luns, 5 de marzo de 2018

PROGRAMACIÓN DE ANIMACIÓN Á LECTURA 2018

Iniciamos a programación cultural-educativa de Animación á Lectura en Bibliopazos o pasado día 20 de Febreiro no Auditorio do Concello coa participación dos alumnos de 1º a 4º de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os os usuarios da Asociación ASPAVI.

Ese día tivemos unha homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO para conmemorar o 181 aniversario do seu nacemento -día 24 de febreiro- cunha actividade que correu a cargo de Ana Hermida da Asociación Cultural Lisístrata.

Un espectáculo de poesía dramatizada titulado "TECÍN SOIA A MIÑA TEA" no que a actriz fixo dramatizacións de poemas da nai das nosas letras amosando unha Rosalía actual, como os temas que ela trata nas súas obras, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Foi un día fermoso cunha fermosa actividade na que participaron moi activamente os asistentes á mesma.

Un moi bo inicio das actividades neste ano 2018.

Continuaremos coa programación nos próximos días deste mes de marzo no que levaremos a cabo varias actividades en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Festival Atlántica 2018.

O programa de dinamización da lingua galega e de animación á lectura que BiblioPazos prentende desenvolver ao longo de todo o ano incluirá moitas e diversas actividades dirixidas a público infantil, xuvenil e adulto e intentará acaparar moitos ámbitos da educación e da cultura: ciencia, maxia, contacontos, encontros con autores, narración oral, homenaxes a autores e escritores, celebración de días mundiais e internacionais, educación sobre o patrimonio local tanto inmaterial como natural, artístico, histórico, ecolóxico...; actividades de dinamización con música, teatro e danza, educación medioambiental...

Con esta programación, como en anos anteriores, dende BIBLIOPAZOS preténdemos contribuír á promoción da lectura como un vehículo de enriquecemento e de aproveitamento persoal, ofrecendo un espazos de encontro para descubrir e compartir. Así ofreceremos un conxunto de actividades para achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente.

Con elas pretendemos seguir reforzando o carácter de espazo aberto da biblioteca, ao tempo que alentar a aprendizaxe e a descuberta a través dos recursos que as bibliotecas proporcionan.

As actividades previstas para as vindeiras semanas son as seguintes:



Venres 9 de Marzo a partir das 11:00 horas no Auditorio do Concello, conmemoraremos o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER (8 de Marzo) cunha actividade denominada "A HISTORIA EN FEMININO" a cargo da actriz Ana Hermida da Asociación Cultural Lisístrata.

Clica AQUÍ para ver os carteis da actividade.

O espectáculo de narración oral "A HISTORIA EN FEMININO" para celebrar o Día Internacional da Muller consiste nun achegamento ao mundo infantil e xuvenil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que noubo ao longo da historia: científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras..., todas teñen cabida nesta historia en feminino. A través de contos, curiosidades, diversión en xogos, tentase facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión mais real da historia.

Na primeira sesión de 11:00 a 12:00 horas están convidados os alumnos de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Na segunda sesión de 13:00 a 14:00 horas acudirán ao auditorio os alumnos de 1º e 2º da ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos.

E seguiremos homenaxeando á muller, á lingua galega e ás linguas lusófonas coas actividades nas que participa o Concello de Pazos de Borbén por primeira vez no FESTIVAL ATLÁNTICA 2018 inaugurando o mesmo coa primeira actuación do festival no auditorio do concello.

O Martes 13 de marzo visitará Pazos de Borbén dende a illa de Madeira (Portugal) a actriz e contadora de historias SOFÍA MAUL que nos traerá o seu espectáculo de narración oral "AMORES HAI MOITOS... ATA NAS ILLAS", unha sesión de contos con moito humor, amores imposibles, inmensos, pequechos. E as mil aventuras que poden acontecer cando dous seres deciden xuntar os seus soños. Unha mestura de contos tradicionais e de autor para facer unha viaxe ao universo do corazón.

Temos convidados para esta ocasión aos alumnos de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

O Venres 16 de marzo dende Brasil acudirá a narradora oral, garimpeira de palavras, autora e outras tantas, graduada em Serviço Social e especializada em Arte-Educaçao no Brasil, mestranda em Educaçao Intercultural pela Universidade de Lisboa, con investigaçao en contos de tradiçao do sertao brasileiro TÂMARA BEZERRA que nos traerá o seu espectáculo de narración oral "TODA MULHER TEN A CABAÇA CHEIA DE HISTORIAS". Uma sessao de histórias que apresenta tanto contos de tradiçao como contos de autor. Em todos os enredos aparece a figura forte de uma narradora de histórias como personagem e uma matriz tradicional que apresenta a fortaleza da oralidade. 

Temos convidados novamente para esta ocasión aos alumnos de 3º a 6º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e os usuarios da Asociación ASPAVI.

Convidámoste a participar das actividades de BiblioPazos.
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.