sábado, 20 de febreiro de 2021

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2021 - CONMEMORACIÓN DO 184 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO


O próximo mércores día 24 de febreiro, é unha nova xornada para celebrar e festexar outro ano máis á nosa poeta nacional, ROSALÍA DE CASTRO no 184 aniversario do seu nacemento.

MARÍA ROSALÍA RITA DE CASTRO naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837. A súa vida é unha historia realmente apaixonante, chea de interese histórico, cultural e intelectual.

O seu relato é entender desde a perspectiva dunha rapariga filla de nai solteira e fidalga as claves sociais do seu tempo; é asistir en primeira fila como moza, en Santiago, e en Madrid, a un proceso de formación rico e complexo; é seguirlle os pasos, en Vigo, na Coruña, en Lestrobe... á súa densa creación literaria e mais ao proxecto que acabou orixinando a Galicia dos nosos días.

Hoxe as investigacións biográficas sobre a súa figura supuxeron claros avances no debuxo dos seus principais perfís. Aínda así, continúa a ser un reto estudala e explicala na súa totalidade e na súa complexidade.

Máis información sobre a vida e obra de ROSALÍA DE CASTRO facendo click AQUÍ.

BiblioPazos adhírese a esta homenaxe á autora a través desta nova no blog e da actividade "BUSCANDO A ROSALÍA" un espectáculo de narración oral con monicreques para nenas e nenos que levará a cabo a actriz e contacontos RAQUEL QUEIZÁS o próximo mércores día 24 de febreiro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello e na que participarán os alumnos de 3º e 4º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

VAMOS BEBENDO

—Teño tres pitas brancas
E un galo negro,
Que han de poñer bos ovos,
Andand'o tempo.
Y hei de vende-los caros
Po-lo Ẍaneiro,
Y hei de ẍuntá-los cartos
Para un mantelo,
Y heino de levar posto
No casamento,
Y hei...
—Pois mira, Marica,
Vai por un neto
E'antramentas non quitas
Eses cerellos,
Y as pitas van medrando
C'o galo negro,
Para poñé-los ovos,
E todo aquelo
Do ẍaneiro, d'os cartos,
Y o casamento,
Miña prenda da yalma
¡Vamos bebendo!

—Un verdadeiro amor é grande e santo,
D'os encantos encanto,
Y é doce... doce antr'as dozuras todas.
—Seica por eso tanto
Tras d'un'has y outras modas,
Dalle por empachar, anque ben sabe.
—¿Por mais qu'acabe en bodas?...
—Anqu'en bodas acabe;
Pois coma todo doce, miña vida,
Y esta é cousa sabida,
Coma que queima ó fogo,
Canto mais com'un d'el, repuna logo.

—Non cantes, non chores, non rias, non fales,
Nin entres, nin sallas sin m'o perguntare.
¡Válate San Pedro, con tanto gardarme!
—Pois de qu'asi sea, nena, non t'asañes,
Que cantes, que chores, que rias, que fales...
¡Can pasa n'un tempo meniña, diranche.
Rosalía de Castro "FOLLAS NOVAS"
(Poema extraído do Capítulo III "VARIA" da edición electrónica realizada pola "Asociación Cultural La Baragaña" a partir da primeira edición da obra publicada en 1880, que "La Ilustración Gallega y Asturiana" e "La Propaganda Literaria", publicaron en Madrid e La Habana. Esta edición respeta escrupulosamente a ortografía do orixinal)

De seguido unhas imaxes coas portadas dalgunhas obras de/e sobre a autora que temos en BiblioPazos a disposición dos lectores e usuarios. Podedes localizalas no catálogo da biblioteca ou preguntar ao persoal da biblioteca.

Sumámonos tamén á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que propón desde o 2010 á cidadanía que neste día agasalle un libro en galego e unha flor.

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2021

Miña Santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa: hei de emprestarvos os meus pendentes, hei de emprestarvos o meu collar. Todo iso che hei de dar, santa, se me deixas bailar, todo iso. As fotos do instagram, os vídeos en directo, o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto… miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.

E ti dis que aquele. Que calme. Disque teño que buscar o xeito de atoparlle fondo e fin a esta noite que me asombra sen día, que en todo está i que é todo. E dis, sacha no campo, malla na eira, lava no río, vai apañar toxiños secos antr’o pinar. Queda na casa, pecha os postigos, foxe da xente, descansa ren, pensa naquelas, nas devanceiras que por ti porfiaron perante a inxusta lei.

Que hoxe son elas quen piden vida, e levas no bico a súa voz. O seu acto. O seu sangue. A súa forza. O seu sentir. O país enteiro cabe nun ferrado de terra de Ortoño, Padrón, Compostela, Bastavales, Muxía, Moaña, Londres, Berlín … todas esas voces nosas que se espallan na diáspora do país e do mundo, que desexan volver a este mar, a esta Galicia á que ti lle cantabas ás beiras de cada río que mirabas como o Sar.

Non habías ficar silente. Non te habían calar. Na túa liberdade hoxe serían os teus poemas os que definisen a nova normalidade, se tal cousa pode ser. Aínda hoxe saberías dar forma a como sentimos e encarnala no poema. Aínda hoxe andarías a escribir artigos nos xornais ou na procura da crítica social a un sistema abusivo. A nós, que permanecemos nesta terra, só nos queda ser e alzar a voz de Rosalía de Castro. Reivindicarte, traerte, engarzarte na gorxa e que se impregne dos teus ritmos avanzados e visionarios para reconstruír o futuro dun pobo.

Neste momento de incerteza, pode ser a ciencia a que nos faga pensar que todo cambio parte dun punto de partida da ruptura do equilibrio. Sexa entón unha oportunidade. Sexa o día do teu aniversario a primeira canción, a esperanza, a resiliencia toda. Sexa o día do teu aniversario o día no que Dios santo premita qu’aquestes cantares d’alivio vos sirvan nos vosos pesares.

Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire coma cen saetas. Non precisamos máis, só mirar. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime. Ser Rosalía é ollar cara a unha nova normalidade na que só podemos avanzar.

Ás miñas costas as palabras que me falaron de ti, Rosalía. Da túa multiplicidade poética, dos teus cantos de independencia e liberdade, do país debuxado na túa mente que respira ventos de liberdade, da fiestra aberta que redefine a historia na que contan as mulleres, que é contada polas mulleres, do manifesto do poema en vixencia do século XIX ao XXI do errar polo mundo das galegas e galegos todos. Manifestos de quen falou antes de min e falou ben, manifestos aos que me uno na pregaria, miña santiña, de que hoxe e sempre atopes acubillo no noso cantar.

Miña santasa, meniña gaiteira, cantadora do mar, necesidade do rexurdimento unha vez máis desta nación túa na procura constante da xustiza. Heiche de dar os pendentes por que me deixes bailar.

Te-lo teo, rapaciña.

Teño, santa, non o nego.

Teño o teo de seguir ergueita, cara adiante, na túa lembranza e no teu camiño. Na forza da túa modernidade, na forza da defensa das que nos precisan. Na construción da identidade. No cantar que nos libera, consolo dos mares, alivio das penas. No baile. Na voz.

No xeito de nunca nós calar. Así hoxe no teu aniversario, habémoste cantar, Rosalía.

Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.



Anna R. Figueiredo
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#rdc_2021 #TeusDocesCantares


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.