xoves, 15 de abril de 2021

Conferencia: "A INCRIBLE HISTORIA DO GALEGO CRISTOVO COLÓN. DE POIO A BAIONA" do escritor RODRIGO COSTOYA SANTOS, autor da novela histórica "PORTOSANTO"

Seguiremos conmemorando o DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR coa terceira actividade deste mes de abril que forma parte do noso programa de animación á lectura "ENCONTRO CON AUTORES" e que terá lugar o próximo

XOVES 22 DE ABRIL ÁS 10:00 HORAS

NO

AUDITORIO DO CONCELLO

Trátese da conferencia “A INCRIBLE HISTORIA DO GALEGO CRISTOVO COLÓN. DE POIO A BAIONA” que será impartida polo escritor RODRIGO COSTOYA SANTOS autor da novela histórica “PORTOSANTO. O enigma de Colón” na que se basea esta charla.

“PORTOSANTO”, editada en galego -idioma orixinal do texto- no ano 2017 pola editorial Toxosoutos; e en castelán coa editorial Caligrama no ano 2019, é a primeira parte da triloxía “De Luz e de tebras”, tres novelas (cada unha coa súa temática, pero cun núcleo común no que atinxe á época, feitos históricos e personaxes) que abordan dende diferentes perspectivas a eterna loita que libra o ser humano contra si mesmo. A luz da sabedoría, a razón e a tolerancia contra a escuridade que representan a ignorancia, o fanatismo e o dogmatismo.

A publicación desta novela ambientada na Idade Media que aborda a loita do ser humano contra a escuridade ao longo da historia, relanzou a teoría que avala que “CRISTÓBAL COLÓN” naceu en realidade en Galicia.

Aos primeiros datos achegados por CELSO GARCÍA DE LA RIEGA a principios do século XX, e aos descubrimentos de ALFONSO PHILIPPOT ABELEDO a partir dos anos 70 dese mesmo século, RODRIGO COSTOYA recrea na novela a historia dese neno bastardo que chega a ocupar un lugar preeminente na Historia universal.

E é que desde PHILIPPOT, os indicios que demostran que a identidade de COLÓN é en realidade un invento do propio descubridor para ocultar as súas auténticas orixes comezan a ser demasiado convincentes como para ser ignorados. Así, o conxunto de probas que achega o investigador (e desde entón, novas achegas a cargo de moitos outros) deixa poucas dúbidas acerca da coincidencia entre o perfil do almirante e o nobre galego do século XV PEDRO ÁLVAREZ DE SOUTOMAIOR, máis coñecido como “PEDRO MADRUGA”. A novela de RODRIGO COSTOYA SANTOS eríxese, na actualidade, como o principal elemento de difusión da teoría do Colón galego.

RODRIGO COSTOYA ten publicada coa editorial Pamiés a segunda novela da triloxía, EL CUSTODIO DE LOS LIBROS”, gañadora do IX Certame de Novela Histórica da Cidade de Úbeda (Jaén) en 2020 e fora tamén finalista do Premio de Novela Torrente Ballester en 2018 convocado pola Deputación da Coruña. Xa vai pola súa 3ª edición.

Contaremos coa asistencia dos alumnos de 3º e 4º de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e aquelas outras persoas interesadas que queiran participar nesta actividade e coñecer un pouco máis polo miúdo a historia “do pequeno bastardo que cambiou o mundo para sempre”, poden inscribirse –ata completar o aforo- chamando ao teléfono da Biblioteca nº 986 497 273.

ANÍMÁDEVOS!!!

 PARTICIPA NAS ACTIVIDADES DE BIBLIOPAZOS!!!

 ESPERÁMOSVOS!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.