venres, 19 de abril de 2013

Adiviñas monstruosas - LITERATURA INFANTIL

Adiviñas monstruosas
Gloria Sánchez
Ilustracións de Purificación Hernández
Col. Tucán Serie Azul, 9.
Edebé-Rodeira. A Coruña, 2006
A partir de 6 anos 

Conxunto de vintecinco adiviñas presentando diferentes monstruos do imaxinario infantil. Desde a tradición popular a referentes literarios e cinematográficos, todos eles xogan con humor nos poemas, formalmente dinámicos e ritmicamente eufónicos. Así:

O Polbo chapa con furia un cargueiro de alcatrán, barcos de guerra e mesmo un baleeiro co seu capitán, porque lle incomoda que estraguen o mar. A Araña tramposa tece unha hamaca para a mosca: é unha acróbata maligna. O burro do Lobo sofre o engano de mamá cabra.

A Man Negra, agachada debaixo da cama, agarda que o neno vaia mexar na noite. A Cabaza é unha cabeza de vento que na noite de Santos asusta a xente. A Coca anega a vila ou préndelle lume a todo e rabaña pequerrechos, sobre todo os formaliños e bos. O Cocón a quen vence Supersoneca agáchase entón dentro do armario. Ao Home do Saco vello e desdentado furáronlle o saco as ratas e cáelle o que leva nel. A Bruxa é un espantallo cunha vasoira a reacción e unha apócema tan sonora como sorprendente. O malfadado Lobishome vai todo traxeado de día e espido de noite. A Santa Compaña parece pero non é unha manifestación nin unha excursión nocturna.

O Dragón ao esbirrar queima o pano de man. O Vampiro é un paxariño malo. Os feos e bobos Trols levan os mocos pingando. O Zombi putrefacto é infeliz porque todos foxen del. O Yeti ten medo de si mesmo. O Esqueleto debe escapar dos cans. O Ogro fica esnaquizado ao querer recuperar o seu tesouro baixando a fabeira xigante. O Demo ten unha pota inmensa fervendo a cachón e a súa casa é un forno. O Fantasma bebe Fanta polas mañás. Un Barco Fantasma aparece e esmorece na borraxeira. A Momia asusta ao ladrón.

Frankestein busca moza mais todas fuxen del por vestir tan charramangueiro. O temible Pirata leva no ombro un gran paxaro da cor dos pallasos que se trabuca ao remedar a voz do amo. Jack Skellington, emulando a Papá Noel, reparte medos en lugar de regalos.

E, para que tamén xoguen os ollos, os monstros figuran simpaticamente retratados a cores. 

80 páx.
20 x 13 cm.
ISBN 978-84-96352-83-4
Fonte: BLIX

FAITE SOCIO DA BIBLIOTECA E LÉVAO PARA LER NA TÚA CASA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.