mércores, 24 de abril de 2024

Seguimos conmemorando o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITOS DE AUTOR con Raquel Queizás e o seu espectáculo "RAPOSADAS"

Continuamos coas actividades do Programa de Animación á Lectura e Dinamización da Lingua Galega de 2024 nBiblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén para conmemorar o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR que se celebra en todo o mundo o día 23 de abril de cada ano desde que tivo a sua orixe o 15 de Novembro de 1995 como unha maneira de render unha homenaxe a grandes escritores universais como Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega, William Shakespeare, Vladimir Nabokov, Josep Pla e Manuel Mejías Vallejo, entro moitos outros. Foi a través da UNESCO que se decretou este día co obxectivo de fomentar a lectura entre todos os públicos, a cultura e as letras no mundo, ademais de protexer a propiedade do dereito de autor, a iniciativa da Unión Internacional de Editores.

E é que ler axúdanos a coñecer culturas, a viaxar no tempo e a cultivar a nosa mente.


A seguinte actividade terá lugar o Venres día 26 ás 13:00 horas no Auditorio do Concello no que recibiremos a visita de RAQUEL QUEIZÁS que nos traerá o seu espectáculo "RAPOSADAS" para finalizar coas connmemoracións do MES DO LIBRO, e as do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.

Están convidados a asistir a esta actividade os usuarios da Asociación ASPAVI e o alumnado de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; todos aqueles veciños e veciñas que queiran asistir que se inscriban previamente chamando ao teléfono da Biblioteca (986 497 273).

“RAPOSADAS” é un contacontos teatralizado por Raquel Queizás; un espectáculo de contos de tradición oral con obxectos e monicreques que...
Vide escoitar "Raposadas" para coñecer a nosa tradición oral, para que perdure e non se perda. Contos, ditos, adiviñas que xa moitos de nós coñecemos da nosa nenez e agora as nosas crianzas escoitan pela primeira vez. Unha maneira divertida de estreitar lazos para levar a cabo a transmisión interxeracional da lingua galega. A lingua de cada pobo é un tesouro que hai que sementar e coidar.

A raposa é moi lista, é moi curiosa. Gústalle vivir libre no monte mais tamén achegarse á aldea para ver xogar ás nenas e aos nenos e escoitar os contos que lles contan na lareira.

Canta o galo, sae o sol. A raposa feliz achégase a aldea cantaruxando unha melodía. Vai visitar á galiña para que lle ensine adiviñas, vai escoitar os contos da señora Lela que vive preto da escola. Agarda polas nenas e nenos para xogar con carozos de millo, con paus e con pedras. Vaille botar unha carreira ao sapo e aprender con el traballos do campo.

Xa se pon o sol, a raposa ten que marchar para despedirse dela todos póñense a danzar.

Colleita de contos populares de animais de tradición oral da nosa terra, que alimentaron, alimentan e alimentarán a moitas nenas e a moitos nenos galegos.

Os contos de tradición oral seleccionados están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o uso da intelixencia para a resolución de conflitos. Moitos destes contos, ademais de mostrarnos as características que definen a cada animal, buscan describir e explicar unha forma de vida fomentando o respecto pola natureza. Axudan a coñecer a contorna natural e familiar que nos fai pobo a través da nosa lingua, os nosos contos, as nosas adiviñas, os nosos xogos e as nosas cancións.
Para calquera información sobre a programación podedes contactar coa Biblioteca por Teléfono chamando ao número 986 497 273 ou por correo electrónico a biblioteca@pazosdeborben.org no noso horario habitual de apertura.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.