Pakolas presenta unha proposta musical-narrativa que conta e canta a historia da meiga Ecoralia, que nos ensinará a través das súas cancións e contos a importancia de consumir alimentos ecolóxicos, para coidar o medio ambiente, combater o cambio climático e garantir o benestar animal. Unha nova aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe.Así, a través das cancións e a narración, adentrámonos nas entrañas da carballeira máis extensa de toda Galicia, onde a vexetación é máis mesta e verde, vivía Ecoralia. Sempre vestía da cor do musgo e levaba unha trenza longa e roxa recollida cun estalote. Ecoralia era unha meiga moi nova e boa coñecedora de conxuros ancestrais aprendidos das súas avoas. Pero ela non era coma as demais.
De Ecoralia, moitas personaxes poderedes coñecer neste novo traballo musical, como o seu compañeiro Mistín, o lucecú, que vivía no medio das flores amarelas de xestas empregadas para os os seus conxuros. E, se Ecoralia era diferente ás demais meigas, Mistín era diferente aos demais lucecús, xa que tiña un semáforo no traseiro! Ramón o teixugo dispoñía do ultramarinos da vila. Sempre había alimentos coa etiqueta ECO de CRAEGA: froitas e legumes, leite, carne, ovos, mel e mesmo alimentos do mar. Os alimentos ecolóxicos sempre sentaban ben!. Tamén as tías Rosa e Mónica, dúas irmás xemelgas que coidaban das súas hortas coma ninguén. E por último Don Arsenio, que recollía unhas enormes mazás todo o ano!
Como podía ser? Todas estas personaxes e historias poderás coñecer neste novo espectáculo rockeiro, e desvelar este misterio.
"Pakolas", rockeiro e guitarreiro, é o nome co que Paco Cerdeira se presenta ante o público infantil, eido no que o músico conta con longa traxectoria. Neste concerto, Pakolas guiaranos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e a guitarra, nun espectáculo individual creado polo propio autor, onde a interacción e participación coas nenas e nenos, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo para o público.
Están convidados a participar nesta actividade os escolares de 3º a 6º de Primaria do CPI “Curros Enríquez” de Pazos.

Esta actividade atópase incluída no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e coas súas bibliotecas.