mércores, 16 de outubro de 2024

CÓMO SE FIXO "CINZA" charla a cargo de Manel Cráneo e Xaviel Alcalá sobre o proceso de creación desta novela gráfica - Programa "falaRedes" da Rede de Dinamización Lingüística

Continuamos coa programación da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Pazos de Borbén do mes de outubro e para a semana que ven temos prevista a seguinte actividade en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística enmarcada no programa de dinamización lingüística falaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.


Como se fixo "Cinza" é unha charla que será impartida polos autores Xavier Alcalá e Manel Cráneo ao alumnado de 3º e 4º de ESO do CPI "Curros Enríquez" de Pazos o próximo Mércores 23 de outubro a partir das 13:10 horas nas instalacións do centro educativo.

O escritor da novela orixinal “A nosa cinza”, Xavier Alcalá, e o autor da adaptación á novela gráfica, Manel Cráneo, explicarán o seu proceso de traballo de como un “long-seller” que figura entre os libros mais vendidos da literatura galega, pasa ao formato novela gráfica.

A actividade estará apoiada pola proxección de materiais visuais que amosan a investigación gráfica que hai detrás da obra (fotografías antigas, story board, bosquexos previos, proceso de debuxo, anotacións e páxinas do guión).

Unha viaxe polas entrañas do proceso creativo da obra.


“Queimémonos,
Mais garde calor de presenza a nosa cinza
Na marcha sen final do tempo.”


“Cinza” é a adaptación de Manel Cráneo do “long-seller” “A nosa cinza”, de Xavier Alcalá, con máis de 80.000 exemplares vendidos. Conta a vida de Xoán, un rapaz criado durante a ditadura franquista, orfo de nai, fillo de médico, de familia galeguista. Durante dez cursos escolares na cidade, con vacacións na aldea, que se vai convertendo nun lugar de moda para o veraneo, vemos a Xoán medrar no duro contexto do seu tempo. Os anos de escola e instituto marcan a transición do neno inocente ao mozo que se ha de enfrontar aos designios da vida para cortar o cordón umbilical coa súa familia.

Unha obra universal e intemporal chea de referencias polos temas que a vertebran: a morte, a amizade, os excesos da relixión e a dureza dun réxime totalitario. A morta asalta o protagonista desde cativo; o sexo xórdelle como premio inalcanzable; a amizade corre paralela a unha violencia que ensombrece a vida do neno e do adolescente; o fundamentalismo relixioso acosa, abafa os sentimentos; imponse a Formación do Espírito Nacional Católico empeñado en agochar o galeguismo.

Informamos que tanto a novela gráfica "Cinza", un volume de 136 páxinas a branco e negro; e a novela orixinal "A nosa cinza" están a disposición das usuarias e usuarios da Biblioteca no noso catálogo.

EN BIBLIOPAZOS SEGUIMOS TRABALLANDO POLA EDUCACIÓN E A CULTURA