sábado, 26 de febreiro de 2022

DENDE O CONFLITO

DENDE O CONFLITO
Edicións Xerais de Galicia S.A.
Colección: Narrativa

Xénero: Literatura Galega - Narrativa

Premio Xerais de Novela 2014

Saínza Combarro, unha xornalista galega que cobre conflitos bélicos para a BBC, vive en carne propia o dilema de optar polo cinismo e a resignación á hora de relatar o que ve cos seus propios ollos ou optar por defender a verdade íntima de quen é testemuña dos feitos máis arrepiantes.

A través dela, a novela fala da importancia do exercicio xornalístico nas situacións de conflito, pero sobre todo da importancia de buscar unha posición ética de relación con todas aquelas persoas esquecidas e que fican silentes do outro lado das noticias. Incluso, por paradoxal que semelle, as propias xornalistas.

As dificultades e os atrancos, mais tamén a reformulación da vida propia desde o extremo, van alén do evidente e buscan transmitir desde a emoción próxima da carne e o óso, desde unha posición rebelde cos papeis dados, a procura da propia voz para que as outras tamén a teñan. Probablemente por iso, porque a personaxe vive situacións límite, "Dende o conflito" é unha novela sobre a evolución e a construción dunha persoa que loita por ser exactamente o que ela quere ser.

"Dende o conflito" rende homenaxe ás mulleres xornalistas que souberon poñer a verdade dos conflitos bélicos por enriba de todo. Da man da protagonista viaxamos desde o Congo a Irak, desde Etiopía a Afganistán, desde Sri Lanka a Haití, pero tamén a Berlín, Barcelona, Compostela e Vilalba, que son os lugares onde Saínza se protexe da violencia buscando o agarimo e o refuxio dos afectos como unha necesidade vital para non renderse nunca.

E é que "Dende o conflito" é unha novela sobre o xornalismo, sobre a guerra, sobre o abismo entre o norte e o sur, sobre a pobreza, sobre a fame, a miseria e a marxinación, pero, moi especialmente, é unha novela sobre o valor da amizade e do amor, sobre a diversidade e a contradición dos sentimentos e, en definitiva, sobre a esencia das cousas que son as realmente importantes na vida.

ISBN: 978-84-9914-737-6
Nº de páxinas: 304
Encadernación: Rústica cosido a fío
Formato: 15 x 22 cm

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.