venres, 12 de setembro de 2025

"O CONTO DE BARRIGA VERDE" de Manuel María con FRAN REI de Culturactiva - Programa LER CONTA MOITO de 2025


Continuamos coas actividades do mes de Setembro e nesta ocasión presentamos o espectáculo de narración oral "O CONTO DE BARRIGA VERDE" de Manuel María que nos traerá FRAN REI de Culturactiva e que terá lugar o Venres 19 de Setembro a partir das 13:00 horas nas instalacións do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e co que aproveitaremos para conmemorar a chegada do Equinoccio de Outono e inicio do curso escolar 2025/2026.
Fran Rei presenta un novo espectáculo unipersoal que mestura narración oral, humor e maxia: O conto de Barriga Verde, escrito por Avelino González a partir de tres obras de Manuel María (Barriga Verde, Os soños na gaiola e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela).

Os Contos de Barriga Verde pretende ser un achegamento á poesía, prosa e teatro do autor lucense a quen lle dedicaron o Día das Letras Galegas no ano 2016.
Un contacontos que mestura a narración coa maxia e os monicreques con Fran Rei en escena.

Nesta sinxela historia, Fiz, un mozo labrego galego, terá que enfrontarse ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Moza.

Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, vello e neno demostrarán ao mesmo tempo que nada é máis forte que o amor verdadeiro.

"Aquí sigo: ledo, ufano, satisfeito de estar vivo. Mentras o tempo me gasta: paseo, leo e escribo...!"
(Manuel María, Os Soños na Gaiola, 1968)
Están convidados a participar nesta actividade os escolares de Infantil e 1º e 2º de Primaria do CPI "Curros Enríquez" de Pazos e Infantil da EEI "A Galeriña" de Nespereira.

Fran Rei é un nome fundamental do clown en Galicia. Cofundador, pallaso en activo e coordinador da compañía oficial do Festival Internacional de Clown de Galicia (Festiclown), Os Sete Magníficos Máis Un, ten participado con ela nun total de doce espectáculos teatrais desde o ano 2001. En paralelo, ten traballado noutras compañías de teatro galegas, como Bagunça Teatro, Produccións Desaqueloutradas, Acontrabutaca e Culturactiva SCG, e tamén ten experiencia no mundo televisivo. Xunto a Pedro Brandariz, formou as parellas cómicas O Gordo e o Calvo e Os ramistas, que participaron regularmente no programa Luar da TVG entre 2012 e 2016.

Na súa formación escénica destacan numerosos cursos de teatro, clown e bufón con algúns dos mellores mestres do panorama internacional, como Good Idea Company, Carlo Colombaioni, Leo Bassi, Eric de Bont, Iván Prado ou Antón Valén. Igualmente, tamén el exerce de profesor, xa que traballa como monitor de dramatización, dirixe varias aulas de formación teatral desde 2001 e desenvolve regularmente obradoiros de iniciación e perfeccionamento da técnica do clown.

Nos últimos anos está especializándose na dirección de espectáculos cómicos e de pequeño formato. Así, é director dos espectáculos Supergalácticos, de Código Morsa, Volta á maxia, de Dani García, Ritmo refugallo, de Trío Refugallo e Concerto singular (e plural) de Píscore. Ademais, é membro fundador da organización galega de cooperación internacional a través das artes Pallasos en Rebeldía e, con esta entidade, ten participado en diversas caravanas de pallasos por comunidades indíxenas de Chiapas (México).

Esta actividade atópase incluída no programa de dinamización da lectura LER CONTA MOITO que promove a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración cos concellos e coas súas bibliotecas. 

EN BIBLIOPAZOS,  A BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DO CONCELLO DE PAZOS DE BORBÉN, SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Grazas polo teu comentario e por compartir a túa experiencia.
A túa participación axúdanos a mellorar.