venres, 18 de xuño de 2021

HOXE COÑECEREMOS O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO E HISTÓRICO DE PAZOS DE BORBEN pola Senda Arqueolóxica de Amoedo

Hoxe venres 18 de xuño rematamos as actividades que organiza a Biblioteca Pública Municipal "BIBLIOPAZOS" do Concello de Pazos de Borbén deste primeiro semestre do pandémico ano de 2021.

E o facemos cunha actividade de natureza, un roteiro pola Senda Arqueolóxica de Amoedo para coñecer parte do patrimonio arqueolóxico e histórico de Pazos de Borbén percorrendo a Ruta Sur da senda, baixo a dirección de Xurxo Constela Doce de A Citania Arqueoloxía, na que imos visitar restos de petróglifos e mámoas e un foxo do lobo.

Con esta actividade pretendemos por en valor o patrimonio natural, arqueolóxico e histórico do municipio, prestando especial atención tamén á recuperación da toponimia das sendas e dos paraxes naturais.

Faremos a ruta cos alumnos de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, sen que poidamos admitir mais persoas que puideran estar interesadas en realizar esta actividade debido a que temos que cumprir cos protocolos do COVID-19.

A ruta prevista está chea de posibilidades sendo un recurso indispensable para a proxección social a través dunha didáctica enfocada cara a arqueoloxía cun enorme nùmero de restos arqueolóxicos que a converten nun referente para toda Galicia das épocas da prehistoria recente, primordialmente Neolítico e Idade do Bronce, representadas por mámoas e petróglifos respectivamente.

A catalogación recente dun foxo de lobos de dobre converxencia aumentan o atractivo da ruta, atopándonos cun resto insólito e representativo da Época Medieval na Galicia.

Na RUTA SUR nos concentraremos na zona do Alvedosa con 9 grupos de petróglifos, 6 mámoas e un foxo de lobos, pola interese de meter máis épocas históricas no roteiro e empalmar co Concello de Redondela na ruta, ampliando a perspectiva do val e do propio xacemento de Amoedo.

A ruta dunha extensión aproximada de 2 Km pretendemos facela en 2 e 3 horas aproximadamente, saíndo ás 10:00 horas da mañá dende a gasolineira de Chan de Amoedo, tal e como está previsto inicialmente.

Recordamos as recomendacións debidas á pandemia do COVID-19 do uso obrigatorio da máscara en todo momento e gardar a distancia de seguridade, e tamén que os participantes procuren:

  • Levar algo de avituallamento (Auga e algo de comida - bocadillo ou barras enerxéticas-)
  • Levar pantalón largo para protexe-las pernas en zonas de espiños, herba seca, ramas baixa, etc.
  • Levar calzado adecuado para andar polo monte para evitar accidentes. Recomendable que sexa calzado pechado evitando zapato de tacón, zapato aberto tipo sandalias e/ou zapatillas de sola fina porque resultarán incómodos. O ideal é levar un calzado apto que teña unha sola grosa, suxeición no nocello e que sexa impermeable.
  • Non separase do grupo para evitar perderse.

Agradecer de novo a axuda de todos os que fixeron posible a realización desta actividade.

Nos próximos días contarémosvos como foi esta mañán de natureza, arqueoloxía e historia.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger