sábado, 24 de agosto de 2013

O Portal das Palabras', ferramenta para achegar léxico á sociedade galega


O presidente da RAG agradeceu a colaboración da Fundación Barrié para desenvolver esta iniciativa que permitirá dar un "salto de xigante" na prestación de servizos a favor da lingua galega.

De esquerda a dereita, Henrique Monteagudo, Xosé Alonso Montero, José María Arias e Javier López, onte  - FOTO:  Almara
De esquerda a dereita, Henrique Monteagudo, Xosé Alonso Montero, José Mª Arias e Javier López 
FOTO: Almara
 
"O Portal das Palabras", un novo espazo de difusión do léxico e a lexicografía galega promovido pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié, está dispoñíbel desde hoxe na Internet para ofrecer novos recursos didácticos, lingüísticos e lúdicos.

Os presidentes da RAG, Xesús Alonso Montero, e da Fundación Barrié, Jose María Arias, presentaron nesta mañá o portal na Coruña.

"O Portal das Palabras", dispoñíbel na web www.portaldaspalabras.org e con versións para móbiles e tablets, ofrece curiosidades léxicas, información sobre termos, así como unha nova versión do dicionario electrónico da RAG, vídeos explicativos e soportes didácticos.

O obxectivo é que "O Portal das Palabras" sexa unha ferramenta para levar o léxico á sociedade galega, especialmente aos máis novos a través dos recursos didácticos.

Alén do dicionario -que inclúe a posibilidade de buscas avanzadas, sinónimos e antónimos-, o portal conta cun observatorio de tendencias con explicacións léxicas; xogos, recursos didácticos e vídeos.

A sección "Sestrelo" explicará o significado e historia de sete palabras relacionadas cunha mesma temática; mentres que en "Palabras asinadas" un académico comentará un termo da súa preferencia.

O portal inclúe tamén a posibilidade de cuestionar directamente os académicos sobre léxico e normas lingüísticas.

O presidente da RAG agradeceu a colaboración da Fundación Barrié para desenvolver esta iniciativa que permitirá dar un "salto de xigante" na prestación de servizos a favor da lingua galega.

Por outro lado, Arias remarcou a utilidade do Portal das Palabras, unha iniciativa que se encadra no programa EducaBarrié promovido pola Fundación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.