mércores, 21 de febreiro de 2024

23 de Febreiro de 2024 - Conmemoración do 187 aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO


Outro ano máis desde o Concello de Pazos de Borbén a través da Biblioteca Pública Municipal quere conmemorar o aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO, unha das grandes escritoras da literatura española do século XIX; unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego; unha das precursoras do feminismo en Galicia; e a nosa poeta nacional por excelencia.

Fundación Rosalía de Castro ofrece na súa páxina web moitísima información sobre a homenaxeada e poden atopar moitos recursos educativos pensados para que desde os centro educativos poidan traballar co alumnado e aprender sobre a vida e obra de Rosalía gozando deste espazo organizado atendendo a ídade do estudantado en catro grupo didácticos (Infantil, Primaria, ESO e Baharelato).

MARÍA ROSALÍA RITA DE CASTRO naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. A súa vida é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual.

O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou orixinando a Galicia dos nosos días.

Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.

A Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén adhírese a esta homenaxe á autora a través desta nova no blog e das seguintes actividades:


A primeira delas será o próximo Venres día 23 de Febreiro a partir das 13:00 horas no Auditorio do Concello no que teremos con nos a ESTEBAN ACUÑA LAGOS "TARABELOS" que nos traerá o seu espectáculo Kamishibai:"CONTOS NUNHA RODA. ROSALÍA".

"Unha roda e un contador de historias viaxando nela. 
Un cachiño de tempo compartido... pequeno... concentrado...áxil...
Un grupiño axeitado... en confianza...
Un pequeno teatro ilustrado... chegado de lonxe... tarabelizado.

O "kamishibai" é unha forma de contar milenaria procedente do Xapón: un pequeno "teatro de papel" que, montado tradicionalmente nunha bicicleta, percorre vilas e aldeas para contar historias. Este kamishibai "tarabelizado" vai nunha roda soa buscando contar e compartir historias. Neste “Contos Nunha Roda” centrado no personaxe de Rosalía de Castro e o seu libro “Cantares Gallegos”, descubriremos a súa disconformidade diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais… e contaremos e cantaremos un conto de Rosalía: “Vidal o sin ventura”.

Están convidados a asistir a este evento o alumnado de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos; e os usuarios da Asociación ASPAVI.


A segunda das actividades previstas terá lugar o próximo Luns 26 de Febreiro tamén no Auditorio do Concello, no que contaremos coa visita de PAULA REGUEIRO GARCÍA de TRÉMOLA TEATRO que nos traerá o contacontos "HISTORIAS SOÑADAS", ao que están convidados o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez de Pazos; o alumnado da EEI "A Galeriña" de Nespereira; e os usuarios da Asociación ASPAVI.

"HISTORIAS SOÑADAS" é un espectáculo creado a partir de textos e vida de Rosalía de Castro que mestura poesía, cancións e música para achegar ás crianzas a unha das figuras máis importantes do Rexurdimento Galego.

No ano 2022 a Fundación Rosalía de Castro conmemorou o DÍA DE ROSALÍA lembrando o poema "Miña casiña, meu lar" de Follas Novas, no que unha muller pobre conta un capítulo da sua épica diaria: a de sobrevivir. Esta muller que vén de Santiago a Padrón e chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra (broa e leña), consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote...

Aquí vos deixo a imaxe do "CALDO DE GLORIA" con esta fermosa historia e co poema "Miña casiña, meu lar" que podedes descargar facendo clicando na imaxe:


De seguido deixámosvos tamén unhas imaxes coas portadas dalgunhas das obras de/e sobre a autora das que dispoñemos en BiblioPazos a disposición dos e das nosos/as usuarios e usuarias e que podedes localizar no Catálogo da Biblioteca ou preguntar ao persoal da mesma.



Sumámonos tamén á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que propón desde o 2010 á cidadanía que neste día agaselle un libro en galego e unha flor.


E vos deixamos un enlace ao Manifesto 
da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2024.

Podedes descargalo en formato PDF facendo clic AQUÍ.


EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.