xoves, 28 de febreiro de 2019

DIA INTERNACIONAL DA MULLER 2019



venres 8 de marzo celébrase en case todos os países do mundo o DÍAINTERNACIONAL DA MULLER.

É unha data destinada a recoñecer ás mulleres como artífices da historia e da loita pola súa liberación e igualdade co home que é conmemorada nas Nacións Unidas e en moitos países do mundo.

Dende á Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén queremos participar deste día e unirnos á mensaxe da Nacións Unidas e que o Día das mulleres e en todos os dias do ano, pensemos en igualdade.


"O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER é un bo momento para reflexionar acerca dos avances logrados, pedir máis cambios e celebrar a valentía e a determinación das mulleres de a pe que xogaron un papel crave na historia dos seus países e comunidades.

O tema elixido para o Día Internacional da Muller 2019, que se celebrará o 8 de marzo, é “PENSEMOS EN IGUALDADE, CONSTRUAMOS CON INTELIXENCIA, INNOVEMOS PARA O CAMBIO”.

ONU MULLERES
 insta a líderes e persoas defensoras dos dereitos das mulleres a "Pensar en igualdade, construír con intelixencia e innovar para o cambio", poñendo de relevo os servizos públicos, a seguridade dos ingresos, os espazos seguros e a tecnoloxía para mellorar a situación das mulleres e as nenas.

Este tema centrarase en formas innovadoras nas que podemos avogar pola igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres, en especial nas esferas relativas aos sistemas de protección social, o acceso aos servizos públicos e a infraestrutura sustentable.

O logro dos ambiciosos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) require cambios transformadores, enfoques integrados e novas solucións, sobre todo no que concierne á defensa da igualdade de xénero e o empoderamiento de todas as mulleres e nenas. Se se manteñen as tendencias actuais, as intervencións existentes non bastarán para conseguir un Planeta 50-50 para 2030. É crucial contar con formulacións innovadoras que rompan coa situación habitual, a fin de eliminar as barreiras estruturais e garantir que ningunha muller e ningunha nena quede atrás.

A innovación e a tecnoloxía brindan oportunidades sen precedentes; con todo, as tendencias actuais indican que a fenda dixital se está ampliando e que as mulleres están insuficientemente representadas nos campos da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería, as matemáticas e o deseño. Isto impídelles desenvolver e influír no desenvolvemento de innovacións sensibles ao xénero que permitan lograr beneficios transformadores para a sociedade. Desde a banca móbil ata a intelixencia artificial ou a Internet das cousas, é vital que as ideas e as experiencias das mulleres inflúan por igual no deseño e a aplicación das innovacións que conformarán as sociedades do futuro.

Facéndose eco do tema prioritario do 63.º período de sesións da Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller, o Día Internacional da Muller 2019 poñerá a mirada nos líderes da industria, as empresas emerxentes que están a cambiar o panorama no mundo dos negocios, ás/os emprendedoras/es sociais, as/os activistas que traballan en favor da igualdade de xénero e as mulleres innovadoras, co obxecto de examinar como pode a innovación eliminar barreiras e acelerar os avances cara á igualdade de xénero, fomentar o investimento en sistemas sociais sensibles ao xénero e construír servizos e infraestruturas que dean resposta ás necesidades das mulleres e as nenas.

Convidámosvos a unirse a todas as mulleres o 8 de marzo de 2019 para celebrar un futuro no que a innovación e a tecnoloxía creen oportunidades sen precedentes para que as mulleres e as nenas desempeñen un papel activo na creación de sistemas máis inclusivos, servizos eficientes e infraestruturas sustentables para acelerar o logro dos ODS e da igualdade de xénero."

HISTORIA DAS HISTORIAS DE GALICIA


HISTORIA DAS HISTORIAS DE GALICIA
Autor: Isidro Dubert
Edicións Xerais de Galicia, S.A
Colección: Xerais crónica.

Xénero: Literatura Galega - Historia

No seo da sociedade galega actual circulan distintas historias arredor da importancia que tiveron os celtas na nosa cultura, sobre a orixe do vello Reino de Galicia, a "doma e castración da nobreza", a existencia dos Séculos Escuros, a chegada e instalacións dos cataláns, o fusilamento dos Mártires de Carral ou o suposto "atraso secular" de Galicia. 

Unhas historias cuxo contido e sentido leva mudado en función das distintas conxunturas políticas e culturais polas que atravesou o país. Malia iso, e ata o de agora, rara vez os historiadores prestaron atención a eses cambios e mudanzas, ás súas implicacións sociais, culturais ou ideolóxicas ou ao que realmente se agocha tras elas. 


Os traballos recollidos neste volume tratan de pór remedio a este esquecemento, desvelando así aspectos pouco coñecidos -e mesmo inéditos- do noso pasado colectivo.

ISBN: 978-84-9121-001-6
Nº de páxinas: 401
Encadernación: Tapa branda
Formato: 14,5 x 22 cm.

mércores, 27 de febreiro de 2019

O PUÑO E A LETRA


O PUÑO E A LETRA
Antoloxía en Cómic Poético
Autora: Yolanda Castaño
Edicións Xerais de Galicia, S.A

Xénero: Literatura Galega - Cómic poético

Este é o primeiro libro da tradición editorial galega que afronta a descuberta do xénero internacionalmente coñecido como Comic Poetry: o diálogo da poesía e a banda deseñada que en galego poderiamos traducir por «Cómic Poético».

40 poemas interpretados en viñetas por 40 dos nomes máis salientables do panorama galego40 textos seleccionados de entre os 25 anos de aventura literaria de Yolanda Castaño.

Ilustradores: Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Manel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba Abellán, Víctor Rivas, Kike J. Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Los Bravú (Dea Gómez&Diego Omil), Yupiyeyo / María Álvarez Hortas, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López Domínguez, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Dani Xove, Tokio, Fernando Iglesias «Kohell».

ISBN: 978-84-9121-436-6
Nº de páxinas: 108
Encadernación: Tapa dura
Formato: 20 x 27 cm

martes, 26 de febreiro de 2019

RUBICUNDO


RUBICUNDO
Autora: María Canosa 
Ilustradora: Nuria Díaz
Edicións Xerais de Galicia, S.A

Idade recomendada: +9 anos

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Narrativa

Cada noite Erea espertaba cun chii-chi-chiiiii, o renxer característico da bicicleta do seu veciño e saltaba da cama para velo saír. A ela non lle sorprendía nin que a bicicleta fose daquelas antigas que tiñan unha roda grande diante, e outra pequena detrás. Tampouco lle sorprendía o nome do seu veciño: Rubicundo. Nin lle parecía raro que todas as noitas subise na súa bicicleta e comezase a viaxe enriba da árbore do seu do seu xardín, ata perderse de vista. A Erea o que si lle parecía estraño era a súa indumentaria, un gabán e un sombreiro de copa negros, e debaixo un traxe da cor do acibeche. 
Erea era así, fixábase nos detalles máis sinxelos.

ISBN: 978-84-9914-821-2
Nº de páxinas: 85
Encadernación: Tapa branda.
Formato: 13,5 x 19 cm.

luns, 25 de febreiro de 2019

AVIÓNS DE PAPEL


AVIÓNS DE PAPEL
Autor: Xavier Estévez
Ilustrador: Marcos Viso
Edicións Xerais de Galicia, S.A

Idade recomendada: +11 anos

Xénero: Literatura Infantil en Galego - Narrativa

Cando o reloxo da igrexa daba as seis e media, unha das fiestras do noveno andar abriuse e un avión de papel amarelo saíu voando, tecendo eses no ceo.
O avión perdeu folgos e estrelouse nun terrado de flores. Sería posible coñecer a persoa que se dedicaba todas as tardes a lanzar un avión pola ventá?

Grazas a ese avionciño coñecéronse Lucas e Sara, un mozo e unha moza de sexto, que compartían o amor pola lectura e aos que lles gustaba escribir, a el historias e a ela poemas. Mais o que lle puña cara de alegría a Sara eran o debuxo e a pintura, que se converterían nun fío máxico para a súa amizade. Como aquel primeiro graffiti de Hopper na alameda, o do neno co papaventos.

Unha novela sobre a amizade relatada sobre o fondo da arte urbana, dos traballos pictóricos, sexan graffitis ou murais, que humanizan a cidade e a fan máis fermosa.

ISBN: 978-84-9121-190-7
Nº de páxinas: 185
Encadernación: Tapa branda
Formato: 13,5 x 19 cm.

domingo, 24 de febreiro de 2019

POEMAS DE ROSALÍA CON ASPAVI

Hoxe 24 de febreiro celébrase o 182 aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO.

Nós quixemos conmemoralo o pasado venres cos usuarios da Asociación ASPAVI que acuden todos os martes e venres clases de informática á Biblioteca que leron en voz alta varios poemas da autora.

Coa musicalidade dos poemas "Vente, rapasa", "Adiós ríos, adiós fontes" "Maio longo" gozamos dun fermoso momento recordando á nai das nosas letras ROSALÍA DE CASTRO.

Aquí vos deixamos unhas imaxes e algún pequeno video do momento.













CELEBRAMOS O DÍA DE ROSALÍA CO ESPECTÁCULO "CONTANDO CON ROSALÍA" DE MARISA IRIMIA

O pasado xoves día 21 de febreiro ás 11:00 horas iniciamos na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BIBLIOPAZOS", as actividades de animación á lectura cun interesantísimo espectáculo cheo de contos e poemas para compartir, cargados da musicalidade da poesía de ROSALÍA DE CASTRO e co obxectivo de conmemorar o 182 aniversario do nacemento da nosa poeta e escritora nacional que terá lugar o próximo domingo 24 de febreiro.

https://www.dropbox.com/s/qbasxah193bveil/2019-02-21%20CONTANDO%20CON%20ROSAL%C3%8DA.jpg?dl=0

O espectáculo "CONTANDO CON ROSALÍA" estivo a cargo da actriz, ilustradora e contadora MARISA IRIMIA e foi un achegamento á poesía da autora dun xeito lúdico, divertido e saboroso do que participaron 46 asistentes, alumnos de 2º e 3º de primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.
Durante unha hora aproximadamente estivemos gozando das poesías e dos contos de MARISA IRIMIA que tiveron como protagonista a ROSALÍA DE CASTRO.
Ao finalizar a actuación fíxose unha lectura pública por parte do persoal da biblioteca da primeira parte da poesía "Vente, rapasa" que publicamos de seguido:
VENTE, RAPASA (I)

-Vente, rapasa,
vente, miniña,
vente a lavar
no pilón da fontiña.

Vente, Minguiño,
Minguiño, vente;
douche si non
polo demo do dente.

¡Que augua tan limpa!
¡Que rica frescura!
Venta a lavar,
que é un primor, criatura.

Válganos Dios,
que si auguiña n'houbera,
lama este corpo
mortal se volvera.

Vinde a lavarvos,
andá lixeiriños,
a cara pirmeiro,
dimpois os peíños.

¡Ai!, ¡que miniña!
¡Que nena presiosa!
Dempois de lavada
parese unha rosa.

I este miniño

que teño no colo,
dempois de lavado
parece un repolo.

¡Ai!, ¡que tan cuco!

¡Ai!, ¡que santiño!
Ven ós meus brazos,
dareiche un biquiño.

¡Olliños de groria!

¡Cariña de meiga!
¡Apértame ben,
corasón de manteiga!

Corre, corre

a que Antona te peite;
corre, darache
unha cunca de leite.

Corre, corre,

a teu pai, Mariquiña,
que come cebola
con pan e sardiña.

 Rosalía de Castro "CANTARES GALLEGOS"
Fragmento do poema "Vente, rapasa"


Aquí vos deixamos algunas imaxes da actividade:
 
 

E non vos esquezades, este domingo día 24 de Febreiro, convidámosvos a festexar o DÍA DE ROSALÍA sumándonos á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que propón á cidadanía que nese día agasalle cun libro en galego e unha flor.
ANIMÁDEVOS e de paso aproveitar para ler algunha das obras de ROSALÍA.
 

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger