mércores, 1 de maio de 2024

MANUEL SOLLA BARRAGÁNS de "Expresión producións" achéganos o seu espectáculo "O LIBRO VIVO" para animar á lectura

E seguindo co noso Programa de Animación á Lectura e de Dinamización da Lingua Galega iniciamos as actividades do mes de Maio cun evento incluído no programa de dinamización da lectura nas bibliotecas LER CONTA MOITO, promovido pola Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (Xunta de Galicia) en colaboración cos concellos galegos titulares dalgunha biblioteca ou axencia de lectura públicas integradas na rede de bibliotecas de Galicia.

Este programa ten como obxectivo xeral animar á lectura a través dunha programación de actividades atractivas, vinculadas aos intereses dos distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos bibliotecarios co que se pretende:

  • Fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación.
  • Fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais.
  • Consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade.
  • Promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo.
  • Valorar o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión.

Así o Venres 3 de Maio a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello recibiremos a visita de
MANUEL SOLLA BARRAGÁNS de Expresión producións que nos traerá o seu espectáculo de artes escénicas “O LIBRO VIVO”, co que conmemoraremos o DÍA MUNDIAL DA RISA que se celebra o 5 de Maio.

 

“O LIBRO VIVO” é un contacontos teatralizado no que o libro é o fío deste espectáculo cheo de ilusión e maxia.

Un libro xigante, vivo, del sairán moitísimas sorpresas: personaxes, contos...

Un espectáculo de animación á lectura con contacontos, monicreques, cancións e maxia.

Un espectáculo interactivo, dinámico e divertido.

Convidamos a asistir a este evento ao alumnado de 1º a 4º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e aos usuarios da Asociación ASPAVI, ademais de convidar tamén, e ata completar o aforo dispoñible, a todos aqueles veciños e veciñas que desexen asistir ao mesmo que, previamente, se inscriban chamando ao teléfono da Biblioteca nº 986 497 273.


Desde a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén animamos a toda a veciñanza a conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS e a participar en calquera das actividades que levamos e cabo e tamén nas que se realizan noutras bibliotecas, escolas e outras institucións da nosa comarca; animando aos mais novos a que lean polo menos 20 minutos cada día, e mellor si o fan na nosa lingua galega.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.