Despois dunha intensa
programación durante o primeiro semestre de 2017 e despois do merecido descanso
do verán por vacacións voltamos novamente con máis actividades de Animación á
Lectura na Biblioteca Pública Municipal de Pazos de Borbén – BiblioPazos, coas
que pretendemos contribuír á promoción
da lectura como vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal,
ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir, mediante a
realización dun conxunto de actividades para achegar á cidadanía á lectura e á información dun xeito lúdico e
atraente.
As
actividades deste semestre foron iniciadas o Sábado
9 de setembro de 2017 no que organizamos unha andaina
educativo-cultural pola Senda Arqueolóxica de Amoedo na que participaron
unhas 150 persoas de tódalas idades. Con esta e outras actividades
incluídas dentro do programa
"CONTOS
NA NATUREZA" da Concellería de Cultura do Concello de
Pazos de Borbén a través da Biblioteca Pública Municipal
"BiblioPazos" e en colaboración coa Oficina Municipal de
Información Xuvenil, co que se pretende promover e dinamizar o uso da
lingua galega no municipio; fomentar a animación á lectura a través
dun programa de promoción da tradición oral galega a través de
contadores de historias; incrementar a oferta de actividade cultural en
lingua galega, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, etnográfico,
natural e cultural do concello a través de actividades nas sendas e nos
paraxes naturais do municipio.
A actividade comezou ás 20:00 horas na Casa Cultural de Amoedo cunha
charla do arqueólogo e divulgador XOSÉ LOIS VILAR do Instituto de
Estudos Miñoranos, sobre o mundo da arte rupestre galega na que conxugou
arqueoloxía con grandes doses de humor e retranca. Logo realizamos unha pequena andaina pola Senda Arqueolóxica de
Amoedo, (considerada como
unha das mellores e máis importes da arte rupestre do sur de Galicia e dunha
inmensa riqueza arqueolóxica e etnográfica) na que admiramos un petróglifo e unha mámoa baixo as
explicacións de Xosé Lois Vilar.
Ao final do percorrido no Carballo de Martiz atopámonos
coa actriz, filóloga e sobre todo contacontos RAQUEL QUEIZÁS que nos ofreceu baixo a luz das estrelas o seu espectáculo
“O ECO DAS PEDRAS”, no que nos
encheu de historias e lendas
tradicionais que nos mergullaron nunha Galicia chea de misterio, nunha Galicia
de milenios aínda por descubrir e coas que fomos coñecendo o noso patrimonio
inmaterial e como este vai intimamente ligado a súa vez co noso incrible
patrimonio material de onde veñen gran parte destas lendas e contos e no que descubrimos
todo un mundo oculto que tamén nos fai pobo e que debemos estimar, coidar e non
dar a esquecemento.
Este
evento foi patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra dentro
do seu programa do Ano Patrimonio.
---------------------------------------------------------------------------------
MARTES 3 DE OUTUBRO DE 2017: Continuamos coas actividades o próximo cunha andaina guiada pola Senda
Arqueolóxica de Amoedo do programa Contos na Natureza.
Nesta ocasión participarán neste
actividade os alumnos e alumnas de de 5º e 6º de
Primaria do CPI Curros Enríquez nunha andaina que contará con dúas
actividades.
Na
primeira contaremos novamente coa presencia do arqueólogo e divulgador Xosé Lois Vilar do Instituto de Estudos Miñoranos,
quen dará conta da importancia e dos misterios que a día de hoxe aínda
continúan ao redor da arte rupestre e megalítica de Galicia; e sempre nun
ambiente educativo e de lecer, os alumnos visitarán petróglifos, mámoas e o
foxo do lobo de Amoedo, estrutura que a dia de hoxe aínda inspira a
imaxinación sobre o misterioso lobo baixo as explicacións de Xosé Lois Vilar.
Remataremos
a andaina xunto ao maxestoso Carballo de Martiz, onde a contacontos CHARO PITA nos ofrecerá o
seu espectáculo de narración oral “A metamorfose
de Medusa e outras historias” con contos recollidos de distintas mitoloxías sobre historias de
metamorfoses e transformacións en elementos da natureza cos que buscará a
participación e complicidade dos ollos dos máis novos e novas.
Dende
a Concellería de Cultura e dende a Biblioteca Pública Municipal do Concello de
Pazos de Borbén (BIBLIOPAZOS) agradecemos a Jorge Alvarez a súa
axuda para facer posible esta andaina e a súa publicidade; e á Deputación
Provincial de Pontevedra e á
Xunta de Galicia polo seu patrocinio.
Para asistir a esta
actividade é necesaria a INSCRICIÓN PREVIA na Biblioteca, chamando ao teléfono 986
497 273.
---------------------------------------------------------------------------------
MARTES 10 DE OUTUBRO DE 2017: Seguimos co programa Contos
na Natureza cunha nova andaina na que nos achegarémonos
á Senda da Fraga do Barragán guiados por Alvaro Martínez Leiro presidente
da Comunidade de Montes de Moscoso cos alumnos/as de 1º, 2º, 3º e 4º de
ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, e que percorerremos dende
Freaza (Mondariz) pasando polas parroquias de Xunqueiras e Moscoso (Pazos de
Borbén) ata o lugar do “Monte da Cidade” en Calvos (Fornelos de Montes) -visitando muíños, pontes
e toda a ribeira do río Barragán-
ata atoparnos con ANA HERMIDA, da Asociación Cultural Lisístrata que nos ofrecerá o seu
espectáculo "UN ROTEIRO CHEO DE
HISTORIAS".
Os espazos que andamos cada día agochan segredos que
convén coñecer, tamén o entorno natural está cheo de contos que iremos narrando
nun percorrido cheo de historias da historia, lendas fascinantes, curiosidades
e personaxes que gardamos na mochila para todo o público que se achegue a este
roteiro.
Esta actividade está
patrocinada pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de
Galicia.
Para asistir a esta actividade é necesaria a INSCRICIÓN PREVIA
na Biblioteca, chamando ao teléfono 986 497 273.
---------------------------------------------------------------------------------
SÁBADO 14 DE OUTUBRO DE 2017: E para finalizar as actividades do mes de outubro
contaremos o Sábado 14 de outubro ás 18:30 horas no AUDITORIO
do CONCELLO de Pazos de Borbén con OS BOLECHAS e o seu espectáculo “De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zás” do novo programa
de dinamización lingüística FalaRedes, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política
Lingüística, en colaboración coas entidades que forman parte da Rede de
Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, á que pertence o
Concello de Pazos de Borbén.
Os seis irmáns Bolechas e o can Chispa non podían faltar á súa cita co FalaRedes. Aquí chegan, un ano máis, os máis divertidos referentes galegofalantes para percorreren este outono 21 localidades galegas cunha actividade familiar e participativa.
Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa.
Os seis irmáns Bolechas e o can Chispa non podían faltar á súa cita co FalaRedes. Aquí chegan, un ano máis, os máis divertidos referentes galegofalantes para percorreren este outono 21 localidades galegas cunha actividade familiar e participativa.
Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa.
Eustaquio acepta darlles aloxamento a
cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a
superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade
física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a
10 anos.
Cultura, xeografía, gastronomía,
tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e
nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.
Como é habitual, nesta proposta dos
Bolechas para FalaRedes a participación non se limita ao día do espectáculo,
senón que se amplía e ten continuidade a través das novas tecnoloxías.
Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá
acceder ao www.osbolechas.gal/dechispaatata
para seguir xogando e aprendendo e mais para conseguir ata 20 lotes dos seus
libros.
Tamén, coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde
ata completar a capacidade das salas.
Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega en www.lingua.gal/dechispaatata.
Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega en www.lingua.gal/dechispaatata.
ENTRADA DE
BALDE ATA COMPLETAR AFORO
ESPERÁMOSTE NO AUDITORIO DO
CONCELLO
DE PAZOS DE BORBÉN
-----------------------------------------------------------------------
NON TE
ESQUEZAS!!!
VEN A BIBLIOPAZOS
E
PARTICIPA DAS ACTIVIDADES!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.