Este Pequeno diccionario da lingua galega trata de dar a coñece-lo significado das palabras máis frecuentes do léxico galego actual. Nas súas, aproximadamente, 8.000 entradas inclúense as palabras consideradas fundamentais dentro do léxico patrimonial, así como outras pertencentes a vocabularios técnicos ou científicos bastante usuais na comunicación nos nosos días.
O criterio seguido para establece-la orde das entradas é o alfabético. Neste sentido, cómpre aclarar que ch e ll non as consideramos letras á parte; aparecen, no lugar que lles corresponde, dentro do c e do l, respectivamente.
Tendo en conta os límites impostos foi necesaria unha gran selección de entradas; ás veces familias léxicas numerosas quedan reducidas a un ou só uns poucos representantes. Á súa vez, dentro de cada entrada están soamente as acepcións, locucións, frases feitas, etc., máis usuais.
Nas definicións tratouse de evita-la circularidade (A define B e B define A); procurouse tamén evitar na definición o uso de palabras que non teñen entrada no diccionario. Isto provoca non poucos problemas á hora de redacta-las definicións pero así cumpre a nosa pretensión de que as dúbidas se solucionen dentro da propia obra. En cada acepción póñense exemplos que serven en xeral para a súa mellor comprensión.
Á parte da información léxica, incluímos datos relativos á gramática, á morfoloxía, ó uso, etc. Así, indícanse aqueles casos en que o feminino ou o plural non seguen as normas máis habituais de formación, observacións relativas á sintaxe, ó nivel de lingua, etc.
Co desexo de contribuír ó proceso de normativización da lingua, preséntanse formas que, sendo moi correntes no momento actual, non se consideran correctas e aconséllanse entón as formas máis en consonancia co léxico que posúe o noso idioma.
Pretendemos ofrecer ó público unha obra sinxela, pero útil para aquelas persoas que desexen coñece-las primeiras nocións do léxico da nosa lingua. A pesar dos fallos que seguramente contén este traballo, sería a nosa maior satisfacción acadar este obxectivo.
FAITE SOCIO DE BIBLIOPAZOS E LÉVAO PARA CONSULTAR NA TÚA CASA
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.