Castro: recoñecérmonos como pobo forte, unido na nosa lingua.
Non hai nada máis poderoso que as voces legadas polas nosas devanceiras, para arrodear os sentires, as emocións, a rebeldía, a liberdade dese pensamento sobre o que ninguén pode mandar.
Velaquí o maior acto revolucionario que nos agasallou Rosalía de Castro! Os seus versos transfórmanse nunha historia que rebela, provoca, emociona e que nos acolle para “eu tamén navegar”(1), para facermos parte dunha nosa Historia propia e libre.
Así vou eu/formando parte/Non me abandono e formo parte(2), do pobo que describe Rosalía de Castro, da xente que defende a cultura sen cancelas e enche as rúas de voces violetas para combater da man das compañeiras os mouchos que nos asexan e a aqueles que ladran contra as que camiñan.
Abracemos, entón, a desorde das ideas(3) e a marcha dos pensamentos para seguir o navegar de Rosalía de Castro na voz das persoas humildes, para escoitar o silencio das oprimidas e censurar as inxustizas coa forza da nosa lingua. Non precisamos mans alleas que escriban a nosa historia así que, Dálle que dálle ó argadelo/noite e día/e pensa e pensa naquelo/porfía que te porfía, porque xa agroma forte a semente plantada. Vivamos a galope(4) nunha rede de afectos e celebremos que nin a lingua nin o pensamento se exilian. Tezamos xuntas, fortes e libres os puntos que calcetaron as mestras da República, as cigarreiras, as misteiras, as costureiras e todas as que, coma ti, loitaron contra as inxustizas e polos dereitos.
Cosamos cos fíos da lingua na que entendemos, debatemos, amamos e enliñemos as nosas ideas e os nosos pensamentos.
Tal com’as nubes
Qu’impele o vento
Y agora asombran, y agora alegran
Os espaços inmensos d’o ceo,
Así as ideas
Loucas qu’eu teño
As imaxes de multiples formas
D’estranas feituras, de cores incertos,
Agora asombran,
O fondo sin fondo d’o meu pensamento.
___________________
(1) Xohana Torres.
(2) Luísa Villalta.
(3) Xela Arias.
(4) María Xosé Queizán.
Beatriz Maceda Abeleira
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#rdc_2022 #SementadePensamentos
O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.
Fonte: Fundación Rosalía de Castro e Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.