Damos comezo ás actividades para conmemorar en Pazos de Borbén o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS cunha actividade moi interesante para os escolares.
Trátase dun “OBRADOIRO DE ROBÓTICA” que terá lugar o
próximo Venres 4 de novembro de 10:30 a 12:00 horas e de 13:00 a 14:30
horas nas aulas co CPI “Curros Enríquez” de Pazos en
dúas sesións que serán levadas a cabo por Raquel Bouza e Ana Míguez
Dacosta de “HEROES PARA A CIENCIA”.
Na primeira sesión de 10:30 a 12:00 horas participará o alumnado de 5º de Primaria; e na segunda de 13:00 a 14:30 horas tocaralle a quenda ao alumnado de 6º de Primaria.
Diante dunha era de
novas tecnoloxías onde todo cambiou, coñecer as diversas ferramentas de
robótica, programación, etc., volveuse algo fundamental e está comprobado que
canto máis pequenos a súa implicación, interese e capacidade de crear é moito
maior.
A robótica educativa é un método
prometedor e particularmente interesante que consiste na construción de robots
co kit de “Lego Spike Prime”. Atópase orientada a escolares de máis
de 10 anos e utiliza as pezas clásicas de construción de Lego para traballar os
conceptos STEAM (Tipo de educación que integra las disciplinas de
ciencias, tecnoloxía, enxeñería, artes e matemáticas); un modo de aprender baseado en resolver problemas, facer preguntas
e buscar respostas novas.
Para iso desenvólvese un programa
sistematizado de traballo cooperativo no que o alumnado terá que colaborar para
construír e programar.
O set inclúe motores e sensores de alta
precisión como son o sensor de cor, sensor de ultrasóns e o sensor de forza.
Espérase que os beneficios se transfiran á vida diaria do alumnado e se
xeneralicen a outros dominios da súa vida para obter melloras na súa
comunicación e relacións interpersoais, incrementándose o seu benestar
subxectivo.
Os estudantes pasan cada vez máis tempo
coa tecnoloxía e menos tempo con outras persoas. Coa intervención con robótica
educativa adóptanse estratexias como grupos pouco numerosos e contornas
estruturadas para establecer relacións cooperativas máis próximas, destacándose
a importancia que adquire actualmente educar para realizar un bo uso das tecnoloxías.
Para calquera información sobre a
programación podedes contactar coa Biblioteca por teléfono
chamando ao número 986497273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario
habitual de apertura.
EN BIBLIOPAZOS
SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.