mércores, 11 de setembro de 2019

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA MES DE SETEMBRO 2019

Unha vez finalizada a programación do primeiro semestre do ano e despois do descanso polas vacacións do verán, retomamos de novo as actividades na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén "BiblioPazos" coas que, como sempre, queremos contribuír á promoción da lectura como vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo espazos de encontro para descubrir e compartir, mediante a realización dun conxunto de actividades para achegar á cidadanía a lectura e a información dun xeito lúdico e atraente.

As actividades deste período iniciaranse o mércores día 18 de setembro coa actuación de ANXO MOURE "O Carballo con botas" co seu espectáculo de narración oral "UNHA ÁRBORE VÉN A VERNOS (Contos para abrazar ás árbores)" que terá lugar na Sala de Lectura ás 13:00 horas e á que están convidados os alumnos de 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

"Chegan á biblioteca os teixos, freixos, bidueiras, aciñeiras, buxos..., para contar as súas historias, para aprender a abrazar as árbores, a coidar bosques, fragas, soutos... para plantar unha árbore que conte contos, en defensa do futuro."

Pasaremos un bo rato gozando dos contos de Anxo Moure mentras aprendemos a coidar a natureza.

Esta actividade enmarcase na programación de LER CONTA MOITO, un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.


De seguido, o Venres 20 de setembro, contaremos cunha nova actividade impartida polos monitores de EDUVÍA Xestión, Cultura e Lecer S.L., que baixo o título "OS CAZATESOUROS DA REDE" fará que nos internemos no mundo dixital para conseguir atopar as pistas dun mapa que nos levarán a atopar un tesouro.

A actividade realizarase na Aula de Informática de BiblioPazos ás 13:00 horas e a ela están convidados os alumnos de 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

Este divertido xogo de pistas promove a aprendizaxe a través de internet dunha forma lúdica e segura.

Esta actividade enmárcase no programa de dinamización lingüística no medio natural e novas tecnoloxías para a promoción e dinamización da lingua galega promovido pola Concellería de Cultura a través da Biblioteca Pública Municipal e patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Continuaremos con outra actividade enmarcada no programa LER CONTA MOITO que se realizará o Mércores 25 de setembro, ás 13:00 horas na Sala de Lectura de BiblioPazos.


Nesta ocasión contaremos con Manuel Solla Barragáns de Expresión producións que nos traerá o espectáculo "IGUAIS, DIFERENTES" para promover a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia de xénero.

"Para tomar conciencia de que somos iguais cos mesmos dereitos e deberes o mellor é facelo de forma lúdida, amena e divertida coa axuda dos contos, xogos, a maxia e a participación."

Nesta ocasión están convidades a participar desta actividade os alumnos de 3º e 4º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Por último e para rematar as actividades deste mes teremos con nós o Venres día 27 de setembro ás 13:00 horas no Auditorio do Concello a ANDREA VÁZQUEZ acompañada dos irmáns Fuco e Xela "OS PIÑEIRIÑOS" co seu espectáculo "GALEGAS NO MUNDO" a través do que queremos facer visibles as figuras de diversas mulleres galegas referentes na nosa historia, poñer en valor os seus méritos e transmitir valores fundamentais para educar en igualdade e salientar os aspectos máis relevantes da nosa cultura Galega.

Nesta ocasión participaran neste evento os alumnos de 1º a 4º de Primaria e Infantil do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os da EEI "A Galeriña" de Nespereira, xunto con algúns usuarios da Asociación ASPAVI.

Esta actividade enmarcase no programa de narración oral para a promoción e dinamización da lingua galega promovido pola Concellería de Cultura a través da Biblioteca Pública Municipal e patrocinado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

En todas elas a entrada é de balde ata completar o aforo dos locais onde se celebran e hai que facer a inscrición previa no teléfono 986 49 72 73 da Biblioteca.

NON VOS ESQUEZADES!

VINDE Á BIBLIOPAZOS A PARTICIPAR DAS ACTIVIDADES!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.