Mañá é o día 24 de febreiro, unha
nova xornada para celebrar e festexar outro ano máis á nosa poeta nacional, ROSALÍA DE
CASTRO no 183 aniversario do seu nacemento.
MARÍA ROSALÍA RITA DE CASTRO naceu
en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. A súa vida é unha historia
realmente apaixonante, chea de interese historico, cultural e intelectual.
O seu relato é entender
desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves
sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en
Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en
Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao
proxecto que acabou orixinando a Galicia dos nosos días.
Hoxe as
investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no
debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e
explicala na súa totalidade e na súa complexidade.
Máis información sobre a vida e obra de Rosalía de Castro facendo click AQUÍ.
BiblioPazos adhírese a esta homenaxe á autora a través desta nova no blog e da actividade "A VIAXE DE ROSALÍA" a cargo da actriz LARRAITZ URRUZOLA que terá lugar o próximo venres día 28 de febreiro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello e na que participarán os alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º a 4º de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.
Máis información sobre a vida e obra de Rosalía de Castro facendo click AQUÍ.
BiblioPazos adhírese a esta homenaxe á autora a través desta nova no blog e da actividade "A VIAXE DE ROSALÍA" a cargo da actriz LARRAITZ URRUZOLA que terá lugar o próximo venres día 28 de febreiro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello e na que participarán os alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º a 4º de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.
VENTE, RAPASA (II)
-¡Vágate Dios,
que inda os figos son duros!
¡Mais qué fartiña
en estando maduros!
El e mais eu
i a comadre de abaixo
hemos de ter
que alargar o refaixo.
Rica figueira
que Dios te bendiga,
que hasme, abofé,
de fartar a barriga.
¡Jei!, o dos ovos
que vas de camiño,
¿cántas duciñas
topache no niño?
¡Unha nomáis!
¡No me teño ca risa!
Ése éche un conto
que vai para a misa.
Dáme acá seis,
que un fricol che faría,
que ó mesmo rei
que envidiar lle daría.
Xa que non qués,
no camiño che colla
vento de vira
cun saco de molla.
Rosalía de
Castro "CANTARES GALLEGOS"
Fragmento do poema
"Vente, rapasa"
Velaquí
unhas imaxes coas portadas das súas obras e que temos en BiblioPazos a
disposición dos lectores e usuarios. Podedes localizalas no catálogo da biblioteca ou
preguntar ao persoal da biblioteca.
Sumámonos tamén á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que propón desde o 2010 á cidadanía que neste día agasalle un libro en galego e unha flor.
Manifesto da Asociación
de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020
Ambos errantes polo
mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran
ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon decontado o
que eran, o que somos. Transmatria errante nunha humanidade errante. Seres
humanos que vagaron e vagan; que pularon e pulan; que morreron e morren na
procura do pan e da liberdade. Logo, a muller aquela, desafiando leis
masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos homes e das
mulleres. Toda a terra.
Foi evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía,
e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas. Errantes polo
mundo.
A súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente. Outra vez os
vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran, afirmou, así que axiña
entendemos que os camiños nos igualan e os tránsitos nos fan humanos.
Si, Ambos errantes polo mundo andamos! Elas e nós. Ti e
mais eu. Nosoutres.
Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E, no medio do desamparo, da dor da partida,
do mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o
afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a
nosa voz foi para sempre palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz
errante polo mundo.
Velaquí talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser
silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos deuses e leis
dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por
iso que habemos ser unha anomalía? Unha transmatria errante con voz de
muller. Unha nación errante que nos iguala no camiño coas desposuídes.
Ambas errantes polo mundo.
Mais que é de Rosalía agora? Vivimos tempos duros, sen dó, nos que rexorden
discursos de odio e medo. Decotío, vemos homes que acenan carraxes co seu dedo.
Berregan palabras de ferro. As vítimas son sinaladas polos verdugos. No
entanto, nesta transmatria nosa conservamos armas lilas contra a desolación.
Fabricounas unha muller con versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que
han formar parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio
medre no corazón. Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das
que foxen. Infectado con versos que denuncian e nos fan ser as outres. A
miseria está negra en torno deles / ai!, i adiante está o abismo!, dixo. Si,
o abismo. Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.
Cremos por iso en identidades errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén
ha decidir o noso xénero nin os afectos. Ninguén nos ha retirar dereitos nin
nos ha facer súbditas. Ninguén nos ha expulsar de ningures, porque Rosalía
instalou en nós a insubmisión de ser e un futuro para soñar. El serán os seus
versos un andazo? Insubmisión na denuncia da violación e da violencia de
xénero: que morden si acariñan, que cando miran queiman/ que dan dores
de raiba, que manchan e que afrentan. Insubmisión contra o poder e o
capital: Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes conciencia, nin
tén alma. Insubmisión contra quen coloniza, contra quen explota: déronlle
fel por bebida/ peniñas por alimento.
É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir
sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus
versos en cada persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se
bota ao mar, que decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no
sangue a valentía de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes
tamén somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e
sempre libres!
Daniel Asorey
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#ErrantesPoloMundo_rdc_20
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.