domingo, 3 de abril de 2022

"TANTO CONTA, CONTA TANTO" ´- Un contacontos de ANA FACCHINI para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Onte día 2 de abril celebrouse en todo o mundo o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL que se ven conmemorando desde que o IBBY (International Board on Books for Young People) o promoveu por primeira vez en 1967 coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, e co fin de promover os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

E outro ano máis a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén-BiblioPazos súmase aos actos para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil cunha actividade de narración oral que terá lugar o próximo Venres día 8 de Abril a partir ás 11:00 horas, á que asistirá o alumnado de Infantil e Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, da EEI "A Galeriña" de Nespereira e os usuarios da Asociación ASPAVI.

A actividade "TANTO CONTA, CONTA TANTO" a levará a cabo a narradora ANA FACCHINI en dúas sesións:

A 1ª sesión de 11:00 a 12:00 horas contará coa presenza do alumnado e mestres de Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

A 2ª sesión de 13:00 a 14:00 horas contará coa participación do alumnado de 5º e 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e dos usuarios da Asociación ASPAVI.
Neste espectáculo haberá heroes en cadeira de rodas, nenas valentes que loitan polas súas metas, corpos de diferentes tamaños e cores, gatos orgullosos das súas diferenzas, príncipes que queren ser sapos e princesas que unicamente queren ser elas mesmas. TANTO CONTA, CONTA TANTO... dende a igualdade, que valiosas son as diferenzas!

A través de historias inclusivas, cancións e poemas rompemos cos estereotipos e roles de xénero, propoñendo novos modelos e referentes, que amosan relacións de igual a igual, libres de discriminacións e calquera tipo de violencia.

TANTO CONTA, CONTA TANTO son historias de personaxes "diferentes" que reclaman a súa identidade e que loitan polo dereito a ser como queren ser e a quererse tal como son.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.