HISTORIAS PARA CALQUERA LUGAR
VV.AA.: An Alfaya, Ramón Caride, Agustín Vernández Paz, Xabier P. Docambo, Miguel Vázquez Freire
Ilustracións: Miguelanxo Prado
Edicións Xerais de Galicia S.A., 2001
Colección Merlín marelo
Xénero: Literatura Infantil Galega - Narrativa
Idade recomendada: + 11 anos
"Historias para calquera lugar" é o libro colectivo co que a colección
Merlín celebra a publicación do seu número 100.
Cinco relatos,
ilustrados por Miguelanxo Prado, onde se mesturan a intriga, o humor e a
emoción; historias que atrapan sen remedio a atención de quen as le.
An
Alfaya escribiu "A muller prohibida", un emocionante conto de iniciación
e recuperación da memoria. Mentres camiñan descalzos polo areal, o
narrador adolescente escoita engaiolado o seu padriño, o relato de como
viviu os tempos de Franco e a experiencia dolorosa do seu amor
prohibido.
Ramón Caride escribiu "A primeira aventura de Sheila e Said",
que nos sitúa na fronteira entre os desertos do erg e do reg, nos
primeiros anos de vida de Sheila e Said, na compaña dos seus pais, Hazid
e María, e do seu avó Xan. Un trepidante relato da mellor ciencia
ficción ecolóxica e solidaria.
Agustín Fernández Paz escribiu "As sombras
do faro", un estremecedor relato de terror e intriga, coa presencia das
sombras do pasado. O narrador recupera a súa memoria de iniciación
adolescente en Pontebranca. Rememora as súas viaxes en bicicleta para
explorar a vila e os seus arredores, e a fascinación que sentían por
visita-lo outeiro do faro, onde non vai nunca ninguén.
Xabier P. Docampo
escribiu "Do que lle aconteceu a Silvano a consecuencia de caer dunha
cerdeira", un conto cheo de humor. A Silvano mudoulle a vida cando caeu
da cerdeira; conmocionado polo golpe, dende entón farfallaba unha lingua
que non entendía ninguén. Silvano era un neno simpático, para todos
tiña algunha palabra amable que dicía con cara de risa, magoa que
ninguén o entendera.
Miguel Vázquez Freire escribiu "A secta do can", un
relato de ciencia ficción e intriga. Ax debe localizar, neutralizar e,
se fose preciso, destruír á Secta do Can, un grupo de natureza
descoñecida que intervén de forma reiterada en pantallas públicas e
privadas, mediante mensaxes agresivas e disolventes, manifestamente
contrarias á Orde Única Universal.
Nº de páxinas: 224
Encadernación: Tapa branda
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.