"Os petróglifos de Amoedo sitúan á zona como un xacemento destacado de Galicia"
Así o sinalaba Manuel Santos Estévez, arqueólogo e investigador do Laboratorio de Patrimonio do CSIC, nunha entrevista concedida ao xornal Faro de Vigo en 2009. Este foi o comezo dunha senda arqueolóxica aínda sen perfilar, pero que comezaba a súa andaina.
Os primeiros petróglifos inéditos que comezaron a saír a luz foron estudados por Manuel Santos no 2003 atendendo ao aviso da súa existencia de Jorge Alvarez, veciño de Amoedo, afeccionado á arqueoloxía e un dos impulsores da senda; quen, a mediados dos 90 e de xeito constante, comezara a súa busca. Nos anos posteriores e debido ao numero de petróglifos e mámoas descubertos, que foron en aumento, volveu a poñerse en contacto con Manuel Santos, quen confirmou Amoedo como unha das zonas máis importantes en gravados rupestres do sur de Galicia. Esta aseveración foi ratificada nese 2009 polos traballos de campo realizados polo arqueólogo e divulgador Xosé Lois Vilar, tamén impulsor da senda de Amoedo e que a día de hoxe colabora nas andainas nocturnas “Amoedo Lenda en Pedra”.
Toda esta riqueza patrimonial foi posta a disposición do departamento de Patrimonio de (Concello, Deputación de Pontevedra) entre 2009 e 2011 en formato CD e papel, coa consecuente actualización do inventario de xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra, observable nos planos actualizados de 2005 a 2011. Tamén esta mesma información, pero como alegación, foi rexistrada no Concello de Pazos debido á falta de rigorosidade na redacción e formulación do proxecto do PXOM con respecto ao patrimonio arqueolóxico e etnográfico de Amoedo. Do mesmo xeito consta rexistrada na delegación provincial da Consellería de Industria debido ao despropósito por parte dunha empresa de extracción de pedra, que varrería toda unha zona montañosa rica en restos arqueolóxicos e como espazo natural en Pazos de Borbén, Redondela e Soutomaior. Unha nova alegación foi presentada, polo perigo que supuña para estes gravados rupestres e impacto medio ambiental, un vetedoiro de cascallos produto da construción dunha estrada de alta capacidade.
Pese a todo, comezan a realizarse as primeiras andainas cos escolares do CPI "Curros Enríquez" de Pazos de Borbén e cos do IES "Mendiño" de Redondela, amosándolles a historia máis descoñecida da súa terra, concienciando e inculcando a importancia na protección desta riqueza.
Coa incorporación de Antonio Graña -antigo vicepresidente da comunidade de montes de Amoedo- ao traballo comezado por Lois Vilar e Jorge Alvarez, a idea da senda comeza a coller forma entre os tres, sendo no 2011 cando a Senda Arqueolóxica de Amoedo comeza o seu periplo, rexistrando unha solicitude para a súa creación no departamento de Patrimonio de Pontevedra. É neste período, iniciados os traballos da senda, cando comezan as andainas arqueolóxicas nocturnas co nome “Amoedo Lenda en Pedra”. Estes paseos nocturnos, realizados tódolos agostos de cada ano, resultarán ter boa acollida entre o público en xeral.
Na primavera de 2014 é cando o percorrido da mesma queda realizado na súa totalidade, contando con uns 13.300 metros de lonxitude de norte a sur. O seu percorrido consta de tramos de dificultade baixa, media e alta, sendo o nivel medio o predominante.
Traballos de construción da Senda Arqueolóxica de Amoedo |
Aínda que a extensión de terreo ocupado polos xacementos é maior que o abarcado pola senda, esta percorre os máis relevantes. Debemos
salientar o valor etnográfico e natural da zona comprendida entre Cepeda e Amoedo polo sur, que comprende a bacía húmida de Valongo e As Lagoas entre os montes da Serra e o Buxel, así como as chás e outeiros dos montes do Pedroso e do Espiño, con lugares como A Matanza, A Rabadeira, Veighuiña Longa, Léghoa Seca ou o Reghueiriño polo norte, abarcando unha extraordinaria concentración de elementos arqueolóxicos e etnográficos con máis de 80 petróglifos e 20 mámoas. A día de hoxe seguen aparecendo petróglifos no monte de Amoedo, algúns deles na zona de influencia da senda. Na súa maior parte abranguen o grupo de motivos coñecidos como xeométricos ou abstractos, aínda que tamén se foron achando gravados coñecidos como os figurados ou naturalistas: cérvidos, armas, podomorfos, antropomorfos, cánidos, équidos, etc.
Entre os elementos etnográficos contamos co Foxo do Lobo no río Alvedosa, así como un grupo importante de construcións do ciclo da auga que comprenden pozas, regos, levadas, muíños, lavadoiros e fontes. Todos eles reflexo da asisada organización do complexo rural agrogandeiro galego sen solución de continuidade desde o Neolítico. A senda
tamén inclúe zonas de hábitat no monte Buxel cun posible asentamento no monte da Serra, no lugar coñecido como as Chouzas.
Neste 2017 a senda comezou o camiño da súa sinalización gracias a unha subvención da Deputación de Pontevedra solicitada desde o Concello de Pazos de Borbén, consistente en paneis informativos que poñen en coñecemento a súa localización. Nunha segunda fase e para facer o percorrido pola senda o máis cómodo e interactivo posible, a colocación de postes indicadores de dirección e paneis informativos no percorrido da senda son completamente necesarios, pero haberá que esperar ao 2018 segundo previsións do Concello. O mantemento do propio trazado da senda tamén se fai necesario e este ano, en colaboración co Concello, unha brigada limpou de maleza a zona norte e espérase que se realice a da zona sur este mesmo ano.
Neste 2017 a senda comezou o camiño da súa sinalización gracias a unha subvención da Deputación de Pontevedra solicitada desde o Concello de Pazos de Borbén, consistente en paneis informativos que poñen en coñecemento a súa localización. Nunha segunda fase e para facer o percorrido pola senda o máis cómodo e interactivo posible, a colocación de postes indicadores de dirección e paneis informativos no percorrido da senda son completamente necesarios, pero haberá que esperar ao 2018 segundo previsións do Concello. O mantemento do propio trazado da senda tamén se fai necesario e este ano, en colaboración co Concello, unha brigada limpou de maleza a zona norte e espérase que se realice a da zona sur este mesmo ano.
O traballo non foi nin é pequeno. É un traballo que necesita a man de moitos e moitas para que a senda sexa unha realidade e se propague no tempo o modelo de recuperación patrimonial que se comezou coa senda hai xa 6 anos. Neste caso, os integrantes da Senda arqueolóxica de Amoedo agradecen a axuda prestada polos compoñentes da antiga directiva da Asociación de Veciños de Amoedo, da antiga Comunidade de Montes en Man Común de Amoedo, da Área de Cultura, do Segundo Tenente Alcalde do Concello e de tódalas persoas que, de forma directa ou indirecta, apoiaron a creación dun camiño para a recuperación e protección dun anaquiño importante da historia desta terra.
Autor: Jorge Álvarez García
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.