xoves, 31 de xaneiro de 2013

Labyrinthus - LITERATURA XUVENIL

Labyrinthus
Xosé Lois García
Ilustracións de Xosé Cobas
Col. Punto de encontro. Everest Galicia. A Coruña, 2010
Literatura Xuvenil
Peza de teatro en tres actos.

 No primeiro, unha Voz Misteriosa diríxese aos congregados nunha Táboa Redonda no presbiterio de Santa María do Cebreiro para encomendarlles que busquen o Santo Graal, pois están chamados a construír a Vía Láctea, o Camiño de Santiago, purgando deste xeito as culpas da súa vida anterior para levalos logo ao oitavo ceo. Os doce vanse identificando entón coa súa nova vida, pois son de novo seres terreais e xa non membros da Santa Compaña. Preséntanse entón dirixidos por Artur: Perceval (que na súa vida anterior foi Aimeric Picaud), Lanzarote (ex-monxe do Císter), Galaz (Airas Nunes), Crudel (o meiriño que difamou ao trobador), Donidel (o ladrón do Camiño de Santiago), Xosé de Arimatea (Pedro III o Peregrino, bispo de Lugo), Dandrane (María Balteira), Morgana (pastora de ovellas), Guinebán (Sem Tob de Carrión), Drián (esmoleiro do Camiño de Santiago) e Merlín. Entre momentos visionarios, referencias á comida que van compartir e alusións ás pedras azuis do Cebreiro, das que unha é a pedra filosofal da liberdade, péchase o acto.

No segundo acto, organizados en catro grupos de tres, van na súa misión e de camiño dialogan sobre a simboloxía do número doce, os seis bosques da Táboa Redonda, os tres principios alquímicos e os catro elementos primordiais, entre historias vividas como os avatares licenciosos de María Balteira cando peregrinou para que se lle perdoasen os pecados, as inxurias contra os navarros escritas no Codex Calixtinus polo monxe negro de Cluny, o castigo ao xudeu de Carrión ou a interpretación da visión dun xeróglifo no Santo Camiño ata que, en terras do Miño e Portomarín, o bosque convértese no labirinto da Terra do Graal e debrúzanse sobre o chan ante unha enorme pedra.

No terceiro acto chegan ao Monte do Gozo, onde os abandona a Voz Misteriosa que os protexeu na súa busca porque xa son libres para conquistar a liberdade daquela terra. Abraiados, contemplan que un enorme incendio devora Compostela e as xentes foxen, pero só é unha visión do que eles poden evitar: o espolio da Patria. Para iso, deben procurar o Santo Graal no ollo da escultura do Adán das Praterías, que é un anaco de pergamiño, e levalo deica Fisterra canda a xente, que aparece con fouces e estandartes brancos e azuis. Entón, un xúbilo de estrelas anuncia unha nova era para a Patria liberada.

104 páx.
13 x 21 cm.
ISBN 978-84-403-1161-0
Fonte: BLIX

FAITE SOCIO DA BIBLIOTECA E LÉVAO PARA LER NA TÚA CASA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.