luns, 2 de decembro de 2019

ENCONTRO CO AUTOR ANTONIO REIGOSA - "GALICIA ENCANTADA.Mitos, Lendas e Contos Populares"


Comezamos a programación o Mércores 4 de Decembro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello de Pazos de Borbén no que recibiremos a visita do escritor, investigador e divulgador da mitoloxía e da literatura de tradición oral ANTONIO REIGOSA CARREIRAS que nos ofrecerá unha Charla-coloquio titulada GALICIA ENCANTADA. Mitos, Lendas e Contos Populares” na que nos descubrirá o valor da oralidade e facendo un percorrido, apoiado con ilustracións, polos mitos, lendas e contos populares da tradición galega. Descubriremos os agochos (pozos, fontes, montes, xacementos arqueolóxicos...) e as figuras de seres, entre outros moitos, como as mouras, mouros ou encantos, ou como e onde se poden atopar tesouros. Percorreremos as xeografías do medo, os camiños e as pegadas de ducias de seres invisibles que fomos imaxinando colectivamente, conformando así un extraordinario patrimonio cultural, expresado case en exclusiva de xeito oral.

Antonio Reigosa é ademais de escritor, investigador e divulgador da mitoloxía e da literatura de tradición oral galega, responsable de comunicación da Rede Museística da Deputación de Lugo, Cronista oficial de Mondoñedo, Cofundador do Grupo Chaira, creador da enciclopedia virtual GALICIA ENCANTADA.

Creador e coordinador de varias revistas orais. Responsable da sección de literatura oral da AELG e autor ou coautor de numerosos títulos de literatura infantil, entre eles, “Memorias dun raposo (1998), Resalgario (2001), Lendo lendas, digo versos (2015), e tamén de ensaios como “Dicionario dos seres míticos galegos” (1999), ou os 20 tomos da colección “Cabalo Buligan” (1998-2004). Recentemente publicou en Xerais na colección Merlín “O raposo aviador que voa sen motor). Entre os premios recibidos están o Merlín (1998), o Raíña Lupa (2000) e a mellor iniciativa bibliográfica, Gala do Libro Galego 2016. É membro do Comité de Expertos en investigación de campo do proxecto “Corpus de Literatura Oral”.

A esta charla está prevista a asistencia dos alumnos de ESO do CPI “Curros Enríquez” de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Esta actividade enmárcase no programa de encontros con autores incluído no proxecto de promoción e dinamización da lingua galega do Concello de Pazos de Borbén patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

ANIMÁMOSVOS A ACUDIR ÁS ACTIVIDADES ORGANIZADAS POR BIBLIOPAZOS!!!

ESPERÁMOSVOS!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.