mércores, 21 de febreiro de 2024

"CONTOS NUNHA RODA. ROSALIA" - Un espectáculo de "TARABELOS" para celebrar o "DÍA DE ROSALÍA" en Pazos de Borbén


ROSALÍA DE CASTRO (Santiago de Compostela, 23/Febreiro/1837 - Padrón, 15/Xullo/1885) foi unha das grandes escritoras da literatura española do século XIX; unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego; unha das precursoras do feminismo en Galicia; e a nosa poeta nacional por excelencia.

Este ano 2024 a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén súmase ás conmemoracións do aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO en toda Galicia con varias actividades dirixidas aos escolares do municipio.

A primeira das actividades terá lugar o próximo Venres día 23 de Febreiro a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello coa actuación de ESTEBAN ACUÑA LAGOS "TARABELOS" que nos traerá o seu espectáculo Kamishibai:"CONTOS NUNHA RODA. ROSALÍA".

"Unha roda e un contador de historias viaxando nela. 
Un cachiño de tempo compartido... pequeno... concentrado...áxil...
Un grupiño axeitado... en confianza...
Un pequeno teatro ilustrado... chegado de lonxe... tarabelizado.

O "kamishibai" é unha forma de contar milenaria procedente do Xapón: un pequeno "teatro de papel" que, montado tradicionalmente nunha bicicleta, percorre vilas e aldeas para contar historias. Este kamishibai "tarabelizado" vai nunha roda soa buscando contar e compartir historias. Neste “Contos Nunha Roda” centrado no personaxe de Rosalía de Castro e o seu libro “Cantares Gallegos”, descubriremos a súa disconformidade diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais… e contaremos e cantaremos un conto de Rosalía: “Vidal o sin ventura”.

Están convidados a asistir a esta función o alumnado de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.