luns, 29 de abril de 2024

ACTIVIDADES EDUCATIVO-CULTURAIS E DE ANIMACIÓN Á LECTURA DO MES DE MAIO DE 2024

Desde a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén “BiblioPazos” seguimos traballando pola educación e a cultura no municipio organizando actividades para continuar animando e promovendo a lectura entre a nosa veciñanza, e sensibilizando e dinamizando á poboación para a utilización en todos os ámbitos da súa vida da nosa lingua galega a través do Programa de animación á lectura e dinamización e sensibilización da Lingua Galega de 2024.

Para o mes de Maio, no que se conmemora o 
DÍA DAS LETRAS GALEGAS organizaremos algunha actividade para homenaxear á escritora, filóloga e violinista coruñesa LUISA VILLALTA GÓMEZ, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas, textos xornalísticos e tradutora; a quen a Real Academia Galega lle dedica este ano esta data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua.

Ademais, a través do programa de dinamización da lectura nas bibliotecas LER CONTA MOITO, promovido pola Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (Xunta de Galicia) en colaboración cos concellos galegos titulares dalgunha biblioteca ou axencia de lectura públicas integradas na rede de bibliotecas de Galicia; tamén temos previsto a realización de varias actividades ao longo deste ano, unha delas neste mes de maio.

Este programa ten como obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios co que se pretende:

  • Fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación.
  • Fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais.
  • Consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade.
  • Promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo.
  • Valorar o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.
Así iniciamos as actividades deste mes cunha do programa LER CONTA MOITO o Venres 3 de Maio a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello no que recibiremos a visita de MANUEL SOLLA BARRAGÁNS de Expresión producións que nos traerá o seu espectáculo de artes escénicas “O LIBRO VIVO”, co que conmemoraremos o DÍA MUNDIAL DA RISA que se celebra o 5 de Maio.


“O LIBRO VIVO” é un contacontos teatralizado no que o libro é o fío deste espectáculo cheo de ilusión e maxia.
Un libro xigante, vivo, del sairán moitísimas sorpresas: personaxes, contos...
Un espectáculo de animación á lectura con contacontos, monicreques, cancións e maxia.
Un espectáculo interactivo, dinámico e divertido.
Convidamos a asistir a este evento ao alumnado de 1º a 4º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e aos usuarios da Asociación ASPAVI, ademais de convidar tamén, e ata completar o aforo dispoñible a todos aqueles veciños e veciñas que desexen asistir ao mesmo que, previamente, se inscriban chamando ao teléfono da Biblioteca nº 986 497 273.

Continuaremos coas actividades o Martes 21 de Maio ás 11:00 horas da mañá nas instalacións do CPI “Curros Enríquez” de Pazos para recibir a Quique Mauricio e Carlos Taboada de POLO CORREO DO VENTO co seu contacontos ilustrado baseado no libro “Tinta do mar. Pequena biografía de Luisa Villalta”, editado por Polo Correo do Vento a través de Lela Edicións.


Nesta actividade narrarase oralmente a historia, sempre dando pinceladas da obra e vida da autora, e farase un obradoiro de debuxo no que realizarase unha caricatura da escritora, filóloga e violinista galega.

Temos comprometida a asistencia a este evento do alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e da EEI “A Galeriña” de Nespereira; co obxectivo de que os mesmos coñezan a autora homenaxeada este ano no DÍA DAS LETRAS GALEGAS.

O Concello adquiriu 100 exemplares do libro e cada un dos asistentes a este evento será agasallado cun exemplar; ademáis tamén serán agasallados cun exemplar o alumnado de 3º e 4º de Primaria do CPI “Curros Enríquez”, ata acabar as existencias.


E, por último, para finalizar as actividades deste mes das Letras Galegas, teremos novas actividades de animación á lectura para o alumnado de Infantil e Primaria que organiza a FUNDACIÓN FILOMENA RIVERO ALONSO de Redondela en colaboración coa Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén e que se realizarán o Venres 24 de Maio na Biblioteca do CPI “Curros Enríquez” de Pazos, ás 11:00 e 13:00 horas, respectivamente.

As actividades estarán a cargo de Pepa Martín, Mariscadora de contos que nos traerá os seus espectáculos de contacontos “XOGAMOS CON CONTOS” e “O ALFABETO DOS CONTOS”.

“XOGAMOS CON CONTOS” é unha sesión de animación lectura no que a cuentera Pepa Martín achegará ao alumnado de Infantil aos libros, convidándoos a participar en xogos, adiviñas e cantos para chegar aos contos. Xogamos con contos, contamos xogando.

“O ALFABETO DOS CONTOS” é unha viaxe desde a orixe do primeiro alfabeto no que Pepa Martín, Mariscadora de contos fará que coas letras do alfabeto o alumnado de Primaria chegue aos lugares onde habitan as historias, os enigmas e outras sorpresas.

Agradecer á FUNDACIÓN FILOMENA RIVERO ALONSO de Redondela o seu esforzo pola súa colaboración, patrocinio e organización de actividades de animación á lectura en Pazos de Borbén, así como tamén pola doazón de libros que nos ven facendo nos últimos anos e que, próximamente serán postos a disposición dos nosos usuarios e usuarias.

Por último animar a toda a veciñanza a conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS participando en calquera das actividades que levamos e cabo en BiblioPazos e tamén nas que se realizan noutras bibliotecas, escolas e outras institucións da nosa comarca para estimular a todo o mundo a ler polo menos 20 minutos cada día, e mellor si o fan na nosa lingua galega.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.