venres, 22 de abril de 2022

"RE(A)MAR, MEMORIAS DO SALITRE con VERO RILO

Finalizamos as actividades cultural-educativas e de animación á lectura do mes de Abril con esta proposta de narración oral a cargo de VERO RILO que patrocina a Deputación Provincial de Pontevedra dentro do programa plurianual "O PASADO POR VIR" que está a desenvolver promovido polo Departamento de Memoria Histórica, e co que pretende reivindicar as ideas transformardoras que estaban vixentes antes do golpe de Estado de 1936.

A través deste programa búscase recoñecer a herdanza dunha xeración única e irrepetible a nivel empresarial, político, cultural e social; e transmitir a idea de que aínda que coa represión e coa Ditadura se arrasou cos proxectos, e mesmo se aniquilaron as persoas, as súas ideas e o seu legado seguen vivos.

Para iso, o programa desenvolverá un amplo abano de actividades tanto de investigacion como de divulgación (xornadas, audiovisuais, perfomances, exposicións, publicacións e unidades didácticas), que estarán a disposición dos concellos e das asociacións memorialistas da provincia para a súa realización en diferentes espazos xestionados polas entidades solicitantes.

Aboadaranse as ambiciosas transformación políticas, socioeconómicas e culturais que se produciron na Galiza entre 1900 e 1936, especialmente na provincia de Pontevedra, sempre tratadas con perspectiva de país, clase e xénero.

A proposta que presentamos baixo o título de "RE(A)MAR, MEMORIAS DO SALITRE" a levará a cabo a narradora oral VERO RILO o día 29 de Abril próximo a partir das 11:30 horas no Auditorio do Concello e na que se contará coa participación do alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos, e de todos aqueles veciños e veciñas que se inscriban previamente chamando ao teléfono 986 497 273 da Biblioteca.

"RE(A)MAR, MEMORIAS DO SALITRE" é unha proposta con historias reais de recollida que fan un percorrido pola paisaxe de xullo do 36, desde a resistencia e a represión no arsenal de Ferrol ata as lavandeiras da Illa de San Simón. Historias bañadas polo mar, para chegarmos ao máis fondo e reivindicar a memoria do común a fin de que non se esqueza. Re(a)mar busca que a memoria se siga transmitindo e fique viva, fresca, rebelde e con cheiro a salitre.

VERO RILO:
Narradora oral e educadora con titulación en integración Social e Educación Infantil, Vero Rilo leva participando nun feixe de proxectos fóra e dentro do País e do Estado, deseñando e impartindo obradoiros para docentes onde fai convivir as dúas disciplinas que ocupan a súa vida: a narración e a práctia educativa.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.