martes, 1 de maio de 2018

Mª VICTORIA MORENO MÁRQUEZ - DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2018

O 17 de maio de cada ano celébrase o DÍA DAS LETRAS GALEGAS dende que o 20 de marzo de 1963 os tres membros da Real Academia Galega –Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego- presentaran nesta institución unha proposta histórica: que se declarase ese día de cada ano “DIA DAS LETRAS GALEGAS” como data para “recolle-lo latexo material da actividade intelectual galega”, cada ano, nesa data, Galicia honra as súas Letras e a súa Lingua.

Nese ano (1963) celebrábase o centenario da publicación do libro “CANTARES GALLEGOS” de Rosalía de Castro, pero ignorábase a data da súa publicación por iso propúxose o día 17 de maio, por ser nese día cando Rosalía de Castro lle dedicou o seu libro ao tamén poeta Fernán Caballero.

Foi instituída como festa anual do Día das Letra Galegas o 17 de maio. Escolleuse esta data porque “CANTARES GALLEGOS” foi o primeiro libro galego que tivo unha significación universal.

Para saber máis sobre o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, preme AQUÍ.

Neste ano 2018 a autora homenaxeada é a escritora


Profesora de ensino secundario, escritora, tradutora, libreira e editora, Mª Victoria Moreno (Valencia de Alcántara-Cáceres, 1939-Pontevedra, 2005) é a cuarta muller, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, e María Mariño, que leva este recoñecemento na historia da celebración do Día das Letras Galegas.

Nacida nun Concello limítrofe con Portugal, estudou o bacharelato en Barcelona e Filosofía e Letras, sección de Filoloxía Románica, na Universidade Complutense de Madrid. Alí coñeceu a José Luís Llácer, invidente, con quen casou ao finalizaren a carreira e co que se trasladou a Pontevedra en 1963, por ser el contratado no Colexio da ONCE. En Pontevedra viviu máis de corenta anos, até a súa morte en 2005 pois, aínda que deu clase dous anos en Lugo e catro en Vilalonga, a súa casa sempre estivo nesta vila. Podería ser máis acaído dicir que era máis segoviana ca estremeña, aínda que tamén viviu sete anos cruciais da adolescencia en Barcelona ou cinco en Madrid antes de se instalar en Galicia. Á fin, debemos darlle a razón cando afirmaba ser galega: é a terra onde viviu máis tempo e sobre todo a terra e a lingua con que se identificou.

Dende que chegou a Galicia en 1963 axiña asumiu a cidadanía en galego, idioma no que enriqueceu as letras da comunidade tanto na narrativa como nos estudos literarios, no ensaio, na poesía e na didáctica da lingua e da literatura galegas, e destacou pola súa contribución á literatura infantil e xuvenil.

Ensinou a toda unha xeración de mozos e mozas a amar a vida, a literatura, e a levar adiante os proxectos máis fermosos. E sempre dende unha visión comprometida, divertida e apaixonada. 

Para saber máis sobre MARIA VICTORIA MORENO, fai clic AQUÍ. 

Obras de Mª VICTORIA MORENO en BiblioPazos:

  • As linguas de España
  • Verso e prosa
  • Mar adiante
  • ¿Un cachiño de bica?
  • Anagnórise
  • A brétema
  • Contos de charlatáns, grumetes, botas e fendas (VV.AA)
  • Guedellas de seda e liño
  • A festa no faiado
  • Eu conto, ti cantas
  • O Cataventos
  • Elexías de luz
  • Diario da luz e a sombra
  • Leonardo e os fontaneiros
  • Onde o aire non era brisa
  • amor e as palabras
  • ¿E haberá tirón de orellas? 


Obras sobre Mª VICTORIA MORENO en BIBLIOPAZOS:

  • María Victoria Moreno – Eli Ríos – Colección "Mulleres bravas da nosa historia" - Urco editora
  • María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito – Fina Casalderrey / Marilar Aleixandre – Xerais
  • A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida – Montse Pena Presas / Iria Pena – Editorial Galaxia
  • Unha historia de amor. Pequena biografía de Mª Victoria Moreno - Joanna Lorenzo Montero / Tania solla - Lela Edicións.
  • María Victoria Moreno. Sementadora de futuro - Isabel Soto / Xavier Senín - Xerais 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.

BUSCAR NO BLOG


gadgets para blogger