mércores, 27 de febreiro de 2013

226 concellos galegos teñen unha cobertura de Internet do 90%

A directora da Axencia pola Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, presentou en rolda de prensa o informe de evolución do Plan de Banda Larga no 2013, que completará os despregamentos de redes fixas e sen fíos que permitirán superar o 97% de poboación con cobertura de Internet e chegar ao 3% restante, que habita nas zonas máis illadas de Galicia, vía satélite. Cumprirase así a directriz da Axenda Dixital Europea de que todos os cidadáns teñan acceso a banda larga en 2013.

JPEG - 145.8 KB 

Deste xeito, ao longo do ano posibilitarase a conexión a internet aos 150.000 galegos que non dispoñen deste servizo a día de hoxe. O obxectivo é iniciar o 2014 cunha Galicia totalmente conectada e que máis de 1,3 millóns de galegos poidan facer uso das redes NGA, que permiten velocidades de ata 100 Mbps.

Ademais, durante este ano completarase a cobertura dos 74 puntos de servizos públicos (centros educativos e sanitarios, xulgados, farmacias) que aínda non contan con acceso á banda larga de calidade e ao único polígono industrial que carece deste servizo.

 
Máis do 95% de galegos con cobertura a día de hoxe


Adiantándose un ano aos seus obxectivos o Plan de Banda Larga pechou 2012 superando o 95% da poboación con cobertura de Internet. Desde o seu inicio, a mediados de 2010, o Plan posibilitou o acceso á Rede a máis de 636.000 galegos dos 786.000 que carecían deste servizo. A día de hoxe o 72% (226) dos concellos galegos teñen o 90% da poboación con cobertura de Internet, antes do plan só dous municipios acadaban esta porcentaxe.

As seis actuacións do Plan, todas en marcha, permitiron dotar de acceso á rede a 576 centros de servizos públicos (centros educativos e sanitarios, farmacias e xulgados) e a 19 polígonos industriais, que non dispoñían deste servizo. A día de hoxe dispoñen de banda larga de calidade o 97% dos centros educativos (77% en 2010), o 98% dos centros sanitarios (66,5% en 2010), o 99% dos xulgados (91% en 2010), o 99% das farmacias (93% en 2010) e o 99% dos parques empresariais (82% en 2010). 

Máis de 1 millón de habitantes con acceso a Redes de Nova Xeración

Ademais de facilitar o acceso a internet a todos os galegos, outro dos obxectivos do Plan é impulsar a implantación de Redes de Nova Xeración (NGA), que permiten velocidades de ata 100 Mbps, fundamentais para o impulsar o crecemento económico e a innovación empresarial. Galicia é das primeiras comunidades da Unión Europea en incentivar a extensión deste tipo de redes. O Plan permitiu que, ata finais de 2012, sexan xa máis de 1,1 millón os galegos que teñen acceso a estas redes máis punteiras. 

Punto de partida e orzamento

Tras un exhaustivo estudio sobre a cobertura de banda larga na Comunidade a Xunta detecta que en 2012 só o 71% da poboación tiña cobertura de Internet e que a banda larga non chegaba a todos centros de servizos públicos nin a todos os polígonos industriais. Para reverter esta situación ponse en marcha o Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013 cun investimento público privado de máis de 237 millóns de euros, 80 achegados pola Xunta aos operadores que colaboran no Plan.  

Consultas 

Para consultar os avances do plan cidadáns e empresas teñen a súa disposición a aplicación web, que permite coñecer os avances do Plan no seu núcleo de poboación e tamén se poden informar na oficina de banda larga por correo electrónico e no teléfono 981 95 78 68. 

sábado 12 de xaneiro do 2013, por Redacción
Fonte:
Código Cero 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.