Queridos Reis Meigos,
Este ano porteime moi
ben. De verdade. Cóntovos:
-Tratei estupendamente a todos e cada un dos usuarios que viñeron ao
centro. Isto non ten moito mérito porque teño uns lectores e uns usuarios marabillosos.
Iso si, hai algúns máis pesados e ás veces hai que armarse de paciencia con
eles. Xa sabedes, deses que che piden 20 veces o mesmo e que che preguntan 40
veces as mesmas cousas. Seguro que a vós tamén vos pasa. Pero co tempo vas
coñecéndoos, terminas esquecendo todos os resoplidos que lanzas cando non che
ven, …¡¡e ata acabas colléndolles agarimo!!. A final de contas, sen eles isto
non sería o mesmo. Por outra banda, tomeime moi en serio o da formación de
usuarios e a todos os novos doulles moita información os servizos que
ofrecemos, e si así o desexan ensínolles a utilizar o catálogo informatizado,
preséntolles os fondos de que dispoñemos, as políticas de préstamo, etc, etc. Vamos,
¡¡que será por información!!
- Tratei de realizar un
feixe de Cursos de Formación
dirixidos á toda a poboación en xeral, adultos e nenos, que tiveron bastante
éxito aínda que os ordenadores da Aula de Informática estaban xa esgotados. Menos
mal que se renovaron por outros de segunda man pero que funcionan mellor que os
que había e ofrecen moitas máis posibilidades de traballo. Agora moitos máis veciños
xa saben mecanografar, utilizar a internet, o correo electrónico, o Word, o Excel,
o Powerpoint… Isto puntúa tamén, Non sí?
- Tratei de manter equilibrada a miña colección. A
ditosa crise segue sen facilitar fondos para novas adquisicións e soamente foi
posible renovar a colección de libros en galego grazas aos paquetes habituais de
promoción do libro galego que envía a Xunta de Galicia a todas as bibliotecas. En
castelán non puiden adquirir ningún exemplar novo e polo tanto tampouco ofrecer
novidades aos usuarios o que ocasionou que algún dos lectores habituais deixara
de acudir á biblioteca. Nada de best-sellers,
o que queira novidades que non veña a Bibliopazos. Os libros, vídeos, CD’s
e DVD’s que temos na actualidade están obsoletos na súa maior parte; son
antigos aínda que seguen sendo útiles e se atopan en bo estado, pero os libros historia,
relixión, belas artes, ciencias, dicionarios e enciclopedias… ¡¡É que a xente
nin os mira!! Pero iso si, seguimos gañando adeptos entre os mais pequenos xa
que se mantén bastante actualizada a colección de literatura infantil grazas
aos envíos da Consellería de Cultura. Total, que non quero que soe a escusa,
pero do voso de relixión, nada de nada.
- Tampouco se me esqueceu
realizar actividades de fomento da
lectura como obradoiros e contacontos; foron todo un éxito de
participación, sobre todo entre os máis novos, así que eu creo que isto me dá
puntos non?
- Este ano entramos nas Redes Sociais. Pois si, xa teño Blog, Facebook
e Twitter. Vós se cadra non as coñecedes, porque bastante traballo tendes co
voso, pero son unha ferramenta moi útil para estar en comunicación permanente
cos lectores, estar ao día das súas inquietudes e suxestións e facerlles
partícipes das nosas novidades.
- Fixen obras. Bueno, non obras de albanelaría,
pero si movín o mobiliario (repoñelo foi imposible… mencioneivos xa o da
crise?). En fin, que unhas mesas para este lado, uns estantes para o outro, cartelería por aquí, algo de imaxinación… e agora o espazo preséntase máis diáfano, con máis luz
natural nos postos de lectura. Varios lectores mostráronme a súa satisfacción
cos cambios. Iso téndeo en conta, eh?.
- Ademais de todo isto, cataloguei, etiquetei, e fixen unha chea de tarefas máis. ¡Non vos queixaredes,
eh?
Por todo iso, este ano
quixese pedirvos tantas cousas: mobiliario, ordenadores novos do trinque, fondos para realizar moitas actividades de animación á lectura; para poder abrir máis horas a biblioteca: para plans de comunicación e publicidade... Pero non quero abusar así que me
conformo con só un agasallo; gustaríame que os políticos (os novos e os que xa
non están) se concienciaran dunha vez
por todas da importancia da cultura en xeral e das bibliotecas en particular na
nosa sociedade actual, das bibliotecas como activos sociais, como centros
que difunden a cultura a través do fomento da lectura, como entes que loitan
pola inclusión social, educando ao mesmo tempo no uso da información, como
institucións, en definitiva, que ofrecen unha posibilidade de aprendizaxe e de
progreso a calquera persoa que se achegue a elas..
Si conseguimos isto,
estou seguro de que todas as carencias (xa volas citei), por un simple efecto
dominó, deixarán de selo, sen dúbida.
Moitas grazas de
antemán, queridos Reis Meigos, porque sei que, ídelo a intentar. E si non
podedes conseguir nada do que vos pedín, non vos preocupedes: poderemos
substituír as deficiencias con profesionalidade e imaxinación. A fin de contas,
é o que fixemos ata agora.
Atentamente,
Un Bibliotecario público calquera
Adaptación do artigo de Rubén Lamas publicado en: