xoves, 17 de decembro de 2020

"OBRADOIRO DE RECUPERACIÓN DA MEMORIA TOPONÍMICA DE PAZOS DE BORBÉN" - Actividades Decembro 2020

luns 21 de decembro nas instalacións da aula informática do CPI "Curros Enríquez" de Pazos de Borbén de 15:00 a 17:00 horas e dirixido aos alumnos de 4º da ESO un "OBRADOIRO DE RECUPERACIÓN DA MEMORIA TOPONÍMICA DE PAZOS DE BORBÉN" que será levado a cabo por Vicente Feijoo Ares coordinador técnico do proxecto GALICIA NOMEADA.

O obradoiro realizarase en dúas sesións dunha hora cada unha. Na primeira sesión explicarase ao alumnado a importancia que ten recoller e salvagardar o patrimonio cultural inmaterial do Concello de Pazos de Borbén e cómo funciona a aplicación colaborativa GALICIA NOMEADA para a recolleita da súa microtoponimia e lendas.

A segunda sesión será práctica e consistirá -si o tempo o permite- nunha saída ao campo nos arredores do colexio para que o alumnado recolla microtopónimos a través dos seus móbiles e facendo enquisas a persoas maiores nativas da zona.

Este actividade complementa a que iniciamos no ano 2019 tamén no mes de decembro, "TOPONIMÍZATE! Falámosche dos nomes da túa terra. Descubre como participar na recuperación dos nosos topónimos" que fora patrocinada pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e que consistira nunha charla-coloquio impartida tamén por Vicente Feijoo Ares á que asistiron persoal técnico do concello, membros de asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes, e escolares da ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Para este evento non podemos convidar ao público en xeral a participar del debido aos protocolos da pandemia do COVID-19.

Pero queremos que a cidadanía do noso concello non se esqueza de que

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.