luns, 5 de marzo de 2018

130 ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE D. RAMÓN OTERO PEDRAYO

Con este pequeno artigo queremos conmemorar hoxe o 130º aniversario do nacemento do célebre defensor das Letras Galegas D. Ramón Otero Pedrayo.

Ramón Otero Pedrayo, ca.1950
Nado en Ourense o 5 de marzo de 1888, pertenceu ao denominado grupo Nós. Traballou distintos xéneros literarios: ensaio, novela e poesía, ademais de estudos científicos xeográficos na súa cátedra da Universidade de Santiago de Compostela.

Na Guía de Galicia, que dirixiu, están algunhas das súas mellores achegas. Militante do Partido Galeguista, foi deputado nas Cortes da República.

Entre as súas novelas destacan "Os  camiños da vida" (1928) e "O mesón dos Ermos" (1936), descrición minuciosa dos costumes e da vida rural galega.

Pero a máis coñecida é  "Arredor de si" que pode considerarse como parcialmente  autobiográfica e que nos permite albiscar os camiños que percorreron os integrantes da chamada Xeración  Nós ata o galeguismo.

Tamén descatan entre as súas obras a novela "O señorito da Reboraina" (1960), os ensaios sobre a paisaxe e a cultura de Galicia, o poemario "Bocarribeira" (1958) e a súa achega ao eido teatral.

A biblioteca e os documentos e escritos de Otero  Pedrayo están conservados pola Fundación Otero Pedrayo onde podes conseguir moitísima máis información sobre a vida e obra do autor.

Achegate pola Biblioteca de Pazos de Borbén para solicitar algunha das obras do autor das que dispoñemos no noso catálogo. Preme AQUI para velas todas.

Deixámosvos unhas portadas dos libros dos que dispoñemos  en BiblioPazos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.