luns, 5 de xaneiro de 2015

CARTA AOS REIS MEIGOS

Queridos Reis Meigos,

Este ano porteime moi ben. De verdade. Cóntovos:

-Tratei estupendamente a todos e cada un dos usuarios que viñeron ao centro. Isto non ten moito mérito porque teño uns lectores e uns usuarios marabillosos. Iso si, hai algúns máis pesados e ás veces hai que armarse de paciencia con eles. Xa sabedes, deses que che piden 20 veces o mesmo e que che preguntan 40 veces as mesmas cousas. Seguro que a vós tamén vos pasa. Pero co tempo vas coñecéndoos, terminas esquecendo todos os resoplidos que lanzas cando non che ven, …¡¡e ata acabas colléndolles agarimo!!. A final de contas, sen eles isto non sería o mesmo. Por outra banda, tomeime moi en serio o da formación de usuarios e a todos os novos doulles moita información os servizos que ofrecemos, e si así o desexan ensínolles a utilizar o catálogo informatizado, preséntolles os fondos de que dispoñemos, as políticas de préstamo, etc, etc. Vamos, ¡¡que será por información!!

- Tratei de realizar un feixe de Cursos de Formación dirixidos á toda a poboación en xeral, adultos e nenos, que tiveron bastante éxito aínda que os ordenadores da Aula de Informática estaban xa esgotados. Menos mal que se renovaron por outros de segunda man pero que funcionan mellor que os que había e ofrecen moitas máis posibilidades de traballo. Agora moitos máis veciños xa saben mecanografar, utilizar a internet, o correo electrónico, o Word, o Excel, o Powerpoint… Isto puntúa tamén, Non sí?

- Tratei de manter equilibrada a miña colección. A ditosa crise segue sen facilitar fondos para novas adquisicións e soamente foi posible renovar a colección de libros en galego grazas aos paquetes habituais de promoción do libro galego que envía a Xunta de Galicia a todas as bibliotecas. En castelán non puiden adquirir ningún exemplar novo e polo tanto tampouco ofrecer novidades aos usuarios o que ocasionou que algún dos lectores habituais deixara de acudir á biblioteca. Nada de best-sellers, o que queira novidades que non veña a Bibliopazos. Os libros, vídeos, CD’s e DVD’s que temos na actualidade están obsoletos na súa maior parte; son antigos aínda que seguen sendo útiles e se atopan en bo estado, pero os libros historia, relixión, belas artes, ciencias, dicionarios e enciclopedias… ¡¡É que a xente nin os mira!! Pero iso si, seguimos gañando adeptos entre os mais pequenos xa que se mantén bastante actualizada a colección de literatura infantil grazas aos envíos da Consellería de Cultura. Total, que non quero que soe a escusa, pero do voso de relixión, nada de nada.

- Tampouco se me esqueceu realizar actividades de fomento da lectura como obradoiros e contacontos; foron todo un éxito de participación, sobre todo entre os máis novos, así que eu creo que isto me dá puntos non?

- Este ano entramos nas Redes Sociais. Pois si, xa teño Blog, Facebook e Twitter. Vós se cadra non as coñecedes, porque bastante traballo tendes co voso, pero son unha ferramenta moi útil para estar en comunicación permanente cos lectores, estar ao día das súas inquietudes e suxestións e facerlles partícipes das nosas novidades.

- Fixen obras. Bueno, non obras de albanelaría, pero si movín o mobiliario (repoñelo foi imposible… mencioneivos xa o da crise?). En fin, que unhas mesas para este lado, uns estantes para o outro, cartelería por aquí, algo de imaxinación… e agora o espazo preséntase máis diáfano, con máis luz natural nos postos de lectura. Varios lectores mostráronme a súa satisfacción cos cambios. Iso téndeo en conta, eh?.

- Ademais de todo isto, cataloguei, etiquetei, e fixen unha chea de tarefas máis. ¡Non vos queixaredes, eh?

Por todo iso, este ano quixese pedirvos tantas cousas: mobiliario, ordenadores novos do trinque, fondos para realizar moitas actividades de animación á lectura; para poder abrir máis horas a biblioteca: para plans de comunicación e publicidade... Pero non quero abusar así que me conformo con só un agasallo; gustaríame que os políticos (os novos e os que xa non están) se concienciaran dunha vez por todas da importancia da cultura en xeral e das bibliotecas en particular na nosa sociedade actual, das bibliotecas como activos sociais, como centros que difunden a cultura a través do fomento da lectura, como entes que loitan pola inclusión social, educando ao mesmo tempo no uso da información, como institucións, en definitiva, que ofrecen unha posibilidade de aprendizaxe e de progreso a calquera persoa que se achegue a elas..

Si conseguimos isto, estou seguro de que todas as carencias (xa volas citei), por un simple efecto dominó, deixarán de selo, sen dúbida.

Moitas grazas de antemán, queridos Reis Meigos, porque sei que, ídelo a intentar. E si non podedes conseguir nada do que vos pedín, non vos preocupedes: poderemos substituír as deficiencias con profesionalidade e imaxinación. A fin de contas, é o que fixemos ata agora.

Atentamente,

Un Bibliotecario público calquera

Adaptación do artigo de Rubén Lamas publicado en:


2 comentarios:

  1. Ogallá che traian todo o que pides, merécelo! Tes moita razón.
    Felices Reis e Feliz Ano Novo!
    Verémonos por Bibliopazos ;->
    Eva González

    ResponderEliminar

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.