Exhortación á desobediencia
Autor: Xosé Manuel Beiras
Edicións Laiovento S.L.
Colección: Ensaio nº 306
Ética democrática e, na esquerda, ética de esquerdas. Fraternidade. 
Cooperación e non competición. República, democracia participativa, 
primacía dos dereitos colectivos, igualitarismo, autodeterminación cara á
 independencia, socialización, home novo/muller nova, nova cultura. Son 
os eixes reitores da "Declaración de Láncara", que Xosé Manuel Beiras 
debullaba ao recoller o Premio Ramón Piñeiro "Facer País" en outubro de 
2005.
Dalgún xeito as súas palabras constituíron unha especie de texto 
fundacional, o pórtico de valores que, na esfera política, levaron a 
Beiras en compañía de moitas e diversas persoas a saír a navegar en mar 
aberto, a poñer os alicerces dun movemento sociopolítico de novo deseño 
que, no eido da sociedade política, cristalizou na creación de 
Anova-Irmandade Nacionalista e da coalición Alternativa Galega de Esquerda.
Entre medias, unha crise 
sistémica como pano de fondo, na que tanto os modelos de Estado das 
autonomías e de Estado social e de dereito, como o modelo de economía 
social e de mercado e o modelo europeo entraron en esclerose 
irreversíbel. Non abonda pois cunha simple alternativa política 
partidaria. Cómpre un movemento, non un partido, un proceso de 
mobilización da cidadanía do común, unha nova cultura política que 
practique a indignación e a desobediencia. Ao cabo, unha rebelión cívica
 organizada como pobo e como motor da emancipación cara a unha creba 
democrática co réxime existente, emanado da Segunda Restauración 
Borbónica.
Cómpre reclamarmos o imposíbel: "só é utópico aquilo que non se loita por acadar"
ISBN: 978-84-8487-235-1
Formato: 14 x 21 cm



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.